Orlando Letelier
Marcos Orlando Letelier del Solar, nado en Temuco (Araucanía) o 13 de abril de 1932 e finado en Washington, D.C. o 21 de setembro de 1976, foi un político e economista chileno, membro do goberno da Unidad Popular de Salvador Allende, asasinado en Washington polos axentes da ditadura en 1976. É pai do senador Juan Pablo Letelier.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1971 foi designado embaixador nos Estados Unidos polo presidente socialista Salvador Allende. Dous anos máis tarde, serviu como ministro de Relacións Exteriores e logo como Ministro de Defensa.
Tralo golpe militar do 11 de setembro de 1973, que levou a Pinochet ao poder, Letelier foi detido e torturado, sendo enviado a unha prisión política na Illa Dawson, no Estreito de Magallanes.
Despois da súa liberación, exiliouse a EE.UU e estableceuse en Washington en 1974, onde traballou para evitar a entrega de préstamos que pediu o goberno de Chile a Holanda entre outros países europeos para restaurar a economía.
Asasinato
[editar | editar a fonte]Pouco antes da súa morte foille retirada a súa nacionalidade chilena polo Estado chileno. As súas palabras sobre este feito foron:
Yo nací chileno, he vivido como chileno y moriré como chilenoOrlando Letelier
Letelier foi asasinado ao estoupar unha bomba de control remoto colocada baixo o seu automóbil o 21 de setembro de 1976. A morte non foi instantánea e morreu desangrado no lugar. O coche bomba tamén matou a axudante estadounidense de Letelier, Ronni Moffit.
O asasinato de Letelier formou parte dun esforzo coordinado por varias ditaduras militares en América Latina para intimidar e asasinar os seus opositores políticos.
Este esforzo, coñecido como a Operación Cóndor, incluíu nacións como Brasil, Arxentina, Chile, Paraguai, Uruguai e Bolivia. Tres destas nacións - Uruguai, Arxentina e Chile - comezaron a asasinar figuras da oposición en países estranxeiros durante a primavera de 1976 co patrocinio do goberno dos Estados Unidos de América.
Varias persoas foron procesadas e condenadas polo asasinato. Entre eles estaban Michael Townley, un expatriado estadounidense colaborador moi próximo á axencia de intelixencia chilena DINA, o xeneral Manuel Contreras, antigo xefe da DINA, e o xeneral de brigada Pedro Espinoza.
Precedido por: Ismael Huerta Diaz |
Ministro de Relacións Exteriores 1973 |
Sucedido por: Clodomiro Almeyda |
Precedido por: Carlos Briones |
Ministro do Interior 1973 |
Sucedido por: Carlos Briones |
Precedido por: Carlos Prats |
Ministro de Defensa 1973 |
Sucedido por: Patricio Carvajal Prado |