John Dryden
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de agosto de 1631 (Xuliano) Aldwincle, Reino Unido (en) |
Morte | 1 de maio de 1700 (Xuliano) (68 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Abadía de Westminster |
Poeta laureado do Reino Unido (pt) | |
13 de abril de 1668 – xaneiro de 1688 Nomeado por: Carlos II de Inglaterra | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Westminster School Trinity College |
Actividade | |
Ocupación | dramaturgo, crítico literario, escritor de himnos, poeta, tradutor, escritor |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Elizabeth Howard (1663–) |
Fillos | Charles Dryden, John Dryden, Sir Erasmus Henry Dryden, 5th Baronet |
Pais | Erasmus Dryden e Mary Pickering |
Premios | |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
|
John Dryden, nado en Aldwinkle (Northamptonshire) o 9 de agosto de 1631 e finado o 12 de maio de 1700, foi un influente poeta, crítico literario e dramaturgo inglés, que dominou a vida literaria na Inglaterra da Restauración ata tal punto que chegou a ser coñecida como a "era de Dryden". Walter Scott chamouno "Glorious John" ("o Glorioso John").[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Dryden naceu na reitoría da vila de Aldwinkle preto de Oundle en Northamptonshire, onde o seu avó materno era "reitor de todos os santos". Era o maior dos catorce fillos de Erasmus e Mary Dryden, aristocracia terratenente puritana que apoiou o Parlamento. De mozo, viviu na aldea próxima de Titchmarsh onde é probable que recibise a súa primeira educación. En 1644 foi enviado á Westminster School como alumno do rei, onde o seu director foi o Dr. Richard Busby, un mestre carismático e disciplinador severo.[2] Refundado recentemente por Isabel I, Westminster significaba un espírito relixioso e político moi diferente, apoiando a monarquía e o alto anglicanismo, sen recibir aínda a influencia moderadora do contemporáneo de Dryden, John Locke. Con independencia da súa actitude persoal cara a esta contorna, Dryden respectaba o seu director, e máis tarde enviou dous dos seus fillos a Westminster. Moitos anos despois da súa morte fundouse en Westminster unha casa no seu nome.
Como unha escola primaria humanista, Westminster mantivo un currículo que ensinaba aos alumnos a arte da retórica e de buscar argumentos para os dous aspectos de calquera discusión. Dryden conservou esta habilidade, influíndo na súa forma de escribir e de pensar. Tamén debían traducir semanalmente, o que desenvolveu a capacidade de Dryden para a asimilación e mostrouse tamén na súa obra posterior. Nestes anos publicou o seu primeiro poema, unha elexía de forte sentimento monárquico sobre a morte, por causa da varíola, do seu compañeiro Henry, Lord Hastings, na que alude á execución do rei Carlos I, ocorrida o 30 de xaneiro de 1649.
En 1650 Dryden acudiu ao Trinity College, Cambridge, onde regresou ao ambiente relixioso e político da súa infancia. Era profesor do Trinity un predicador puritano chamado Thomas Hill que fora reitor no lugar natal de Dryden.[3] Aínda que non se sabe moito destes anos de formación, debeu seguir o currículo estándar de clásicos, retórica, e matemáticas. En 1654 graduouse o primeiro da clase do Trinity. En xuño dese mesmo ano morreu o seu pai, quen lle deixou algo de terra, que xeraba uns ingresos pequenos, insuficientes para vivir deles.[4]
Ao chegar a Londres durante a Mancomunidade, obtivo traballo co secretario de estado de Cromwell, John Thurloe. Este cargo puido ser resultado da influencia exercida polo Lord Chambelán, Sir Gilbert Pickering, primo de Dryden. Dryden estaba presente o 23 de novembro de 1658 no funeral de Cromwell, onde marchou en procesión cos poetas puritanos, John Milton e Andrew Marvell. Xusto despois publicou o seu primeiro poema importante, Heroique Stanzas (1658), un eloxio á morte de Cromwell que é cauta e prudente nas súas mostras de emoción. En 1660 celebrou a Restauración da monarquía e o regreso de Carlos II con Astraea Redux, un auténtico panexírico monárquico. Nesta obra o interregno represéntase como un tempo de anarquía, e Carlos é visto como o restaurador da paz e a orde.
