Nilo
Tipo | río | ||||
---|---|---|---|---|---|
Inicio | |||||
Continente | África | ||||
País da cunca | Tanzania, República do Congo, Exipto, Sudán, Uganda, Sudán do Sur, Eritrea, Kenya e República Democrática do Congo | ||||
Localización | Nilo Branco | ||||
Final | |||||
Altitude final | 0 m | ||||
Localización | Mar Mediterráneo | ||||
| |||||
Afluentes | |||||
Conca hidrográfica | Conca fluvial do Nilo | ||||
Características | |||||
Altitude | 2.700 m | ||||
Dimensións | 2.850 () km rede de drenagem: 6.650 () × 6.690 () km | ||||
Superficie da cunca hidrográfica | 3.400.000 km² | ||||
Medicións | |||||
Caudal | 2.830 m³/s | ||||
O río Nilo (النيل en árabe) é o maior río de África, que flúe en dirección norte a través de dez países —Burundi, Ruanda, Tanzania, Uganda, Kenya, República Democrática do Congo, o Sudán do Sur, o Sudán, Exipto e Etiopía— ata desaugar no extremo sueste do mar Mediterráneo, formando o gran delta do Nilo, sobre o que están situadas as cidades do Cairo e Alexandría. Ten unha lonxitude de 6853 km, o segundo río máis longo do mundo, tras o Amazonas.
A fonte máis afastada do lago Vitoria é o río Kagera, localizado ao oeste de Tanzania. Se se considera este como fonte do Nilo, o seu nacemento sería o curso de auga máis longo dos que desembocan no Mediterráneo, sendo o Nilo-Kagera o segundo río máis longo do mundo, cunha lonxitude de 6853 quilómetros.[1] Durante séculos foi considerado o río máis longo do mundo;[2] con todo, medicións dos anos 2007 e 2008 redefiniron o nacemento do Amazonas na conca do río Apurímac ao sur do Perú, designándoo como o río máis longo do mundo.[3][4]
O Nilo está situado ao nordeste do continente africano e tomou a súa actual configuración o final da era terciaria. O Nilo ten dous tributarios claros ou fontes principais: o Nilo Branco e o Nilo Azul dos cales o primeiro é máis longo. O primeiro atravesa os Grandes Lagos de África, tendo a súa fonte máis distante en Ruanda (2°16′55.92″S, 29°19′52.32″E), e flúe cara ao norte por Tanzania, o lago Vitoria, Uganda, o Sudán do Sur e o Sudán. O Nilo Azul, chamado Abay polos etíopes, nace ao noroeste de Etiopía en Gish Abay;[5] ao pouco do seu nacemento abastece ao lago Tana e continúa fluíndo cara ao sueste; uns 30 quilómetros despois forma as fervenzas do Nilo Azul e continúa o seu curso nesa dirección ata que toma a dirección noroeste, para entrar no Sudán polo sueste deste país. Os dous ríos xúntanse xusto ao norte da capital sudanesa de Khartún.[6]
A parte do norte do río flúe case completamente polo deserto, entre Sudán e Exipto, unha zona cuxa civilización dependeu do río desde hai milenios. A maior parte da poboación de Exipto e todas as súas cidades —fóra das do delta do Nilo e os oasis— atópanse ao longo do val do Nilo (ao norte de Asuán), e a maioría dos lugares de interese cultural e histórico áchanse ao longo das ribeiras do río. A desembocadura do río conforma o delta do Nilo, que desemboca no mar Mediterráneo.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte] |
En exipcio, os xeróglifos que o nomean son "itrw", que se transliteran como iteru. A palabra Nilo provén do grego Neilos (Νειλος), que significa "val do río".
O curso do Nilo
[editar | editar a fonte]Cunha lonxitude total de aproximadamente 6.650 km[n. 1] entre a rexión do lago Vitoria e o mar Mediterráneo, o Nilo é o río máis longo do continente africano. A conca fluvial do Nilo comprende 3 254 555 quilómetros cadrados, aproximadamente o 10 % da superficie de África.[11][12] No entanto en comparación con outros ríos importantes, o Nilo leva pouca auga (por exemplo, tan so leva o 5% da do río Congo).[13] A conca do Nilo é complexa, e debido a isto, a descarga en calquera punto ao longo do conduto principal depende de moitos factores, incluídos o clima, os desvíos, a evaporación e a evapotranspiración, e o fluxo de auga subterránea.
