Güelfos e xibelinos
Os Güelfos e os Xibelinos foron dúas faccións rivais na política italiana desde o século XII até o nacemento das Señorías no século XIV. Os termos güelfos e xibelinos proceden dos termos italianos guelfi e ghibellini, e remóntanse á loita pola coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico despois da morte do emperador Henrique V entre dúas familias, unha bávara e a outra saxoa, respectivamente a casa de Welf ou antiga casa de Baviera (os Welfen, pronunciado [velfen], e de aí a palabra "güelfo") e a casa dos Hohenstaufen de Suabia, señores do castelo de Waiblingen (e de aí a palabra "xibelino").
A partir da consecución por parte da dinastía suaba da Coroa Imperial e, con Frederico I Hohenstaufen, que intentaba consolidar o seu poder no Reino de Italia, neste ámbito político a loita pasou a designar aos que apoiaban o Imperio (xibelinos) e aos que apoiaban o papado (güelfos) que, durante esta época, eran os dous "poderes universais" que disputaban o Dominium mundi (dominio do mundo).
Orixe: a sucesión de Henrique V
[editar | editar a fonte]En Alemaña, tras a morte sen descendencia do emperador Henrique V en 1125, os príncipes electores, a instancias do chanceler imperial Adalberto, arcebispo de Maguncia, elixiron o duque de Saxonia como Lotario II o mesmo ano de 1125.
Porén, estalou unha guerra civil, posto que os sobriños e herdeiros de Henrique V, que eran Frederico II, duque de Suabia e Conrado, dos Hohenstaufen, exixiron ademais das terras patrimoniais dos salios na Franconia renana, as terras que a coroa fora adquirindo. Nesta situación, Conrado III foi elixido rei rival dos Romanos en 1127, e en 1128 foi coroado rei de Italia (Rei de romanos) co apoio de Milán, aínda que non conseguiu asegurar alí unha posición, xa que o papa Honorio II (1124–1130) negouse a recoñecelo, así como tamén as cidades inimigas de Milán como Novara, Pavia, Cremona, Piacenza ou Brescia;[1] en cambio, o rei Lotario II tivo o apoio de Henrique o Soberbio, da dinastía dos Güelfos, que era duque de Baviera e tamén marqués de Toscana e de Verona, ao que fixo seu xenro en 1127.
Aínda que a guerra terminou en 1135 coa submisión de Conrado III, as tornas viraron en 1137 ao morrer o emperador Lotario II e Conrado III foi elixido Rei de romanos fronte a Henrique o Soberbio, herdeiro de Lotario. A guerra reiniciouse entre Conrado III e Henrique o Soberbio, e falecido este en 1139, continuouna o seu irmán Güelfo VI. Foi no asedio de Weinsberg en 1140 cando os nomes de ambas as faccións foron establecidos polos berros de guerra, güelfo (contrarios aos Hohenstaufen) e Waiblingen (o nome dun castelo dos Hohenstaufen, que daría lugar ao termo xibelino). Malia asinar un acordo de paz en 1142, tras o fracaso da Segunda Cruzada, Güelfo VI proseguiu a revolta, que de todas formas entrou na súa fase final co falecemento en 1150 de Henrique Berenguer, Rei de romanos e fillo de Conrado III.
En 1151, Güelfo VI pactou co seu sobriño Frederico III, duque de Suabia (tamén sobriño de Conrado III), a sucesión no Imperio a cambio de terras. Así, á morte de Conrado en 1152, foi elixido emperador Frederico (Frederico I Barbarroxa), co que o güelfo obtivo terras italianas, sendo designado como marqués de Toscana e duque de Spoleto.
As faccións en Italia
[editar | editar a fonte]Coa elección como rei de Alemaña de Frederico I Hohenstaufen (chamado Barbarroxa) en 1152 e a súa posterior coroación como emperador en 1155, a facción xibelina triunfou no territorio imperial. Dado que Frederico desexaba reafirmar en Italia a supremacía imperial, que as comunidades subtraeran ao Imperio co apoio do papado, baixo o seu reinado (1152–1190) produciuse un desprazamento dos termos güelfo e xibelino desde o territorio alemán ao italiano, onde pasaron a denominar, respectivamente, aos partidarios do partido papal e aos defensores da causa imperial. En Italia, polo tanto, houbo cidades como Florencia, Milán e Mantua que abrazaron a causa güelfa, mentres que outras como Forlì, Pisa, Siena e Lucca uníronse á causa imperial xibelina.