Vida posterior e carreira
[editar | editar a fonte]Despois da restauración, Dryden estableceuse rapidamente como o poeta e crítico literario do momento, e puxo a súa lealdade ao servizo do novo goberno. Ademais de Astraea Redux, deu a benvida ao novo réxime con outros dous panexíricos: To His Sacred Majesty: A Panegyric on his Coronation (1662), e To My Lord Chancellor (1662). Estes poemas suxiren que Dryden buscaba atopar algún patrón, pero en lugar de conseguir vivir escribindo para a aristocracia, fíxoo escribindo para os impresores, en última instancia para o público lector. Estes, e os seus outros poemas non dramáticos, son esporádicos, dedicados a celebrar acontecementos públicos. Desta maneira, escribíronse máis para a nación que para o individuo, pois o Poeta Laureado (que é no que se converteu despois), está obrigado a escribir varios por ano.[5] En novembro de 1662 foi proposto como membro da Royal Society, o cal conseguiu, pero non desenvolveu ningunha actividade en asuntos da sociedade e, finalmente, expulsárono en 1666 por non pagar as súas cotas.
O 1 de decembro de 1663 Dryden casou coa irmá monárquica de Sir Robert Howard, Lady Elizabeth. Nas súas obras, ás veces atópanse ataques contra o estado matrimonial, pero noutros momentos festéxao polo que, en definitiva, pouco se sabe do aspecto íntimo deste matrimonio.
Coa reapertura dos teatros despois da prohibición puritana, Dryden dedicouse a compor obras dramáticas. A primeira delas, The Wild Gallant apareceu en 1663 e non tivo éxito, pero si posteriormente, e dende 1668 en diante foi contratado para producir tres obras ao ano para a Compañía do Rei, da que se fixo accionista. Durante a década de 1660 e 1670 o teatro foi a súa principal fonte de ingresos. Marcou o estilo para a comedia da Restauración, con obras que inclúen algúns dos seus poemas líricos máis exquisitos. O seu traballo máis coñecido dentro do xénero da comedia da Restauración é Marriage à la Mode (1672).
Tamén se dedicou ao “drama heroico” e outras obras dramáticas, sendo o seu maior éxito neste campo All For Love (1678). Considera Ifor Evans que o único feito notable do drama heroico da época da Restauración é que Dryden lle dedicou os seus mellores talentos, lamentando que un escritor tan admirable estivese limitado por tan pobre temática.[6] Dryden nunca estivo satisfeito das súas obras teatrais, e con frecuencia suxería que o seu talento se malgastaba cun público que non o merecía.
Tratou de conseguir fama poética fóra da escena, pois abrigaba, “como primeira ambición en tanto que artista construír boas poesías”.[7] En 1667, á vez que comezaba a súa carreira dramática, publicou Annus Mirabilis, un longo poema histórico sobre os acontecementos de 1666: a derrota inglesa fronte á armada holandesa e o grande incendio de Londres; “trátase dun trazo moi pouco usual o de converter feitos contemporáneos en poesía case de maneira inmediata”.[7] Era épica moderna, en cuartetos pentámetros, que o estableceron como o poeta preeminente da súa xeración, e foi decisivo para obter o posto de "Poeta Laureado" (1668) e historiador real (1670).