Arriba de Khartún, o Nilo tamén se coñece como Nilo Branco, un termo tamén utilizado nun sentido limitado para describir a sección entre o Lago Non e Khartún. En Khartún, o Nilo Azul únese o Nilo Branco. O Nilo Branco comeza na África Oriental ecuatorial, e o Nilo Azul comeza en Etiopía. Ambas as ramas están nos flancos occidentais da Greta da África Oriental.
Fontes do Nilo
[editar | editar a fonte]Aínda que habitualmente se considera que as fontes do Nilo están no Lago Vitoria o certo é que o lago é alimentado por moitos outros ríos, algúns deles dunha lonxitude e caudal considerables. A principal fonte do Nilo, o curso de auga máis distante ao Mediterráneo, é o río Kagera, un dos afluentes da parte central da beira occidental do lago, que desauga preto da cidade tanzana de Bukoba. Dúas son as fontes máis afastadas do Kagera e, polo tanto, do propio Nilo:
- A agora considerada fonte do Nilo, que se orixina preto do extremo setentrional do lago Tanganica, no corazón de bosque tropical de Nyungwe, na provincia Occidental de Ruanda. Esta cabeceira do Kagera, coñecida como río Rukarara, segundo descende e vai incorporando afluentes, cambia varias veces de nome: primeiro leva o nome de Mwogo, máis logo o de Nyabarongo; ao confluír o Nyabarongo co Akanyaru dá lugar ao nacemento do río Akagera, e, augas abaixo, ao recibir este pola dereita ao río Ruvubu, dá lugar finalmente ao río Kagera. O sistema fluvial Nilo-Nilo Branco-lago Vitoria-Kagera-Alkagera-Nyabarongo-Mwogo-Rukarara ten unha lonxitude total de 6756 km.
- A chamada fonte sur ou meridional do Nilo, a primeira coñecida, que se orixina en Burundi e é a máis caudalosa e austral (e polo tanto máis afastada do Mediterráneo, que non a máis longa). Atópase no extremo oriental das altas montañas do sur de Burundi, aproximadamente 45 km ao leste do lago Tanganica, entre Bururi e Rutana, na fonte do río Luvyironza. O Luvyironza flúe no Ruvubu, e este no Ruvubu, que ao confluír co Akagera dá lugar finalmente ao Kagera. O sistema fluvial Nilo-Nilo Branco-lago Vitoria-Kagera-Ruvubu-Luvyironza ten unha lonxitude de 6671 km, algo máis curta que a fonte ruandesa.
Nilo Branco
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Nilo Branco.
O Nilo deixa o Lago Vitoria nas Cataratas Ripon, preto de Jinga, en Uganda como Nilo Vitoria. Flúe uns 500 km, atravesando o Lago Kyoga, até o Lago Alberte, onde toma o nome de Nilo Alberte. Pasa entón ao Sudán, onde se coñece como Bahr al Jebel. Na confluencia deste co Bahr el Ghazal, que ten 720 km., o río pasa a denominarse Bahr al Abyad ou Nilo Branco, por causa da arxila en suspensión que arrastra. Desde aquí diríxese a Khartún.
O termo Nilo Branco é usado tanto nun sentido xeral, referíndose ao río antes de Khartún, como nun sentido limitado: a sección entre o lago No e Khartún. Desde o lago Vitoria ata a confluencia co Nilo Azul en Khartún, é a rexión onde recibe todos os seus tributarios, excepto o Atbara, que é de corrente periódica e habitualmente denomínaselle Nilo Superior ata o lago Alberte, e a partir de aí ata Khartún, Alto Nilo.
