Praza das Cinco Rúas
Praza das Cinco Rúas | |
---|---|
Praza co cruceiro barroco de 1773 | |
Tipoloxía | praza |
Dimensións | |
Lonxitude | 17 m |
Largura | 18 m |
Área | 286 m2 |
Localización | |
Localidade | Pontevedra |
Código postal | 36002 |
Construción | |
Comezo | século XIV |
A Praza das Cinco Rúas é unha praza de orixe medieval situada en pleno centro histórico da cidade de Pontevedra.
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]A praza debe o seu nome ao feito de que nela conflúen cinco rúas do centro histórico: as dúas partes da rúa de Isabel II e as rúas de Paio Gómez Chariño, Barón e San Nicolás.[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]A praza naceu na Idade Media como encrucillada de varios camiños.[3][4] Non formaba parte da primeira muralla do recinto da vila do século XII e estaba no lado exterior da porta do Leste, ao final da rúa Paio Gómez Chariño.[5] A praza foi amurallada no século XV e nela localizábase o torreón do Rouco. Denominábase praza dos Mendiños (nome da parte inferior da rúa Isabel II).[6] Con posterioridade denominouse praza da Independencia.
A finais do século XIX Valle-Inclán viviu na casa que pecha a praza polo oeste entre 1893 e 1895 cando escribiu o seu libro Femeninas.[7] No século XX a praza pasou a denominarse praza de Rogelio Lois. Con motivo da morte de Rogelio Lois en 1905, La Ilustración Gallega homenaxeouno e xestionou co Concello de Pontevedra unha praza que levase o seu nome.[8]
A praza foi reformada a partir de novembro de 1962 polo arquitecto e urbanista Francisco Pons Sorolla coa finalidade de destacar a beleza e o encanto do conxunto histórico.[9][10] Para aumentar a zona de uso público da praza, estableceuse unha xerarquía de espazos, diferenciando o punto central das áreas contiguas, mediante a instalación dun elemento destacado, ambientándoa cun cruceiro que foi traído do barrio de Estribela na parroquia de Lourizán.[11][12] Modificouse o espazo da praza para obter un acusado movemento de volumes. As escaleiras nos distintos planos coordináronse coa escaleira da casa ao lado oeste, logrando unha composición arquitectónica nobre. Para manter o ambiente típico do recinto, reformouse unha casa da praza para plasmar o carácter das vellas casas mariñeiras do litoral.[13]
O 25 de abril de 1996 aprobouse a recuperación da toponimia tradicional das rúas e prazas do centro histórico da cidade e a praza recuperou o seu tradicional nome de Cinco Rúas.
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha pequena praza de forma rectangular irregular, peonil como o resto do centro histórico da cidade. Está organizada en dúas alturas ou niveis debido á desigualdade no terreo en descenso desde un dos dous outeiros do centro histórico, xunto á basílica de Santa María a Maior, cara ao río Lérez.[14] Ao oeste atópase o nivel superior separado por un pequeno muro de pedra, co cruceiro destacado na esquina e escaleiras no medio para subir a esta plataforma pétrea. A parte baixa da praza, cruzamento das rúas circundantes, é a zona de tránsito onde conflúen as cinco rúas que lle dan nome e que é zona de tapeo, con terrazas dos bares e restaurantes nos baixos das casas de arquitectura tradicional galega que a arrodean.[15][4]
A praza está dominada por un gran cruceiro barroco de 1773. O cruceiro levántase sobre un pedestal ou base granítica e está ornamentado con varias esculturas que se estenden polo fuste, o capitel e a cruz.[16] Na parte inferior están representados Adán e Eva tentados pola serpe e probando o froito da árbore da ciencia mentres que no fuste se sitúa a imaxe de Santo Antonio co Neno no colo á beira dunha inscrición que pide unha oración polas ánimas do purgatorio e o Arcanxo Miguel.[14][11] Na parte superior, sobre o capitel, o pecado orixinal é redimido por Cristo crucificado cun frade á beira.[17][6]
Edificios destacados
[editar | editar a fonte]No lado sur da praza, facendo esquina coa rúa Paio Gómez Chariño, atópase unha casa barroca do século XVIII. Presenta óculos circulares na planta baixa. As fiestras e portas teñen recercados simples e pilastras de ángulo.[18]
Xusto ao final da parte superior da praza, a casa barroca[19] do número 27 da rúa Isabel II, orixinaria de 1450, ten 4 escudos de armas na súa fachada, dos cales tres son case idénticos con armas dos Pimentel e dos Figueroa, con dúas cunchas de vieira e dúas follas de figueira en forma de cruz. Un deles presenta a ambos os dous lados a seguinte inscrición en caracteres góticos: «ESTA OBRA MAN / DOU FAZER / ESTEVAN MARTINEZ / RREGYDOR / ERA DE CCCLXXX».[20] No centro da fachada atópase outro escudo de maior tamaño con flores de lis, rodeado de rocallas e na súa parte superior coroado por un helmo de fidalgo con penacho, cuxas armas corresponden a Melchor Francisco de Camba Flores.[17]
Galería
[editar | editar a fonte]-
O cruceiro no oeste da praza
-
Casa onde viviu Valle-Inclán
-
A praza á noite
-
Detalle de Adán e Eva no cruceiro
-
Casas de arquitectura tradicional galega na praza
-
Detalle do cruceiro da praza
-
Escudo central de armas da casa barroca do número 27 da rúa Isabel II
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nieto González 1980, p. 30.