Cando a gran praga pechou os teatros en 1665 Dryden retirouse a Wiltshire, onde escribiu Of Dramatic Poesy (1668), sen ningunha dúbida o mellor dos seus nada sistemáticos prefacios e ensaios, que tiñan como modelo os de Corneille. Dryden constantemente defendeu a súa propia práctica literaria. Essay of Dramatic Poesy, a primeira e máis longa das súas obras críticas, adopta a forma dunha conversa entre catro personaxes, cada unha delas baseado nun destacado contemporáneo, co propio Dryden como ‘Neander’, debatendo os méritos do drama clásico, do francés e do inglés. Na maior parte das súas obras críticas móstrase o traballo dun escritor independente que sente profundamente as súas propias ideas, ideas que demostran a incrible amplitude das súas lecturas. Sentía profundamente a relación do poeta coa tradición e o proceso creativo, e a súa mellor obra heroica, Aureng-Zebe (1675) ten un prólogo que denuncia o uso da rima no drama serio. A súa obra All for Love (1678), que seguiu a Aureng-Zebe, estaba escrita en versos brancos.
Os maiores logros de Dryden producíronse coa poesía satírica: o heroico-burlesco MacFlecknoe, un produto máis persoal dos seus anos como Laureado, era unha sátira que circulou en manuscrito e un ataque ao dramaturgo Thomas Shadwell. Non é unha forma despreciativa de sátira, senón unha que engrandece o seu obxecto de maneira inesperada, facendo do ridículo poesía.[8] Este tipo de sátira política continuou con Absalom and Achitophel (1681) e The Medal (1682). Na primeira delas, “relata a política intrigante de Shaftesbury e a deslealdade de Monmouth, creando así a mellor das súas sátiras”. As súas outras obras principais durante este período foron os poemas relixiosos Religio Laici (1682), escrito dende a perspectiva dun membro da Igrexa de Inglaterra; a súa edición de 1683 de Plutarchs Lives Translated From the Greek by Several Hands na que presentou a palabra biografía aos lectores ingleses; e The Hind and the Panther, (1687) que celebra a súa conversión ao catolicismo.
Coa deposición do rei Xacobe en 1688, quedou sen apoios na corte. Thomas Shadwell sucedeuno como poeta laureado, e viuse forzado a deixar os seus cargos públicos e vivir da pluma. Dryden traduciu obras de Horacio, Xuvenal, Ovidio, Lucrecio e Teócrito, unha tarefa que atopaba máis satisfactoria que escribir obras para a escena. En 1694 comezou a traballar na que sería o seu máis ambiciosa obra como tradutor: The Works of Virgil (1697), que foi publicado por subscrición. A publicación da tradución de Virxilio foi un acontecemento nacional e reportoulle a suma de 1400 libras.[9] As súas últimas traducións apareceron no volume Fables Ancient and Modern (1700), unha serie de episodios de Homero, Ovidio e Boccaccio, así como adaptacións modernas de Geoffrey Chaucer intercaladas con poemas propios. O Preface to the Fables (1700), considérase a máis comprometida e mellor das súas obras críticas, e un dos mellores ensaios en inglés. Como crítico e tradutor foi esencial en facer accesible ao público lector inglés obras literarias en linguas clásicas.