Nilo Azul
[editar | editar a fonte]O Nilo Azul (Tiqur Abbay (río Abay Negro) para os etíopes; Bahr al Azraq para os sudaneses) parte desde o lago Tana nas terras altas etíopes. Percorre 1.400 km até Khartún, onde se xunta co Nilo Branco. A maior parte da auga que arrastra o Nilo (80-85%) orixínase en Etiopía, pero esta cantidade só se dá no verán, cando caen as grandes choivas na meseta etíope. O resto do ano, os grandes ríos que percorren Etiopía e desembocan no Nilo (Sobat e Atbara) levan pouca auga ou están secos.
Nilo medio
[editar | editar a fonte]Esta zona do río esténdese desde Khartún ata Asuán. É unha rexión seca e árida que atravesa unha meseta deserta xa que non posúe outros afluentes que non sexan o río Atbarah[n. 2] que xúntase co Nilo a 300 Km ao norte de Khartún. Esta é outra característica infrecuente do Nilo, que o seu derradeiro tributario se lle une a medio camiño do mar. A partir deste punto, o caudal diminúe por causa da evaporación. Este tramo ten unha lonxitude aproximada de 1800 quilómetros, e caracterízase polas seis cataratas que posúe. A primeira delas atópase en Asuán, a segunda en Wadi Halfa, a terceira en Kerma, a cuarta entre Abu Hamad e Dongola, a quinta está a 45 quilómetros de Berber e a última, a sexta está a 80 quilómetros de Khartún.
O Nilo no Sudán ten dúas peculiaridades: flúe sobre seis grupos de cataratas, desde a primeira en Asuán até a sexta en Sabaloka (xusto ao norte de Khartún) e inverte a súa dirección durante boa parte do seu traxecto, dirixíndose cara ao suroeste antes de tomar dirección norte de novo. Isto chámase a "Gran Curva do Nilo".
Nilo inferior
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Delta do Nilo.
Esta zona que abarca principalmente o delta do Nilo é o territorio conformado polos fértiles depósitos aluviais do Nilo desde Asuán até desembocar no mar Mediterráneo e está composto por canles que irrigan o val e a depresión de Fayum, sendo posible navegar polo río. O delta está ao norte de Exipto e ten forma de letra grega Delta (Δ), de aí o nome dado polos antigos gregos.
É un dos deltas máis grandes do mundo, abarcando aproximadamente desde Alexandría, no oeste, a Porto Saíd, no leste, con 230 km de costa mediterránea, e até a cidade do Cairo, polo sur. É unha rexión fértil, moi apta para a agricultura e densamente poboada. No Antigo Exipto estas terras eran denominadas o Baixo Exipto.
Até a construción da presa de Asuán, estímase que o delta aumentaba de superficie unha media dun quilómetro cadrado anualmente, ou uns catro metros de lonxitude, a causa do achegue de limos. Desde épocas da primeira dinastía o delta incrementou a súa superficie un tres mil quilómetros cadrados.
Historia
[editar | editar a fonte]O Nilo foi a fonte de vida dos antigos exipcios. As súas beiras foron ocupadas desde a Idade da Pedra. Unha mudanza climática ou talvez a desertificación por exceso de pastoreo, desecaron as terras pastorís de Exipto para formar o deserto do Sáhara, posibelmente hai 10.000 anos, e os seus habitantes emigrarían cara ao río, onde desenvolveron unha sociedade agrícola e máis centralizada.
Eonilo
[editar | editar a fonte]Estímase que o actual río Nilo é, polo menos, o quinto río que fluíu cara ao norte desde as terras altas etíopes. As imaxes de satélite usadas para identificar cursos de auga secos no deserto ao oeste do Nilo, móstrannos un canón, Eonilo, agora recheo polo fluxo superficial. Isto representa un antigo Nilo chamado Eonilo que fluíu durante o Mioceno (de 23 a 5,3 millóns de anos antes do presente). O Eonilo transportou sedimentos ata o Mediterráneo, e varios campos de gas foron descubertos dentro destes sedimentos. Durante o Mioceno tardío produciuse a crise salina do Messiniense, cando o mar Mediterráneo quedou illado e se evaporou, e o Nilo baixou o seu curso a un novo nivel que estaba centos de metros baixo o nivel do océano en Asuán e 2400 metros por baixo do Cairo.[14] Este enorme canón que se formou está agora repleto de sedimentos.