A elección tiña varias motivacións: en primeiro lugar, a busca da autonomía impulsaba as cidades baixo o control do Imperio a aliarse co papa (como pasaba no caso de Milán) mentres que as cidades baixo a influencia do papado buscaban a axuda do Imperio (como era o caso de Forlì); en segundo lugar, elixíase un partido simplemente por oposición ao partido a favor do cal se declarara a cidade rival (se Milán era güelfa, Pavia tiña que ser xibelina; se Forlì era xibelina, Faenza sería güelfa etc.) seguindo o vello principio de que "os inimigos dos meus inimigos son meus amigos".
No interior de cada cidade mantívose a dicotomía destes dous termos, pero superándose o significado tradicional de loita política entre papado e Imperio, pasando a denominar tamén a loita entre dúas faccións polo control da cidade. Para acrecentaren a súa forza tanto uns como outros reuníronse en ligas opostas, e así, desde a segunda metade do século XIII a güelfa Florencia presentou batalla á liga xibelina das outras cidades toscanas (Arezzo, Siena, Pistoia, Lucca e Pisa) nun longo conflito que tivo como máximo expoñente as batallas de Montaperti en 1260 e a de Altopascio en 1325.
As principais cidades xibelinas foron Arezzo, Forlì, Módena, Osimo, Pisa, Pistoia, Siena, Spoleto e Todi, mentres que as principais cidades güelfas foron Boloña, Brescia, Crema, Cremona, Xénova, Lodi, Mantua, Orvieto, Rimini, Perugia e Florencia. Porén, houbo tamén cidades que mantiveron unha adscrición variábel a un ou outro partido, como Bérgamo, Ferrara, Florencia, Lucca, Milán, Padua, Parma, Piacenza, Treviso, Verona ou Vicenza, como se reflicte no cadro a continuación.
Principais cidades xibelinas | Principais cidades güelfas | Cidades de adscrición variábel |
---|---|---|
Arezzo Asís Como Fabriano Foligno Forlì Grosseto Mantua Módena Pavia Pisa Pistoia Spoleto Terni Urbino |
Alessandria Ancona Aquila Boloña Brescia Crema Cremona Faenza Florencia Lecco Milán Orvieto Perugia |
Asti Bérgamo Ferrara Xénova Gubbio Lodi Lucca Padua Parma Piacenza Prato Siena Treviso Verona Vicenza |
Frederico I e Henrique VI
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Frederico I Barbarroxa.
- Véxase tamén: Henrique VI, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico.
Frederico I intentou restaurar a autoridade do emperador no Imperio (Honor Imperii). En Alemaña reconciliouse cos güelfos ao designar a Güelfo VI marqués de Toscana e duque de Spoleto, e co seu primo Frederico, fillo de Conrado III, ao que investiu como duque de Suabia. Ademais, tratou de asegurar a súa autoridade ao estender a rede feudal de vasalos a persoas fieis, e así creou o ducado de Austria en 1156, o margraviato de Brandeburgo, recoñeceu como rei ao duque de Bohemia en 1158, e confiando a unha nobreza de servizo de orixe servil (ministeriais), uns territorios de dominio rexio ampliados, como en Suabia, Franconia ou Misnia (actual Meissen).
Tras a querela das Investiduras o panorama italiano cambiara: cidades como Xénova, Pisa ou Venecia convertéronse en potencias navais internacionais con intereses comerciais estendidos desde o norte de Europa a África e o Levante mediterráneo. Este comercio exterior e o investimento consecuente incrementou a riqueza local, o que conduciu ao embelecemento das cidades e ao crecemento da poboación tanto nas cidades como no campo, o que ocasionou un aumento das obras públicas, que foron desde as murallas das cidades á construción de canais. O desenvolvemento dos gremios e as confrarías reflectía a crecente complexidade da organización económica, e incluso as máis pequenas cidades tiñan a súa elite profesional de xuíces e notarios, canda a nobres, comerciantes e artesáns. E foi precisamente a necesidade de recursos financeiros a razón esencial do interese mostrado polos emperadores cara á Italia, onde ao reclamar o pagamento de dereitos reais (regalia), esperaban obter beneficios, dado o incomparábel desenvolvemento económico do territorio. E foi nese sentido como Frederico Barbarroxa tratou de recuperar e explotar os regalia sobre as florecentes cidades italianas. A súa campaña de 1154 iniciou unha loita de case douscentos anos por impoñer a autoridade imperial no Regnum Italicum.[2]
A comezos do seu reinado, Frederico mantivo boas relacións co papado, e no tratado de Costanza (23 de marzo de 1153), os representantes do Rei de romanos e do papa Euxenio III (1145–1153) acordaron estableceren un status quo e conservaren os elementos esenciais da orde tradicional, na que o emperador protexía ao papa e lle aseguraba a soberanía sobre a Igrexa e, pola súa parte, o papa apoiaba ao emperador no seu exercicio de poder. Pero o pontífice morreu antes de poder coroar emperador a Frederico.