Dryden morreu en 1700 e atópase enterrado na abadía de Westminster. A influencia de Dryden como poeta foi inmensa na súa propia época, e a profunda perda que representaba para a literatura inglesa evidénciase nas elexías que inspirou á súa morte.[10] A súa poesía, patriótica, relixiosa e satírico-política, popularizou un tipo de verso hendecasílabo que foi o preferido do século XVIII, pois foi tomado como modelo por poetas como Alexander Pope e Samuel Johnson. No século XIX a súa reputación decreceu. Un dos seus maiores defensores, T. S. Eliot, escribiu que el foi "o antecesor de case todo o que é mellor na poesía do século XVIII", e que "non podemos gozar plenamente nin valorar adecuadamente un século de poesía inglesa agás se sabemos gozar plenamente a Dryden".[11]
Vida privada
[editar | editar a fonte]O 1 de decembro de 1663 Dryden casou Lady Elizabeth Howard (falecida en 1714).[12] A voda tivo lugar en St. Swithin's, Londres, e o consentimento dos seus pais aparece na licenza, aínda que Lady Elizabeth tiña arredor de vinte e cinco anos. Era fora obxecto dalgúns escándalos, ben ou mal fundados; disque Dryden fora empurrado ao matrimonio polos seus irmáns. O pai dela estableceu unha pequena casa en Wiltshire para eles. Aparentemente o intelecto e o temperamento de Elizabeth non eran bos e o seu marido era tratado como inferior polos membros da clase social dela.[13] Tanto Dryden como a súa dona estaban moi vinculados aos seus fillos.[14] Tiveron tres fillos: Charles (1666–1704), John (1668–1701) e Erasmus Henry (1669–1710).[15] Lady Elizabeth Dryden sobreviviu o seu home, pero volveuse demente pouco despos da morte del.[16] Aínda que houbo historicamente algunhas reclamacións de supostos descendentes de Drayden, ningún dos seus tres fillos tivo descendencia.[17]
Obra selecta
[editar | editar a fonte]- Obras dramáticas
As datas dadas son (estrea/publicación) e se non se indica outra cousa están tomadas da edición de Scott.[18]
- The Wild Gallant, a Comedy (1663/1669)
- The Rival Ladies, a Tragi-Comedy (1663/1664)
- The Indian Queen, a Tragedy (1664/1665)
- The Indian Emperour, or the Conquest of Mexico by the Spaniards (1665/)
- Secret Love, or the Maiden Queen (1667/)
- Sir Martin Mar-all, or the Feigned Innocence, a Comedy (1667/1668)
- The Tempest, or the Enchanted Island, a Comedy (1667/1670), adaptación con William D'Avenant de A tempestade, de Shakespeare
- An Evening's Love, or the Mock Astrology, a Comedy (1668/1668)
- Tyrannick Love, or the Royal Martyr, a Tragedy (1668 ou 1669/1670)
- Almanzor and Almahide, or the Conquest of Granada by the Spaniards, a Tragedy, Parte I e Part II (1669 ou 1670/1672)
- Marriage à la mode, a Comedy (1673/1673)
- The Assignation, or Love in a Nunnery, a Comedy (1672/1673)
- Amboyna; or the Cruelties of the Dutch to the English Merchants, a Tragedy (1673/1673)
- The Mistaken Husband (comedia) (1674/1675)[19]
- The State of Innocence, and Fall of Man, an Opera (/1674)
- Aureng-Zebe, a Tragedy (1676/1676)
- All for Love, or the World Well Lost, a Tragedy (1678/1678)
- Limberham, or the Kind Keeper, a Comedy (/1678)
- Oedipus, a Tragedy (1678 ou 1679/1679), adaptación con Nathaniel Lee de Oedipus, de Sófocles
- Troilus and Cressida, or Truth found too late, a Tragedy (/1679)
- The Spanish Friar, or the Double Discovery (1681 ou 1682/)
- The Duke of Guise, a Tragedy (1682/1683) con Nathaniel Lee
- Albion and Albanius, an Opera (1685/1685)
- Don Sebastian, a Tragedy (1690/1690)
- Amphitryon, or the Two Sosias, a Comedy (1690/1690)
- King Arthur, or the British Worthy, a Dramatic Opera (1691/1691)
- Cleomenes, the Spartan Hero, a Tragedy (1692/1692)
- Love Triumphant, or Nature will prevail, a Tragedy (1693 ou 1694/1693 ou 1694)
- The Secular Masque (1700/1700)
- Outras obras
- Astraea Redux, 1660
- Annus Mirabilis (poema), 1667
- An Essay of Dramatick Poesie, 1668
- Absalom and Achitophel, 1681
- Mac Flecknoe, 1682
- The Medal, 1682
- Religio Laici, 1682
- Threnodia Augustalis, 1685
- The Hind and the Panther, 1687
- A Song for St. Cecilia's Day, 1687
- Britannia Rediviva, 1688, esctrito polo nacemento de James, Príncipe de Gales.