Nilo integrado
[editar | editar a fonte]Hai dúas teorías en relación á idade do Nilo integrado: A primeira é que a drenaxe integrada do Nilo é de idade nova, que a conca do Nilo rompeu nunha serie de concas separadas e só a conca de máis ao norte tivo un río seguindo o curso actual do Nilo en Exipto.[15] Outra teoría proposta é que a drenaxe de Etiopía a través de ríos como o Nilo Azul ou o Atbarah/Takazze fluíu ao mar Mediterráneo a través do Nilo exipcio desde a era terciaria.[16]
Salama, en 1987, suxeriu que durante o Terciario houbo unha serie de concas continentais separadas, cada conca ocupando unha das principais gretas sudanesas: a greta Mellut, a greta do Nilo Branco, a greta do Nilo Azul, a greta do Atbara e a greta Sag El Naam.[17] A conca da greta de Mellut é de case 12 quilómetros de profundidade na súa parte central e posiblemente aínda está activa. O sistema da greta do Nilo Branco, aínda que é máis baixo que o Bahr El Arab, é aproximadamente de 9 quilómetros de profundidade.
A exploración xeofísica do sistema da greta do Nilo Azul estimou a profundidade dos sedimentos aproximadamente entre os 5 e os 9 quilómetros. Estas concas non foron interconectadas ata despois de que cesase o seu afundimento e a acumulación de sedimentos fose suficiente para encher as concas a tal nivel que permitise a conexión. Ao encherse as depresións conectáronse o Nilo exipcio e o sudanés que captaba as augas etíopes e ecuatoriais durante as últimas etapas das actividades tectónicas.[18] O río Atbara desbordouse e pechou a súa conca durante os períodos húmidos, fai entre 100 000 e 120 000 anos. O Nilo Azul conectouse ao Nilo principal fai entre 70 000 e 80 000 anos. A conexión do Nilo Vitoria produciuse aproximadamente fai 12 500 anos.
Papel na fundación da civilización exipcia
[editar | editar a fonte]O sustento xogou un papel crucial na fundación da civilización exipcia e o Nilo foi unha fonte inesgotable do mesmo. O Nilo, cando se desbordaba cada ano, facía que as súas ribeiras fosen sumamente fértiles. Foi grazas a iso que os exipcios foron capaces de cultivar trigo, cebada e liño, ademais o río achegaba abundantes peixes e papiro. Todo isto posibilitaba obter alimento suficiente para toda a poboación e outros importantes recursos, co que se evitaban en xeral posibles fames negras, moi frecuentes no Próximo Oriente debido á irregularidade das colleitas. Así mesmo, a auga do Nilo atraeu os búfalos de auga e, despois de que os persas o introducisen no século VII a.C., o camelo. Estes animais podían ser ser capturados, sacrificados a fin de consumir a súa carne, domesticados, usados para arar e mesmo para viaxar no caso dos camelos. O Nilo era tamén unha vía eficiente e cómoda de transporte de mercadorías e persoas: utilizábase como vía fluvial para transporte comercial ou recreativo.
A estabilidade do Exipto antigo foi unha das mellor estruturadas da historia e dise que foi resultado inmediato da fertilidade do Nilo. O Nilo tamén proporcionaba liño para comerciar. Tamén se comerciaba co trigo, unha colleita crucial no Oriente Medio, onde as fames eran frecuentes. Este sistema de intercambio asegurou a relación diplomática de Exipto con outros países e contribuíu á súa estabilidade económica. Tamén fornecía recursos como alimentos e diñeiro que permitían recrutar un exército, fose para a defensa ou para a expansión imperial.