Na súa campaña de Italia de 1154, antes de ser coroado emperador, o Rei de romanos Frederico I, na primeira das súas Dietas en Roncaglia (1154) escoitou as queixas de Lodi, Pavia e Cremona contra Milán, entre outras, e prohibiu a aliñación de feudos sen consentimento do señor feudal; nesta campaña Frederico someteu a Asti, Chieri e Tortona, e entrou en Pavia, onde foi coroado rei de Italia o 17 de abril de 1155, e en Roma, para ser coroado emperador.[3][4]
O tratado de Costanza foi ratificado de novo, aínda que en aparencia, posto que o novo papa Hadrián IV (1155–1159) necesitaba ao emperador para sufocar a revolta de Arnaldo de Brescia na comuna de Roma, e libralo da ameaza normanda, aspecto último que non cumpriu, pois tivo que regresar a Alemaña; aínda que antes puxo a Milán baixo o control do Imperio por negarse a responder aos cargos presentados contra ela por Lodi, Pavia e Cremona, trasferindo os seus privilexios a Cremona, pero sen poder facer máis nada. Desta maneira, o papa, illado, tivo que pactar cos normandos do sur de Italia en Benevento (1156), o que contraviña o tratado de Costanza. As diferenzas quedaron de manifesto na Dieta de Besançon (outubro de 1157), onde os legados pontificios, os cardeais Bernard de San Clemente e Rolando Bandinelli entregaron unha carta do papa Hadrián IV, na que a tradución alemá do chanceler imperial Reinaldo de Dassel implicaba que o emperador recibía o Imperio do papa en feudo como seu vasalo.
Pero os legados imperiais non protestaron a tradución, e o papa Hadrián IV só negou a interpretación de beneficium feita por Reinaldo cando xa se producira a reacción irada do emperador. En Italia, Milán reconstruíra Tortona, e derrotara a Pavia, Novara e ao marqués de Montferrato.
Na segunda campaña de Italia de 1158, Frederico non buscou un achegamento ao papado, senón que actuou como un gobernante decidido a restaurar a orde nos seus dominios e establecer axentes imperiais nas cidades. Despois de someter a Milán, que intentara opoñerse, aínda que lle recoñeceu autonomía para a elección dos cónsules con confirmación imperial e, despois de liberadas Como e Lodi, convocou unha nova Dieta en Roncaglia (novembro de 1158), onde contou con xuristas da Universidade de Boloña para definir e establecer unha relación dos regalia imperiais, que producían un enorme ingreso de recursos, e que derivaban do dominio imperial sobre camiños, ríos, salinas e minas, ao cobramento do fodrum para sufragar os gastos militares, ás percepcións de multas e peaxes, aos bens dos condenados, ou á cuñaxe de moeda.
Foron os ministeriais (Dienstmänner), co cargo de podestà, os que se converteron na espiña dorsal da administración imperial en Italia, servindo o emperador ao exixir os regalia e para administrar a xurisdición que as comunas usurparan procedentes dos conflitos cos bispos. Pero as súas políticas agresivas para establecer un réxime imperial directo en Italia, e a encomenda da administración do reino italiano a alemáns, polarizaron a resistencia en torno a Milán e ao papado. Os bispos alemáns e algúns abades tiveron que subministrar homes e diñeiro, e algúns deles lanzáronse sen reservas á guerra, como os arcebispos de Colonia, Reinaldo de Dassel (1159-1167) e Filipe de Heinsberg (1167-1191), como arquichanceleres de Italia; polo contrario, o apoio dos príncipes laicos era esporádico, e incluso en momentos críticos non apoiaron ao emperador, como ocorreu coa negativa do máis grande deles, Henrique o León en 1176, que trouxo consigo a derrota do emperador na batalla de Legnano.