- Epigram on Milton, 1688
- Creator Spirit, by whose aid, 1690. Tradución de Veni Creator Spiritus de Rabanus Maurus[20]
- The Works of Virxilio, 1697
- Alexander's Feast, 1697
- Fables, Ancient and Modern, 1700
- The Art of Satire
- To the Memory of Mr. Oldham, 1684
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Scott, W. Waverley, vol. 12, cap. 14, The Pirate: "I am desirous to hear of your meeting with Dryden". "What, with Glorious John?"
- ↑ Hopkins, David, John Dryden, ed. by Isobel Armstrong, (Tavistock: Northcote House Publishers, 2004), 22
- ↑ John Dryden The Major Works, ed. de Keith Walker, (Oxford: Oxford University Press, 1987),ix-x
- ↑ Ibid., x
- ↑ Abrams, M.H., and Stephen Greenblatt eds.
- ↑ Ifor Evans en Breve historia de la literatura inglesa, (Barcelona: Ed. Ariel, 1985),
- ↑ 7,0 7,1 Ifor Evans.
- ↑ Eliot, T.S., ‘John Dryden’, en Selected Essays, (Londres: Faber and Faber, 1932), 308
- ↑ John Dryden The Major Works, ed. de Keith Walker, xiv
- ↑ John Dryden The Major Works, 37
- ↑ Eliot, T.S., ‘John Dryden’, 305-6
- ↑ "The Life of John Dryden". luminarium.org. Consultado o 6 de maio de 2017.
- ↑ Stephen, Leslie. Dictionary of National Biography, 1885-1900 16. pp. 66, 73–74.
- ↑ Stephen 1888, p. 66.
- ↑ Stephen 1888, p. 74.
- ↑ Stephen 1888, p. 72.
- ↑ "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014.
- ↑ Walter Scott, ed. (1808). The Works of John Dryden. Londres: William Miller.
- ↑ Autoría en discusión. Non aparece en Scott.
- ↑ Hatfield, Edwin F., ed., The Church Hymn book, 1872 (n. 313, pp. 193–94), Nova York e Chicago
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: John Dryden |
A Galipedia ten un portal sobre: Reino Unido |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Edicións
- The Works of John Dryden, 20 vols., ed. H. T. Swedenberg Jr. et al., (Berkeley e Os Ánxeles: University of California Press, 1956-2002)
- John Dryden The Major Works, ed. de Keith Walker, (Oxford: Oxford University Press, 1987)
- The works of John Dryden, ed. de David Marriott, (Hertfordshire: Wordsworth Editions, 1995)
- John Dryden Selected Poems, ed de David Hopkins, (Londres: Everyman Paperbacks, 1998)
- John Dryden Complete Translation of Vergil's Aeneid, ed. de Don Brine (Londres: Everyotherman Paperbacks, 1994)
- All for love (en inglés) Ediciones del Prado, S.A. Madrid, 2003. ISBN 84-8372-980-6. Ed. especial para O.K.
- Biografía
- Winn, James Anderson. John Dryden and His World, (New Haven: Yale University Press, 1987)
- Crítica moderna
- Eliot, T.S., "John Dryden", in Selected Essays (Londres: Faber and Faber, 1932)
- Hopkins, David, John Dryden, ed. by Isobel Armstrong (Tavistock: Northcote House Publishers, 2004)
- Oden, Richard, L. Dryden and Shadwell, The Literary Controversy and 'Mac Flecknoe (1668–1679) (Scholars' Facsimiles and Reprints, Inc., Delmar, Nova York, 1977)
- Van Doren, Mark (2007). John Dryden: A Study of His Poetry. Read Books. ISBN 978-1406724882.
- Stark, Ryan. "John Dryden, New Philosophy, and Rhetoric", in Rhetoric, Science, and Magic in Seventeenth-Century England (Washington: Catholic University of America Press, 2009)