No sistema ideolóxico-relixioso exipcio, o faraón era o responsable das inundacións do Nilo e, en agradecemento pola auga e as colleitas, os labregos cultivaban o fértil solo e enviábanlle unha porción dos recursos obtidos o propio faraón, que se encargaba de usalos en ben da sociedade. A súa relevancia espiritual era tan grande que os exipcios crearon un deus dedicado á inundación anual do Nilo, o deus Hapi, que xunto ao faraón controlaba a crecida. O río tamén se consideraba como o camiño da vida á morte e o alén. O leste era o lugar do nacemento e a vida e o oeste o da morte, segundo o deus Ra, o sol, pasaba do nacemento á morte e a resurrección cada vez que cruzaba os ceos. Por esta razón, todas as tumbas se localizaban ao oeste do Nilo, porque os exipcios crían que, para entrar no alén, tiñan que ser enterrados no lado que simbolizaba a morte.[19]
O historiador grego Heródoto escribiu que "Exipto é o regalo do Nilo", e non sen razón. Sen a irrigación posibilitada polas augas do Nilo, a civilización exipcia probablemente sería efémera. O Nilo proporcionou os elementos que posibilitaron a eclosión e o desenvolvemento dunha gran civilización que perdurou tres mil anos. O comercio foi continuo no Nilo desde hai miles de anos, como podemos ver no óso de Ishango, posiblemente a proba máis coñecida da multiplicación por duplicación exipcia que foi descuberto preto do lago Eduardo, no nordés do Congo e que foi datado cara ao ano 20 000 a. C., no Paleolítico superior.
A procura das fontes do Nilo
[editar | editar a fonte]A pesar dos intentos dos antigos gregos e romanos (que non foron quen de penetrar o Sudd), a bacía superior do Nilo permaneceu inexplorada na súa maior parte. Varias expedicións fracasaron en determinar as fontes do río, producindo as representacións clásicas helenística e romana do río como un deus home co seu rostro e cabeza cubertos por teas. O historiador e xeógrafo grego do século II a. C. Agatarcides rexistra que, en tempos de Tolomeo II Filadelfo, unha expedición militar penetrara o suficiente no curso do Nilo Azul para determinar que as inundacións estivais se debían a tormentas estacionais nas Terras Altas etíopes, mais non se sabe de ningún europeo que chegase ao lago Tana na Antigüidade, para canto máis alén da antiga cidade de Meroe.
Os europeos practicamente non conseguiron novos datos sobre as orixes do Nilo ata os séculos XV e XVI, cando viaxeiros por Etiopía visitaron o lago Tana e mesmo a fonte do Nilo Azul nas montañas ao sur do lago. A pesar de que James Bruce declarou ser o primeiro europeo en visitar esa fonte, escritores modernos con mellores coñecementos danlle o crédito ao xesuíta español Pedro Páez. A descrición de Páez da fonte do Nilo (Historia de Etiopía, c.1622) non foi publicado integramente ata comezos do século XX. Este texto é unha longa e vívida descrición de Etiopía. Con todo o relato aparece reflectido en varios escritos contemporáneos á súa composición, como a Historia geral da Ethiopia a Alta (Balthazar Telles, 1660), Mundus Subterraneus (Athanasius Kircher, 1664) ou O Estado Actual de Exipto (Johann Michael Vansleb, 1678). Os europeos viviran no país desde finais do século XV, e é posible que algún deles visitase a fonte anteriormente, pero foi incapaz de enviar un relato cos seus descubrimentos fóra de Etiopía. O portugués Jerónimo Lobo tamén describe a fonte do Nilo Azul, visitándoa pouco despois de Pedro Páez. O seu relato tamén aparece na obra de Balthazar Telles.
O Nilo Branco era máis misterioso e incomprendido, e os antigos pensaban, erroneamente, que o río Níxer representaba a bacía superior do Nilo. Plinio o Vello, por exemplo, escribiu que tiña as súas orixes "nunha montaña da Mauritania inferior", fluía sobre a terra durante "moitos días", pasaba logo baixo terra, reaparecía como un lago grande nos territorios dos Masaesilos, tornábase subterráneo outra vez baixo o deserto "durante unha distancia de 20 días até chegar aos etíopes" (Naturalis historial 5.10). Un mercador chamado Dióxenes afirmaba ter viaxado terra a dentro desde Rhapta, no leste de África, durante vinte e cinco días, até chegar ás fontes do Nilo nas Montañas da Lúa, aínda que se sospeita da veracidade desta historia.