- ↑ "Pontevedra a través de ocho plazas y la senda de un río". La Vanguardia (en castelán). 14 de maio de 2022.
- ↑ Álvarez Pérez 2021, p. 113.
- ↑ 4,0 4,1 "Pontevedra, a boa vila". Nius Diario (en castelán). 22 de febreiro de 2020.
- ↑ "¡La Plaza del Teucro: Vicisitudes e historia!". Pontevedra Viva (en castelán). 8 de outubro de 2022.
- ↑ 6,0 6,1 "Las cinco calles: Valle Inclán, el crucero y la rúa dos Caas. Memorando Civitatem "Duo Pontes"". Pontevedra Viva (en castelán). 27 de outubro de 2021.
- ↑ "Tras los pasos de Valle-Inclán en Arousa". El País (en castelán). 5 de setembro de 2022.
- ↑ "Rogelio Lois, 'el padre de los pobres'". Diario de Pontevedra (en castelán). 26 de febreiro de 2023.
- ↑ Castro Fernández 2013, p. 13.
- ↑ "ORDEN de 3 de septiembre de 1962 por la que se aprueba un proyecto de obras en la plaza de Rogelio Lois, en Pontevedra, conjunto monumental." (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 14 de novembro de 1962.
- ↑ 11,0 11,1 Riveiro Tobío 2008, p. 44.
- ↑ "Los vecinos de Estribela quieren recuperar su crucero, instalado en las Cinco Calles". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xaneiro de 2010.
- ↑ Castro Fernández 2013, p. 13-15.
- ↑ 14,0 14,1 Aganzo 2010, p. 80.
- ↑ "48 horas en Pontevedra: la bella desconocida". ABC (xornal) (en castelán). 21 de xuño de 2013.
- ↑ "La Concejalía de Patrimonio restaurará el Crucero de las cinco calles pintado con rotulador". Pontevedra Viva (en castelán). 18 de xaneiro de 2020.
- ↑ 17,0 17,1 Pepy G. Clavijo (26 de xuño de 2022). "Pontevedra, ¡Tan bonita!". Pontevedra Viva (en castelán).
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 286.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 158.
- ↑ Nieto González 1980, p. 32.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Praza das Cinco Rúas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 80. ISBN 978-8403509344.
- Álvarez Pérez, Belén (2021). Pontevedra en la baja edad media: trazado urbano, arquitectura civil y militar (en castelán). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. p. 113.
- Castro Fernández, Belén María (2013). "El embellecimiento del conjunto monumental de Pontevedra durante el franquismo". Revista AGALI Journal (Santiago de Compostela: Asociación Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica (AGALI)) (3): 13–15. ISSN 2253-9042.
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 158;286. ISBN 9788484573272.
- García Bujalance, Guillermo J. (2016). "Heráldica de la zona monumental de Pontevedra". Hidalguía: la revista de genealogía, nobleza y armas (Santiago de Compostela: Hidalguía) (373): 679–714. ISSN 0018-1285.
- Nieto González, Remigio (1980). Pontevedra. Guía monumental ilustrada (en castelán). Pontevedra: Asociación de Comerciantes de la calle Manuel Quiroga. pp. 30–31.
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 44. ISBN 9788482890852.