Saltar ao contido

Xogo de cartas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xogo de cinco xogadores.

Un xogo de cartas é calquera tipo de xogo que se xoga con cartas[1] ou naipes[2] que son cartóns rectangulares, con vértices redondeados, iguais, con figuras debuxadas por un lado. Estas figuras son todas diferentes (excepto os comodíns). O outro lado é exactamente igual en todas as cartas, de xeito que, cando se ven dende este lado, as cartas non se distinguen para que os xogadores poidan ocultar as súas cartas de xogo aos seus compañeiros de xogo. A primeira referencia coñecida sobre as cartas está no libro de concordancias de Jaume March en 1371.[3]

Hai moitos tipos diferentes de xogos de cartas. Nalgúns, chamados xogos de envite, xogar é unha parte fundamental do xogo.

Os xogadores de naipes, de Paul Cézanne, 1895.

Os xogos de cartes xa se practicaban na antigüidade. Hai diferentes opinicións sobre se se orixinaron na India, ou se se empregaron primeiro na China e o Exipto, aínda que a opinión maioritaria é que foran creadas no séculoo XII, na China.[4][5]

Probablemente os xogos de cartas que se practicaban na antigüidade empregábanse primeiro con símbolos máxicos e despois simbolizando batallas.

Na China xogábase cun tipo de naipe que derivou do papel moeda e das fichas do dominó. En Persia orixinouse o Ganjifa o Gânjaphâ, un tipo de xogo de cartas que se fixo popular na India durante o Imperio Mongol no século XVI. Na India xogábse ao "Dasavatara Ganjifa", que está formado por unha baralla con dez paus baseados nos dez avatares ou reencarnacións de Vishnu: peixe, sapoconcho, porco bravo, león, anano, machado, arco e frecha, raio, pota e cabalo. A maioría dos naipes indios son redondos, de diferentes tamaños e están feitos con cartón lacado, cartón pedra e en ocasións marfil. Igualmente, no Xapón xógase aos xogos de cartas Karuta e as súas dúas barallas máis populares son a Hanafuda e a Uta-garuta.

O máis probable é que os naipes chegasen a Europa dende Oriente, introducidos polos árabes a través dos reinos cristiáns da Península Ibérica, aínda que tamén se di que foron levados polos cruzados. A primeira versión pode apoiarse no feito de que a baralla europea máis antiga sexa a chamada española, xa que os paus da baralla árabe eran moedas, copas, cimitarras e bastos, que despois evolucionaron a ouros, copas, espadas e bastos.

No Principado de Cataluña, o Consell de Cent, prohibiu os xogos de cartas en 1310 en Barcelona,[6] sendo esta a mención máis antiga dos xogos de naipes en Europa, e proba que levaba anos existindo. Tamén se coñecían noutras partes da Península Ibérica, xa que os estatutos da orde de cabalería da Banda fundada por Afonso XI de Castela en 1331, prohibían aos cabaleiros xogar aos naipes. Igual prohibición ditou Xoán I de Castela en 1387. Da Coroa de Aragón puideron pasar a Italia, a partir da conquista de Sicilia por Pedro III de Aragón (1282).

En Francia, en 1337, nas constitucións da abadía de San Vítor, en Marsella, menciónase (para prohibirllo aos frades) un xogo que chaman «páxinas» que podería referirse aos naipes:[7]

quod nulla persona audeat nec praesumat ludere ad taxillos nec ad paginas

En ocasións usáronse para distraer os nenos, en papeis realizados a man. En 1397 un decreto ditado en París prohibiu xogar aos naipes ás clases traballadoras en días de labor. Por outra banda, algúns investigadores estiman que as cartas, na súa versión francesa, se fabricaron por primeira vez en España en 1392 para que o rei Carlos VI se entretivese; así o contou o xesuíta Menéstrier (1631-1705), quen nun artigo publicado en 1702 no Journal de Trévoux expuxo que o xogo simbolizaba a estrutura feudal.

Historias míticas sobre a súa orixe

[editar | editar a fonte]

Segundo a lenda, os naipes foron inventados na China polas mulleres dos haréns para distraer o seu aburrimento. No ano 969, o emperador Mu-Tsung, da dinastía Liao, denunciou en público os naipes, imputándolles as desgrazas acontecidas á familia do duque Ch’ien.