As fontes do Nilo Branco ficaron ignotas até o século XIX, cando John Hanning Speke foi o primeiro en identificalas co lago Vitoria cando alcanzou a súa beira sur durante a súa viaxe de exploración polo África central con Richard Francis Burton e cuxo obxectivo era localizar os Grandes Lagos. Crendo atopar a fonte do Nilo ao ver por vez primeira esta «gran extensión de augas abertas», Speke deulle o nome da soberana do Reino Unido de entón. Burton, que se estivo recuperando dunha enfermidade descansando algo máis ao sur, nas esquinas do lago Tanganica, montou en cólera ao saber que Speke dera por demostrado que o seu descubrimento era a auténtica fonte do Nilo, cando Burton considerábao aínda como algo sen certificar. O que seguiu foi unha gran pelexa pública, que non só orixinou un intenso debate dentro da comunidade científica da época, senón que incitou a moitos outros exploradores para confirmar ou refutar o descubrimento de Speke. En virtude desta polemica, Speke, volveu uns anos despois (en outubro de 1860) para demostrar que os seus cálculos eran correctos, e descubriu as cataratas Ripon, que intuíu eran onde nacía o Nilo. Esta vez volveu polo lado norte, aínda que non puido facelo seguindo todo o curso do Nilo por problemas coas tribos veciñas, seguiu a dirección norte ata Gondokoro (Sudán) onde se atopou con Samuel Baker e a súa esposa que ían río arriba, e terminou de atravesar Exipto para volver a Inglaterra. O coñecido explorador e misioneiro británico David Livingstone fracasou no seu intento de confirmar as aseveracións de Speke ao desprazarse demasiado ao oeste e entrar na conca do Congo. Finalmente foi o explorador galés Henry Morton Stanley quen confirmou a veracidade do descubrimento de Speke ao circunnavegar o lago Vitoria e describir a gran saída de auga das cataratas Ripon na beira norte. Foi durante esta viaxe no que se supón que Stanley saudou ao explorador británico coas palabras «O doutor Livingstone, supoño?» ao atopar ao escocés enfermo e abatido no seu campamento á beira do lago Tanganica.
Expedicións recentes
[editar | editar a fonte]A expedición o Nilo Branco, dirixida polo surafricano Hendri Coetzee e patrocinada pola National Geographic Society, foi a primeira en navegar o Nilo na súa integridade. A expedición partiu da fonte do Nilo en Uganda o 17 de xaneiro de 2004 e chegou ao mar Mediterráneo exactamente en Rosetta catro meses e dúas semanas máis tarde. National Geographic produciu unha película sobre esta expedición cara a finais de 2005 e titulouna O río máis longo.[20][21]
O 28 de abril de 2004, o xeólogo Pasquale Scaturro e o seu compañeiro, o practicante de kaiak e cineasta documental Gordon Brown foron os primeiros en navegar o Nilo Azul, desde o lago Tana en Etiopía ás praia s de Alexandría sobre o mar Mediterráneo. Aínda que a súa expedición incluíu a varios compoñentes estes dous foron os únicos que permaneceron a viaxe completa. Filmaron a súa aventura cunha cámara IMAX e emitírona nunha película denominada O misterio do Nilo ademais de escribir un libro co mesmo título.[22]
O 30 de abril de 2005, un equipo conducido polos surafricanos Peter Meredith e Hendri Coetzee, foron os primeiros en navegar a parte máis remota do río Nilo, o río Akagera que comeza en Rukarara no bosque de Nyungwe en Ruanda. O 31 de marzo de 2006, tres exploradores de Gran Bretaña e Nova Zelandia, liderados por Neil McGrigor reclamaron ser os primeiros en viaxar polo río desde unha nova fonte na selva tropical de Nyungwe en Ruanda, descubrindo que o Nilo é 107 quilómetros máis longo que o que estaba previsto anteriormente.[23]
As inundacións do Nilo
[editar | editar a fonte]Os ciclos anuais do Nilo foron moi importantes na Antigüidade. Durante a inundación, o Nilo misteriosamente mais predecibelmente, subía cada ano para anegar e fertilizar a terra, que se atopaba sen choiva e no momento máis quente do ano. Unha boa inundación aseguraba a prosperidade; unha inundación moi pobre ou excesiva garantía sufrimentos.
