Saltar ao contido

TF1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

TF1 é unha canle xeneralista privada de televisión francesa, que emite en Francia e tamén é visible en Bélxica, Suíza , Luxemburgo e Andorra. Fundada en 1935, é a cadea de televisión máis antiga de Francia e a de máis audiencia. Foi unha cadea pública dende a súa fundación ata 1987, cando o goberno de François Mitterrand decidiu privatizala. A cadea pertence ao grupo Groupe TF1, con capital maioritario do grupo Bouygues. Non estará dispoñible en analóxico despois do 29 de novembro de 2011.

Comezos (1935 a 1949)

[editar | editar a fonte]

A primeira canle de televisión francesa naceu o 13 de febreiro de 1935, emitindo dende un estudo de radio en París. Meses máis tarde, en novembro, realizaríanse novas probas de emisións e non foi ata o 4 de febreiro de 1937 cando se iniciaron as emisións regulares da canle. Co estalido da segunda guerra mundial as emisións da canle cesaron.

As emisións televisivas non retornarían ata o ano 1942, cando se creou a Fernsehsender Paris (Televisión París) entre unha compañía francesa e o grupo alemán Telefunken. Esta canle comezou a emitir o 7 de maio de 1943 e estaba destinada aos alemáns residentes en París, dentro da invasión alemá durante a Guerra. Esta canle deixou de emitir o 16 de agosto de 1944.

En outubro de 1944, no seo da Radiodiffusion française (RDF), comezaron as emisións en VHF dende os estudos da anterior Fernsehsender Paris, e comezou unha programación regular de 12 horas á semana 1947. Ademais mostra outros avances como o seu primeiro boletín meteorolóxico ou o comezo de retransmisións en directo como a chegada do Tour de Francia en 1948. Ese mesmo ano a televisión francesa pasou a un estándar de 819 liñas VHF durante algúns programas, e máis tarde na maioría da programación.

Como RTF e ORTF (1949 ata 1974)

[editar | editar a fonte]

En 1949 a televisión francesa pasa a estar controlada pola Radiodiffusion-télévision française (RTF), ente que substitúe á RDF. O 29 de xuño dese mesmo ano comezaron os informativos, e un mes máis tarde o Goberno comezaría a aplicar un canon sobre cada televisor. Sucesivamente a televisión francesa comezou a ofrecer seriais televisados, retransmisións en directo con maior frecuencia como misas ou a marcha militar como conmemoración da Toma da Bastilla, uns informativos regulares e a primeira obra de teatro retransmitida para televisión en directo. En xullo de 1952 produciríase outro feito destacable, cando a RTF e a BBC realizaron a primeira emisión internacional de televisión, que serviu para retransmisións deportivas e outros acontecementos como a coroación de Isabel II do Reino Unido.

O Goberno francés realizaría unha campaña importante para mellorar a cobertura e implantación da televisión no país a principios dos anos 50. Durante esa década asentouse o informativo televisado (ás 8 da tarde) engadindo outros elementos como a cobertura das eleccións lexislativas, e acabouse coas 441 liñas de VHF en 1956.

Trala aparición da segunda canle de televisión o 21 de decembro de 1963, decidiuse renomear á canle como La premiere chaine, para atraer aos espectadores que desexarían ver a segunda canle no novo sistema UHF, e modificáronse os estatutos do grupo que pasou a chamarse Office de radiodiffusion télévision française, cun carácter autónomo respecto ao Estado e similares aos da BBC. A chegada da publicidade á primeira canle non se produciu ata o 1 de outubro de 1968. Anos máis tarde a ORTF chegou a modificar os seus estatutos que daban independencia entre as dúas canles e limitaba o recurso á publicidade ao 25%.

TF1 pública (1974 a 1987)

[editar | editar a fonte]

O 8 de xullo de 1974 nace a Société nationale de télévision Télévison Française 1 (abreviado, TF1), dentro da división da ORTF en 7 organismos e 3 canles de televisión (TF1, Antenne 2 e FR3), e que se faría activa o 5 de xaneiro de 1975. A principios do ano 1976 TF1 comezaría a emitir en cor de forma indefinida por UHF en 625 liñas, algo que xa levaban facendo as outras dúas canles públicas desde había anos.

Despois dunha caída de audiencias por debaixo de Antenne 2 en 1983, cambiouse a dirección da cadea e instalouse un novo concepto de programación que incluiría un novo informativo, debates e programas de comedia e diversión franceses de produción propia. Con todo, a primeira en termos de audiencia seguía sendo Antenne 2.

Privatización de TF1 (desde 1987)

[editar | editar a fonte]

En xuño de 1986 Jacques Chirac, novo primeiro ministro, propón a privatización dunha das tres canles públicas de televisión. Despois de ter como opcións a FR3 , que se descartou pola súa estrutura rexional, e Antenne 2, descartada por ser a canle con maior audiencia, optouse por privatizar TF1. A Comisión Audiovisual iniciou en setembro de 1986 o proceso de presentación de candidaturas para a xestión da canle, participando os seguintes grupos: Fininvest de Silvio Berlusconi, BTP Bouygues de Francis Bouygues, o grupo Filipacchi, o magnate da prensa Robert Hersant, o grupo Hachette, o home de negocios Bernard Tapie e o magnate da prensa Robert Maxwell.