Quizais a razón desta lenda sería que as cartas estimulaban o xogo, pasatempo que historicamente se prohibiu repetidamente sen resultado, como ocorreu en Florencia en 1277 e en 1387 por Xoán I de Castela, que prohibiu o xogo de naipes nos seus estados. Contra 1400, os xogos de naipes prohibíranse tamén en Francia, Suíza, Alemaña e os Países Baixos.

Barallas de cartas

[editar | editar a fonte]

As barallas máis empregadas son a española (48 cartas) e a francesa ou de póker (54 cartas). Ambas as barallas distribúense en 4 paus. O pau é un conxunto de cartas que se distingue por un patrón característico.

A baralla francesa emprégase internacionalmente.

Baralla española

[editar | editar a fonte]

A baralla española ten 48 cartas, divididas en 4 paus: ouros (moedas), copas, espadas e bastos.

Cada pau ten 12 cartas numeradas. Do 1 ao 9, as cartas teñen tantas figuras do pau correspondente como o número indica; as que teñen un 10 ten debuxado un paxe e chámanses sotas, ás que levan o 11 levan un cabaleiro e chámanse cabalos, e as que levan o 12 chámanse reis.

Tanto na baralla española como na francesa, as catro cartas que levan o número 1 chámanse áses. En moitos xogos, a carta máis importante é o ás, seguido das cartas de 12 a 2 en valor decrecente.

Baralla francesa

[editar | editar a fonte]
Baralla ao estilo británico. 8 de corazóns, comodín, raíña de diamantes e ás de picas

A baralla francesa, tamén coñecida como baralla de póker, consta de 54 cartas, repartidas en 4 barallas de 13 cartas, ademais de dous comodíns. Os paus son corazóns (), diamantes (), picas (♠) e trevos (♣). Os corazóns e os diamantes son vermellos e as espadas e os trevos negros.

En cada pau hai nove cartas numeradas do 2 ao 10; outra cun paxe, marcada cun J (do inglés Jack), outra coa raíña, marcada cun Q (do inglés Queen) e outra co rei, marcada cunha K (do inglés King). Normalmente a carta máis valiosa é o ás, seguido do K, do Q, do J e as cartas de 10 a 2 en orde descendente. Os comodíns pódense usar co valor de calquera outra carta.

Tipos de xogos de cartas

[editar | editar a fonte]

Dependendo do obxectivo do xogo, pódense agrupar en varios tipos. O primeiro é o que se basea nas mans, é dicir, en gañar á súa vez as cartas dos adversarios e planificar a estratexia segundo as novas cartas que aparecen, como o bridge ou a Dame de Piques.

Un segundo grupo inclúe xogos en que se trata de facer unha serie de combinacións, como escaleiras ou parellas, ao estilo de remi ou continental, e onde cada combinación ten unha puntuación diferente. Os xogos familiares baséanse en obter certas combinacións roubándoas ou pedíndoas a outros xogadores e pódense considerar variantes dos anteriores.

Hai xogos onde o obxectivo é quedar sen cartas, como o burro, o mentireiro ou o ximi-churri, incluíndo variantes comerciais como o Uno. Un cuarto tipo é o inverso, acumulando todas as cartas da baralla.

Os xogos da cartas máis alta baséanse na comparación de certas cartas que saen, como os xogos de casino como o póker ou outros como a brisca.

Un sexto grupo inclúe xogos de solitario, chamados así porque non se xogan contra ningún rival. Neles trátase de facer unha figura, descartar todas as cartas ou completar unha serie.

Os xogos de cartas de guerra, como Magic: The Gathering e todas as súas secuelas, forman unha división propia, onde a baralla inclúe elementos de ficción e úsase como representación do poder de cada xogador.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carta.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para naipe.
  3. Denning, Trevor (1996). The Playing-cards of Spain: A Guide for Historians and Collectors. Fairleigh Dickinson Univ Press. ISBN 0838637477. 
  4. Needham 2004, p. 328 "it is also now rather well-established that dominoes and playing-cards were originally Chinese developments from dice."
  5. Needham 2004, p. 334 "Numbered dice, anciently widespread, were on a related line of development which gave rise to dominoes and playing-cards (+9th-century China)."
  6. J. Amades y J. Colomines, "Els Soldats i altres Papers de Rengles" (Barcelona, 1933-1936) vol. II p. 7.
  7. D'Allemagne, Henri-René. Les cartes à jouer du XIVe au XXe siècle. París, Hachette, 1906. 2 vol, I pp. 16-17.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]