O misterio do ciclo suscitaba admiración e estimulaba adoración e o traballo de rexistrar o historial das inundacións, cando se esperaban e a localización dos terreos dos labregos unha vez se retiraban as augas estimularon a creación do primeiro instrumento científico, o nilómetro, a astronomía e a agrimensura. A preocupación dos antigos exipcios por unha boa inundación estaba xustificada. Disque a súa ausencia reiterada e o nivel baixo xeral do río foron a causa do colapso do Imperio Antigo de Exipto. Estas preocupacións figuran na Biblia, na que Xosé interpreta os soños do faraón relacionados con anos de abundancia e de pobreza.
Máis recentemente, unha seca durante os anos 1980 provocou fame en Etiopía e o Sudán, se ben Exipto estivo protexido pola auga retida no Lago Nasser.
O Nilo aínda nutre moita da poboación que vive na súas beiras. Aínda se usa para transportar mercadorías a diferentes lugares do seu percorrido. Dado que os ventos no inverno sopran río arriba, os barcos de vela podían viaxar facilmente. A construción da Gran Presa de Asuán (rematada en 1970), que proporciona enerxía hidroeléctrica, detivo as inundacións estivais e a súa renovación do fértil limo, facendo necesaria a utilización de adubos químicos.
No Nilo sitúanse as cidades de Khartún, Asuán, Luxor e O Cairo. A primeira catarata, a máis próxima á desembocadura do río, é a de Asuán, ao norte da Gran Presa. Entre esta e o norte existe unha importante ruta turística, con barcos de cruceiro e botes de vela tradicionais, as falucas. Dúas paradas típicas son Edfu e Kom Ombo. Por problemas de seguridade, non se viaxa máis ao norte.
A importancia do río é moi alta dado que unha vez ó ano se desbordaba enchendo os terreos próximos de limo que fan desta terra unha das máis fértiles. Os antigos exipcios gabábano como a un deus e os seus protectores eran os crocodilos -cando comían unha persoa considerábase como un castigo dos deuses.
O Eonilo
[editar | editar a fonte]O río actual é, polo menos, o quinto río que ten saído das Terras Altas etíopes. As imaxes de satélite mostran leitos secos no deserto ao oeste do Nilo. Un canón do Eonilo, hoxe cheo de terra, representa este río ancestral que fluíu no Mioceno tardío. O Eonilo transportaba sedimentos clásticos ao Mediterráneo, que alí se depositaron e nos que se teñen atopado varios campos de gas natural.
Durante o Mioceno tardío, cando o Mediterráneo era un mar fechado e o nivel do mar baixou aproximadamente 1.500 m, o Nilo abriuse paso ao novo nivel até chegar a varias ducias de metros por baixo do nivel do mar en Asuán.
Anteriormente, o lago Tanganica vertía cara ao norte no Nilo, até que os volcáns das Montañas Virunga bloquearon o seu curso. Isto tería feito o Nilo moito máis longo, coa súa bacía superior en Zambia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A lonxitude do Nilo adoita ser aproximadamente 6650 km[8], pero os valores oscilan entre os 5499 km e os 7088 km[9]. As medicións da lonxitude de moitos ríos son só aproximacións e poden diferir entre si porque hai moitos factores que determinan a lonxitude calculada dun río, como a posición da fonte xeográfica e a desembocadura, a escala de medición e a técnica utilizada para medir a lonxitude (ver tamén Ríos máis longos do mundo).[9][10]
- ↑ O río Atbarah, nace en Etiopía ao norte do lago Tana e mide uns 800 km.
- ↑ EFE, ed. (3 de abril de 2006). "Una expedición británica asegura que el Nilo es 106 kilómetros más largo de lo establecido". El País.
