Holoturoideos
Cogombros de mar / Holoturias (Holothuroidea) Rango fósil: silúrico - actualidade | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cogombro de mar no Aquarium Finisterrae | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Subclases e Ordes | |||||||||||
|
Os holoturoideos (Holothuroidea, do grego ὁλοθύριον holothurion, "que se axita totalmente",[1]) ou holoturias, coñecidos popularmente como cogombros de mar, carallos de mar ou carallotes,[2] son unha clase do filo dos equinodermos que inclúe animais de corpo vermiforme, alongado e brando, que viven nos fondos dos mares de todo o mundo. Coñécense dende o silúrico, hai uns 400 millóns de anos, e están descritas unhas 1.400 especies viventes.[3]
Pertencen ao mesmo grupo (Echinodermata) que os ourizos de mar ou as estrelas de mar aínda que aparentemente non teñen a simetría pentarradial característica dos demais representantes deste grupo. Considéranse animais cunha simetría bilateral secundaria, xa que internamente os seus órganos e sistemas aparecen nun número múltiplo de 5, como no resto de equinodermos, pero externamente o seu corpo alongado dá a sensación de ter un só eixe de simetría. O corpo é musculoso, en forma de cilindro, e ten unha apertura bucal por un extremo que está rodeada de tentáculos. No outro extremo áchase a abertura anal.
Características
[editar | editar a fonte]Moitas especies roldan os 20 cm de lonxitude; as holoturias máis pequenas non exceden o centímetro, mentres que as de maior tamaño acadan lonxitudes de 5 m (Synapta maculata).[3]
Son animais de aspecto vermiforme, adaptados á reptación e co corpo de forma prismática pentagonal. As zonas radiais van provistas de pés ambulacrais, estando máis desenvolvidos as inferiores, que teñen función locomotora, mentres que as que se sitúan nos dous radios dorsais teñen unha función sensitiva.
A boca aparece rodeada de numerosos tentáculos que poden ser sinxelos, dixitados (con proxeccións semellantes a dedos), pinnados (en forma de pluma) ou peltados (aplanados e en forma de placa). Posúen un anel calcario que rodea a farinxe que serve para a inserción dos músculos que moven os tentáculos orais e os que contraen o corpo. Na maioría das especies, o esqueleto dérmico típico dos equinodermos está reducido a osículos microscópicos.[3]
Como nos demais equinodermos, o sistema vascular acuífero dos holoturoideos consiste nun anel anterior do que parten longas canles que discorren cara á parte posterior do corpo. Con excepción dos Elasipodida, posúen un madreporito que se abre no celoma, o que contrasta co que ocorre no resto de equinodermos (e en Elasipodida) nos que o madreporito ábrese ao exterior.
Moitas especies, agás os membros de Elasipodida e Apodida, posúen árbores respiratorias usadas no intercambio de gases; trátase de tubos pareados moi ramificados unidos ao intestino preto do ano; este tipo de respiración (respiración cloacal) dáse tamén nos equiuroideos un grupo de vermes celomados non relacionado cos equinodermos.[3]
Bioloxía e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]As holoturias viven en case todos os ambientes mariños, pero son máis diversas nas augas tropicais pouco profundas dos arrecifes coralinos. Habitan dende o medio intersticial, onde poden quedar expostos na marea baixa, até as profundas foxas oceánicas. Moitas especies viven soterradas en sedimentos brandos, sendo por tanto bentónicas; pero moitas poden nadar, e algunhas mesmo son membros do plancto, flotando a mercé das correntes.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Os holoturoideos aliméntanse de detritos, algas, nalgúns casos de plancto.
Reprodución
[editar | editar a fonte]As holoturias reprodúcense por vía sexual. As larvas, de vida planctónica, denomínanse auricularias.
Mecanismos defensivos
[editar | editar a fonte]As holoturias presentan varios mecanismos defensivos. Cando algún depredador tenta atacar ás holoturias, estes animais logran sobrevivir botando as súas vísceras para que o depredador se distraia comendo tales órganos, os cales despois rexeneran. Tamén empregan fíos mucosos pegañentos que proxectan sobre posibles agresores para irritalos ou inhabilitalos; ademais, nalgúns casos conteñen toxinas (holoturinas). Como defensa contra os parasitos os cogombros de mar sintetizan unha proteína, chamada lectina, a cal inhibe o desenvolvemento de posibles parasitos; é por este motivo que dende o 2007, por métodos transxénicos, téntase que os mosquitos e outros hóspedes de parasitos que producen enfermidades perigosas para o ser humano poidan producir lectina (obtida por transplantes de cromosomas do cogombro de mar); xa está demostrado que a lectina destrúe nas vísceras do posible hóspede os oocinetos de parasitos microscópicos como os que provocan a malaria.
Usos culinarios
[editar | editar a fonte]En Asia, algunhas das entrañas empréganse en comidas como o suxi, e tamén se comen, unha vez desecados e voltos hidratar, en sopas, típicas especialmente na China onde o trepang é considerado un caro manxar con fortes poderes afrodisíacos. Tamén é un marisco moi prezado no Levante español, coñecido como espardeña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dicionario médico-biolóxico". Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2009. Consultado o 10 de maio de 2010.
- ↑ Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces.. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Kerr, Alexander M. 2000. Holothuroidea. Sexa cucumbers. Version 01 December 2000. https://tolweb.org/holothuroidea/19240/2000.12.01 in The Tree of Life Web Project, https://tolweb.org/". Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2011. Consultado o 10 de maio de 2010. Ligazón externa en
|title=
(Axuda)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Holoturoideos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Holoturoideos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 0-87893-097-3.
- Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
- Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
- Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
- Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
- Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Holothuroidea Arquivado 12 de outubro de 2012 en Wayback Machine. en Tree of Life. (en inglés) Consultada o 17/01/2013.
- Holothuroidea en ITIS. (en inglés) Consultada o 12/02/2021.
- Holothuroidea en Animal Diversity Web. (en inglés) Consultada o 17/01/2013.
- Holothuroidea en NCBI. (en inglés) Consultada o 17/01/2013.]