A terceira campaña de Italia coincidiu coa morte de Hadrián IV en 1159 e revelou unha división entre os cardeais. Unha facción proimperial apoiou a Vitor IV (antipapa 1159-1164) e a outra a Alexandre III (1159-1181). O emperador convocou un Concilio que, con escasa participación, se celebrou en Pavia (febreiro de 1160) e no que o emperador apoiou a Vitor IV xunto con gran parte do bispado alemán, pero o antipapa Vitor encontrou pouco apoio máis alá das fronteiras do Imperio, fracasando os movementos diplomáticos do emperador neste sentido.
Despois de as tropas imperiais emprenderen a destrución de Milán en 1162, co apoio de Pavia, Cremona, Lodi e Como, asegurando o seu dominio na Lombardía, o emperador retornou brevemente a Alemaña, pero de novo emprendeu unha nova campaña en Italia (1163) para someter os normandos, malograda xa que os seus aliados imperiais Pisa e Xénova se enlearon nunha nova guerra, e o patriarca de Grado, con apoio de Venecia, organizou a Liga antiimperial de Verona en abril de 1164 (con Verona, Treviso, Vicenza e Padua), para resistir as pretensións imperiais.
Unha vez asegurado o apoio do bispado alemán ao novo antipapa Pascual III (1164-1168) na asemblea de Wurtzburgo (1165), Frederico I reemprendeu o camiño a Italia no verán de 1166, para afirmar a súa autoridade definitivamente. Na Dieta de Lodi (1166) rexeitou as exixencias das cidades italianas e dirixiuse cara a Roma para expulsar ao papa Alexandre III; mentres, Cremona, que fora fiel aliada do emperador, revolveuse contra el, e xunto con Crema, Brescia, Bérgamo, Mantua e Milán, crearon a Liga cremonense no xuramento de Pontida o 7 de abril de 1167. Volto a ser coroado emperador polo antipapa Pascual III en Roma en agosto, o emperador tivo que abandonar precipitadamente a cidade ante unha devastadora epidemia de malaria entre as súas tropas, o cal foi aproveitado para fusionar a liga de Verona coa de Cremona na Societas lombardie (Liga Lombarda) o 1 de decembro de 1167,[5] que expulsou a Alemaña o maltreito exército de Frederico I asentado en Pavia. Esta Liga estaba composta inicialmente por 16 cidades, e máis tarde ampliada a 20, incluíndo Milán, Venecia, Mantua, Padua, Brescia e Lodi; foi respaldada desde os seus comezos polo papa Alexandre III, que viu nela unha boa aliada contra o seu inimigo o emperador Frederico I Barbarroxa.
Frederico I non estivo en condicións de regresar a Italia até 1174. O 29 de maio de 1176 enfrontouse en Legnano cos seus inimigos da Liga Lombarda, baixo a dirección de Milán, pero as forzas imperiais foron tan definitivamente derrotadas, que Frederico tivo que recoñecer ao papa Alexandre III en outubro dese ano (tratado de Anagni), e pactar unha tregua en Venecia en maio de 1177. Despois de 6 anos de tregua, na paz de Costanza o emperador tivo que garantir ás cidades lombardas as liberdades e a xurisdición comunais e o goce de case todos os regalia (especialmente de recrutar exércitos, exercer xurisdición dentro dos seus muros e administrar as súas finanzas salvo unha suma para o tesouro imperial), pero retivo a fidelidade das cidades lombardas, designando xuíces de apelación en cada cidade, así como mantendo puntos fortificados no campo, e un maior dominio sobre as zonas rurais. Ademais, mantiña o seu poder e administración directa en Ancona, Spoleto e Toscana, o que lle permitía intervir no val do Po e nos dominios pontificios, o que redobrou os temores do papa, de modo que o emperador como rei de Italia non vira significativamente minguada a súa autoridade real tal e como estaba en 1158, ao iniciarse a querela.