- ↑ El Nilo: viaje por el río más largo del mundo, viajeaafrica.com, Consultado o 15 de setembro de 2008
- ↑ "El Nilo no es el río más largo del mundo". Mundo Negro Digital. 18 de xuño de 2007. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2009. Consultado o 26 de setembro de 2019.
- ↑ "¿Cuál es el río más largo del mundo?". El País. 16 de xuño de 2007.
- ↑ Oestigaard, T.; Gedef, A. F. (2011). WIT Press, ed. "Gish Abay: The Source Of The Blue Nile". WIT Transactions on Ecology and the Environment (en inglés) 153: 27–38. ISSN 1743-3541. doi:10.2495/WS110031.
- ↑ "What's the Blue Nile and the White Nile?". The Times of India. Arquivado dende o orixinal o 8 de marzo do 2017. Consultado o 27 de setembro do 2019.
- ↑ Nile Basin Initiative, ed. (2011). "The Nile River". Arquivado dende o orixinal o 2 de setembro de 2010. Consultado o 1 de febreiro de 2011.
- ↑ "Nile River". Encyclopædia Britannica. Arquivado dende o orixinal o 29 April 2015.
- ↑ 9,0 9,1 Liu, Shaochuang; Lu, P; Liu, D; Jin, P; Wang, W (2009-03-01). "Pinpointing the sources and measuring the lengths of the principal rivers of the world". Int. J. Digital Earth 2: 80–87. doi:10.1080/17538940902746082.
- ↑ "Where Does the Amazon River Begin?". National Geographic News. 2014-02-15. Consultado o 2018-12-25.
- ↑ iagua.es (ed.). "¿Cuál es el río más largo de África?" (en castelán). Consultado o 22 de novembro do 2019.
- ↑ EarthTrends: The Environmental Information Portal Arquivado 13 de setembro de 2006 en Wayback Machine., earthtrends.wri.org, Consultado o 23 de setembro de 2008
- ↑ "Bridging the Gap in the Nile Waters Dispute". Crisis Group (en inglés). 2019-03-20. Consultado o 21 de novembro do 2019.
- ↑ The Eonile Arquivado 28 de xullo de 2011 en Wayback Machine., spiritus-temporis.com, Consultado o 26 de setembro de 2008
- ↑ Said, R. (1981). The geological evolution of the River Nile. Springer-verleg.
- ↑ Williams, M.A.J. and Williams, F. (1980). Evolution of Nile Basin. In M.A.J. Williams and H. Faure (eds), The Sahara and the Nile. Balkema, Rótterdam, pp 207–224.
- ↑ Salama, R.B. (1987). "The evolution of the River Nile, The buried saline rift lakes in Sudan". J. African Earth Sciences 6 (6): pp 899–913. doi:10.1016/0899-5362(87)90049-2.
- ↑ Salama, R.B. (1997). Rift Basins of Sudan. African Basins, Sedimentary Basins of the World. 3. Edited by R.C. Selley (Series Editor K.J. Hsu) p. 105–149. ElSevier, Ámsterdam.
- ↑ María José Rubín. sobreegipto.com, ed. "La barca solar, viaje al más allá]" (en castelán). Consultado o 19 de novembro do 2019.
- ↑ THE LONGEST RIVER Arquivado 31 de outubro de 2014 en Wayback Machine., liquidlife.co.uk, Consultado o 19 de novembro de 2019
- ↑ kayakthenile.com. "Who we are - Kayak the Nile.com" (en inglés). Archived from the original on 25 de xullo de 2008. Consultado o 19 de novembro do 2019.
- ↑ Episode: Pasquale Scaturro, First Nile Descent Expedition Leader (2003-2004): «The Exploration of the Great Rivers of Africa» -15 de abril de 2007 Arquivado 20 de agosto de 2009 en Wayback Machine., podnova.com, Consultado el 25 de setembro de 2008
- ↑ Neil McGrigor Arquivado 23 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine.(en inglés), probertencyclopaedia.com, Consultado o 19 de novembro do 2019
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nilo |