Saltar ao contido

Medicina Familiar e Comunitaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Centro de Saúde de Taboadela (Ourense).

A Medicina Familiar e Comunitaria, tamén denominada Medicina de Familia e Comunitaria, é unha especialidade médica recoñecida en España desde 1978. O seu ámbito de actuación é a Atención Primaria de Saúde.

Características

[editar | editar a fonte]

A especialidade xorde a partir da necesidade de reformar o sistema sanitario público español (Sistema Nacional de Saúde) seguindo as directrices da Lei Xeral de Sanidade, coa intención de potenciar de maneira clara o primeiro nivel de atención dos pacientes en contacto co sistema sanitario.[1] Para iso necesitábanse profesionais adecuados ás novas necesidades, con capacidade real de resolución de problemas de saúde á cabeceira do doente, o que ademais supón mellorar a eficiencia do sistema sanitario, ao resolver practicamente o 90% dos problemas de saúde neste nivel, derivando a outros niveis do sistema os problemas de saúde que, pola súa complexidade ou requerimintos tecnolóxicos, necesiten outros recursos.

Os médicos de atención primaria traballan cunha visión do enfermo holística, integral e biosicosocial. A atención baséase no doente, e non na enfermidade, na familia ou o contorno máis inmediato do paciente como condicionantes do estado de saúde, introducíndose unha visión comunitaria da medicina, a partir dunha análise da comunidade, a cal pode actuar como fonte de enfermidade ou como medio terapéutico, desde onde se pode actuar con medidas preventivas e de promoción da saúde. A actuación sobre a poboación é lonxitudinal (ao longo da vida do doente) e inclúe tanto a atención na consulta como no domicilio ou dentro dos diferentes recursos sociais (escolas, residencias de anciáns etc.).

Para poder conseguir este perfil de profesional, o ámbito de coñecementos da medicina de familia é moi amplo e inclúe practicamente todas as áreas médicas e cirúrxicas, de psiquiatría e de xestión sanitaria, sendo a capacidade de intervención sobre os problemas de saúde só limitada polos propios coñecementos e aptitudes do profesional e polas limitacións estruturais e de medios técnicos de que se dispoña.

O acceso á formación en medicina de familia e comunitaria é parte do posgrao, a partir do programa MIR (Médico Interno Residente) que ten unha duración de catro anos.[2] A medicina de familia e comunitaria está abrindo o camiño cara á universidade, para poder constituír unha área de coñecementos propia no currículo da licenciatura de medicina.[3]

Os principios básicos da especialidade foron claramente sinalados por moitos autores, entre os cales se conta Ian McWhinney. Aínda que outros médicos axudadoron a consolidar un corpo de coñecementos, un marco epistemolóxico propio, que lle permite obter identidade e poder ser recoñecida como unha verdadeira especialidade médica.

Noutros países

[editar | editar a fonte]

O propio nome da especialidade é motivo de controversias, aínda cando teñan programas de formación semellantes, non necesariamente iguais. Os General Practitioners de Suecia ou do Reino Unido son exemplo diso, ou a "Medicina Xeral Integral" (3 anos de estudo) que implementan os modelos de saúde cubano e venezolano no primeiro nivel de atención. En Venezuela é un posgrao universitario que ten unha duración de tres anos, avalado polo "Instituto de Altos Estudios en Salud Pública Dr. Arnoldo Gabaldón" do Ministerio do Poder Popular para a Saúde.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Casado Vicente, V. (coordinadora) (2012): Tratado de Medicina de Familia y Comunitaria (2ª ed.). Madrid: Panamericana. ISBN 978-84-9835-585-7-
  • Martín Zurro, A.; Cano Pérez, J. F. e Gené Badia, J. (2014): Atención Primaria (7ª ed.). Barcelona: Elsevier. ISBN 978-84-9022-867-8.
  • Roa, R.; Ruiz, M. L. e Siede, J. (1997): Medicina Familiar. Hacia un nuevo modelo de Atención de la Salud. Principios y Herramientas. Buenos Aires: Ed. Akadia. ISBN 950-9020-71-0.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]