Despois de consagrar a súa política entre 1158 e 1177 a Italia, onde fracasaron as súas aspiracións, Frederico repregouse a Alemaña onde asegurou o control da Igrexa alemá e despoxou ao seu primo Enrique o León dos seus territorios (que foron divididos e outorgados a outros príncipes) e obrigouno a exiliarse. Frederico I realizou a súa última expedición a Italia en 1184, aliándose con Milán para asegurar o dominio imperial sobre Toscana e fixo casar en 1168 ao seu fillo Henrique, Rei de romanos con Costanza de Sicilia, tía do rei Guillerme II de Sicilia. Esta nova orientación política do emperador, co fondo das eleccións episcopais disputadas, derivadas do cisma, reabriu a oposición e a inimizade dos Papas Lucio III (1181-1185) e Urbano III (1185–1187). Clemente III (1187-91), coa atención centrada na posta en marcha duna nova Cruzada (a terceira), promulgada na bula Audita tremendi ante a caída de Xerusalén, fixo as paces co emperador, que conseguiu do papa os spolia e os regalia de bispados vacantes e abadías. En marzo de 1188, na Dieta de Maguncia, o emperador Frederico I comezou os preparativos da Cruzada, pero faleceu afogado en Cilicia o 10 de xuño de 1190. Sucedeuno seu fillo Henrique VI que, como Rei de romanos, xa estaba enfrontado cunha revolta dos güelfos tras o desembarco de Henrique o León en novembro de 1189 sostida co apoio do Reino de Inglaterra, xa que Ricardo Corazón de León era cuñado de Henrique o León.
Dado que a esposa de Henrique VI era a herdeira ao trono do Reino de Sicilia, ao falecer seu sobriño Guillerme II en 1189, Henrique dirixiu as súas miras a ser coroado rei e dominar o sur da Península Itálica (o reino de Sicilia abranguía tamén o sur de Italia, até os Estados Pontificios). Pero á morte de Guillerme II, a nobreza do Reino apoiou a Tancredo de Sicilia ou Tancredo de Lecce (1190-1194), fillo ilexítimo de Roxerio de Puglia, o fillo máis vello de Roxerio II de Sicilia, ao que o papa Celestino III (1191–1198) recoñeceu como rei. Tras ser coroado emperador, Henrique VI fracasou na conquista de Nápoles en 1191, e tivo de retirarse por unha epidemia de tifo.
Pero a posición do emperador cambiou radicalmente en 1194, xa que chegou a un acordo con Henrique o León na primavera dese ano, e obrigou ao rei Ricardo Corazón de León a garantir o mantemento do acordo como unha das condicións (á parte de 150.000 marcos de prata) para liberalo do cativerio de padecía desde 1192 tras ser apresado ao seu regreso das Cruzadas. Coa retagarda alemá pacificada, emprendeu a campaña da conquista do Reino de Sicilia en 1194, onde xa morrera pouco antes o rei Tancredo, e Guillerme III era menor de idade. Coa axuda de pisanos e xenoveses, Henrique entrou en Palermo e foi coroado rei o día de Nadal. Como rei de Sicilia tivo o propósito de establecer a autoridade alemá (suaba) sobre a burocracia do reino siciliano, e integrar a súa administración na do Imperio, empregando para iso aos ministeriais imperiais. Para asegurar a rota terrestre entre o Reino de Italia e o Reino de Sicilia, confiou ao ministerial Markward de Annweiler o ducado de Rávena e a marca de Ancona como feudos hereditarios. Porén, morreu de tifo en 1197 mentres preparaba unha Cruzada, deixando ao seu fillo Frederico Roxerio, de menos de tres anos, como rei de Sicilia e rei electo dos Romanos no Imperio.
Inocencio III e Odón IV
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Frederico II Hohenstaufen.
Á morte de Henrique VI, os príncipes, non desexando un longo período de rexencia, desbotaron a elección do rei neno e decantáronse polo seu tío Filipe de Suabia, irmán de Henrique VI, ao que elixiron Rei de romanos en 1198. Pero unha facción opositora dirixida polo arcebispo de Colonia e financiada polo rei inglés Ricardo I, elixiu como rei rival a un güelfo, Odón de Brunswick, fillo de Henrique o León. A viúva de Henrique VI xa se retirara da política alemá para coroar ao seu fillo Frederico Roxerio como rei de Sicilia, pero faleceu pouco despois e deixou como titor do rei ao papa Inocencio III (1198-1216) quen, pola súa parte, recoñeceu en 1201 ao güelfo Odón IV fronte a Filipe de Suabia, a cambio do recoñecemento de Odón do territorio pontificio da promesa de Neuss.[6][7]
Mentres, no norte de Italia, a política siciliana de Henrique VI permitiu que as cidades se recuperasen da reasunción do poder imperial posterior á paz de Costanza en 1183, ao que se engadiu a guerra civil tras a dupla elección de 1198, na que as cidades recobraron ou alcanzaron plena autonomía. Neste contexto, o papa Inocencio III anexionaba Spoleto, Ancona, terras da Romaña, da Toscana, que foran gobernadas por un marqués imperial. O papa apoiaba a constitución, en novembro de 1197, en San Ginesio, dunha Liga Toscana que, encabezada por Florencia, se estableceu para defender e agrandar os dereitos da sede apostólica, xunto con Siena, Arezzo, Pistoia e Lucca,[8] debilitando así o poder imperial, Liga á que se opuxo Pisa, que obtivera dos Hohenstaufen beneficios sobre a costa toscana e nas illas de Córsega, Elba, Capraia e Pianosa.
