Saltar ao contido

Gran Baía Australiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaGran Baía Australiana
Imaxe
Tipobaía Editar o valor en Wikidata
Parte deOcéano Índico Editar o valor en Wikidata
Localización
País da cuncaAustralia Editar o valor en Wikidata
División administrativaAustralia Editar o valor en Wikidata
Mapa
 33°S 130°L / -33, 130
Afluentes

A Gran Baía Australiana (inglés: Great Australian Bight) é unha inmensa baía situada ao sur de Australia, no océano Índico. Esténdese desde o cabo Pasley (no estado de Australia Occidental, dentro do Parque Nacional Cabo Árido) ata o cabo Carnot (en Australia Meridional, dentro do Parque Nacional Lincoln), cunha distancia total de 1.160 km. A súa maior parte esténdese ao sur da chaira de Nullarbor.

Extensión

[editar | editar a fonte]

A máxima autoridade internacional en materia de delimitación de mares, a Organización Hidrográfica Internacional (International Hydrographic Organization, IHO), considera a Gran Baía Australiana como un mar parte do océano Índico. Na súa publicación de referencia mundial, «Limits of oceans and seas» (Límites de océanos e mares, 3ª edición de 1953), asígnalle o número de identificación 62 e defíneo da forma seguinte:

No norte.
A costa sur de Australia.
No sur.
Unha liña que une o West Cape Howe (35°08′S 117°37′L / -35.133, -117.617), en Australia, co cabo South West, en Tasmania.
No leste.
Unha liña desde o cabo Otway, Australia, ata a illa King e de alí ao cabo Grim, o extremo noroeste de Tasmania.
Limits of oceans and seas, páx. 10.[1]

Outra definición moi utilizada é a utilizada polo Servizo Hidrográfico de Australia (Australian Hydrographic Service, AHS) que establece que os seus límites son, desde o cabo Pasley, en Australia Occidental, ata o cabo Carnot, Australia do Sur, unha distancia de 1.160 km.[2]

O nome máis xeralmente aceptado en Australia para o corpo de auga adxacente é o de océano do Sur ou Meridional (Southern Ocean) en lugar do océano Índico.

Gran parte da baía atópase ao sur da expansiva chaira de Nullarbor, que se estende entre os dous estados australianos de Australia Meridional e Australia Occidental. A autoestrada Eyre pasa preto dos cantís da baía entre Head of the Bight e Eucla.

As costas da baía caracterízanse polos seus grandes cantís de 60 metros de altura na contorna das praias, e as súas plataformas rochosas. As augas da baía, aínda que non son moi profundas, apenas contan con vida mariña, a diferenza da maioría das plataformas continentais, que acollen a multitude de especies. Isto é debido a que o deserto situado ao norte da baía é árido. As precipitacións son escasas e, cando se producen, a auga infíltrase ou forma lagos salgados. Por tanto, a Gran Baía recibe pouca auga doce e nutrientes fertilizantes, converténdose nun deserto submarino. Con todo, o número de quenllas que frecuentan estas augas costeiras é grande, así como o de baleas francas austrais.

Exploración

[editar | editar a fonte]

A Gran Baía Australiana foi explorada por primeira vez en 1627 pola expedición neerlandesa de Pieter Nuyts e François Thijssen, bordeando a parte occidental da costa. O explorador británico Matthew Flinders realizou un mapa da costa en 1802, durante a súa circunnavegación ao redor de Australia. En 1841, Edward John Eyre encabezou a primeira expedición á rexión por vía terrestre.

Economía

[editar | editar a fonte]

A baía foi explotada durante longos anos para a pesca, especialmente a de baleas, moluscos e crustáceos. O atún azul do sur (Thunnus maccoyii) era a principal captura da pesca na baía, pero a especie atópase actualmente ameazada.

  1. «On the North.
    The South coast of Australia.
    On the South.
    A line joining West Cape Howe (35°08′S 117°37′E) Australia to South West Cape, Tasmania.
    On the East.
    A line from Cape Otway, Australia, to King Island and thence to Cape Grim, the Northwest extreme of Tasmania».
    A tradución o galego é propia. A versión orixinal, en inglés, está dispoñible en liña no sitio oficial da «International Hydrographic Organization» en: https://www.iho.int/publicat/free/files/S23_1953.pdf Arquivado 24 de xuño de 2009 en Wayback Machine..
  2. "Great Australian Bight" (en inglés). Encyclopaedia Britannica. Consultado o 29 de setembro de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Edminds, Jack (1976) Panorama of Western Australia : the Great Australian Bight Perth,W.A. Periodicals Division, West Australian Newspapers. ISBN 0-909699-11-9 (ANB/PRECIS SIN 0140147)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]