Despois de descartar a candidatos como Berlusconi e Hersant (aliados coa cadea La Cinq) ou da retirada de Filipacchi, en abril de 1987 quedaban na loita pola canle o grupo Hachette, con Jean-Luc Lagardère á cabeza, e un consorcio encabezado polo grupo Bouygues e ao que se sumaron outros candidatos como Bernard Tapie e o apoio de grupos como Credit Lyonnais. Trala retirada de Hachette en febreiro, o 6 de abril de 1987 autorizouse a Bouygues a compra do 50% das accións, mentres que outro 40% sería posto a oferta pública de venda en bolsa en xullo do mesmo ano e o 10% restante das accións ían para traballadores da cadea, a un prezo por acción algo menor que a oferta pública.

O primeiro presidente da privatizada TF1 foi Francis Bouygues, mentres que Patrick Le Lay sería o seu vicepresidente. A cadea tivo que enfrontarse a diversos problemas nada máis ser privatizada, como a marcha dos seus principais presentadores e periodistas a outras canles(principalmente, a La Cinq) ou os salarios do persoal, pero presentou un plan ambicioso para intentar garantir a súa rendibilidade. En 1988 Bouygues confía a presidencia a Patrick Le Lay e comézase un plan de novos programas e series coa intención de recuperar a audiencia da canle. Ademais a cadea comeza a cambiar a súa imaxe corporativa en xullo de 1989 para facerse completamente oficial o 6 de xaneiro de 1990, adoptando o seu logo oficial: un rectángulo coas letras «TF1» e as tres cores da bandeira francesa para reafirmarse como a «Televisión Francesa».

Dende 1991 é a canle con maior audiencia de Francia, conseguindo o seu obxectivo principal de recuperar esa posición, emitindo programas cunha finalidade bastante comercial como series e programas de produción propia, algunhas series estranxeiras normalmente procedentes de Estados Unidos, e dereitos deportivos como campionatos de fútbol. A concesión de difusión de Télévision Française 1 SA como primeira canle de televisión foi renovada varias veces por parte do Comité Audiovisual Francés cada cinco anos, mantendo o capital da cadea.

TF1 logrou unha concesión de televisión dixital terrestre en 2003 e a través deste sistema comezou a emitir varios dos seus programas en 16:9, ademais de iniciar outros servizos como a «versión multilingua» que permite seguir a través do decodificador algúns programas en versión dobrada ou versión orixinal subtitulada. A canle confirmou que intentaría retransmitir toda a súa programación en 16:9 durante a tempada 2008–2009 coa chegada da Televisión de alta definición.

Programación

[editar | editar a fonte]

Críticas

[editar | editar a fonte]

A TF1 criticóuselle varias veces ao longo da súa historia. A principal crítica por parte da audiencia foi que a condición de cadea con maior audiencia gañouna na súa maioría con programas de produción propia que puidesen fomentar unha televisión cun carácter menos cultural que o das súas competidoras, ademais de ser unha das primeiras cadeas francesas en introducir reality shows na súa programación. Tamén retira varios dos seus programas se non compren as expectativas da cadea.

En temas informativos, TF1 foi criticada por manter, segundo os seus detractores, unha posición máis favorable a políticos concretos. Concretamente acusóuselle de favorecer a Édouard Balladur nas presidenciais de 1995 ou de que a maioría das aparicións de políticos nos seus informativos sexan os de carácter conservador como o UMP. Tamén foi acusada de favorecer os seus propios contidos sobre os que posuía os dereitos, como a Fórmula 1, nos seus informativos.

Denominacións da canle

[editar | editar a fonte]
  • 1935-1939: Radio-PTT Vision
  • 1943-1944: Fersehsender Paris
  • 1944-1945: Télévision Française
  • 1945-1949: RDF Télévision Française
  • 1949-1963: RTF Télévision (1949–1963)
  • 1963-1974: La première chaîne de l'ORTF (1963–1974)
  • Dende o 6 de xaneiro de 1975: TF1

Difusión

[editar | editar a fonte]

TF1 emite en TDT en toda Francia. Xa non estará dispoñible en analóxico despois do 29 de novembro de 2011. Recíbese a través dos operadores de cable e ADSL non só en Francia, senón tamén en Bélxica, Suíza, Luxemburgo, Mónaco, Andorra etc... Está dispoñible en toda Europa a través dos satélites Astra, Hotbird e Atlantic Bird, aínda que o sinal está codificado.

TF1 é a canle con máis audiencia de Francia, a segunda canle máis vista na Suíza romanda despois da Télévision Suisse Romande, a segunda canle máis seguida pola Comunidade francesa de Bélxica por detrás de RTL-TVI e unha das canles máis vistas de Europa.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]