Cando en xuño de 1208 morre asasinado Filipe de Suabia, Odón quedou sen rival, e marchou a Italia para ser coroado emperador en outubro de 1209, pero tamén para restaurar a súa autoridade no reino italiano, levando unha mensaxe conciliadora.[9]
A pesar de que en marzo de 1209 o Rei de romanos Odón IV aceptara renunciar a toda intervención episcopal (presións electorais ou resolución de casos dubidosos) garantindo as apelacións a Roma, renunciara a beneficiarse dos regalia ou spolia das sedes vacantes, e renunciara a calquera aspiración ao Reino de Sicilia, nos acordos de Espira, non tiña, porén, intención de renunciar ás reclamacións imperiais en Italia, así que recuperou Spoleto e Ancona, intentou exercer o poder na Lombardía e atacou a parte continental do reino siciliano, o que o conduciu a ser excomungado polo papa en 1210. Ante isto, Inocencio III buscou apoio no rei de Sicilia, ao que patrocinou como Rei de romanos, de novo, en 1212, a cambio de que confirmase permanentemente os acordos de Espira na bula de Ouro de Egra (12 de xullo de 1213), isto é, a liberdadde de eleccións episcopais, a renuncia ás rendas e xurisdición dos eclesiásticos, e aos territorios pontificios (incluíndo a marca de Ancona,[10] Espoleto, Rávena e a Pentápole, como as terras toscanas da condesa Matilde, así como prometer non reunir Sicilia co Imperio. Tras a derrota de Odón en Bouvines (1214), foi definitivamente deposto, e Frederico foi, por terceira vez, elixido Rei de romanos, en 1215, aínda que a contenda civil non finalizaría até 1218 coa morte de Odón IV.
O apoio do papa Inocencio III a un Hohestaufen variou temporalmente a situación política italiana; o marqués de Este, como outros güelfos, permaneceron fieis á Igrexa incluso en contra dun emperador güelfo, pero Milán mostrouse partidaria de Odón, e con ela unha liga de cidades e, aínda que Milán someteu a Pavia en 1217, o seu pulo paralizouse na batalla de Ghibello (1218).
A política comunal reflectía a polarización destes conflitos entre o papa e o emperador. De forma xeral, os güelfos eran partidarios das liberdades comunais e do papa, mentres que os xibelinos eran partidarios da orde e do emperador, e así, os xibelinos acusaban aos güelfos de favoreceren a anarquía, mentres que os güelfos facían a acusación contraria aos xibelinos de apoiaren a tiranía. En Florencia, unha querela familiar entre as familias Buondelmonte (partidarios do papa) e Amidei (partidarios do emperador) en 1215, marcou tradicionalmente o inicio da querela entre güelfos e xibelinos en territorio italiano.
Frederico II e Conrado IV
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Frederico II Hohenstaufen.
O apoio do papa Inocencio III outorgado a Frederico II, fronte a Odón IV, estivo tamén mediatizado pola renuncia de Frederico ao trono do Reino de Sicilia en favor do seu fillo Henrique, para así verse libre o papa das tenaces imperiais. En 1215, Frederico II foi coroado Rei de romanos e recoñecido no IV concilio de Letrán, e tomou a cruz para unirse á Quinta Cruzada. Inocencio III morreu en 1216, e o seu sucesor Honorio III (1216–1227) proseguiu cos preparativos da cruzada; porén, o rei Frederico II, debido aos seus problemas en Alemaña para facer valer a súa autoridade, non estivo presente na mesma.
En Italia, Milán, que apoiara a Odón, opúxose a Frederico, negándolle a Coroa de Ferro,[11] e establecendo unha Liga co conde Tomás I de Savoia e as cidades de Crema, Piacenza, Lodi, Vercelli, Novara, Tortona, Como e Alessandria para expulsar os xibelinos da Lombardía, encabezados por Cremona e Pavia, pero foron derrotados en xuño de 1218, en Ghibello. Desta forma se facilitouse a entrada en Italia de Frederico en 1220. En xuño de 1226, o emperador reconciliouse co conde de Savoia Tomás I, designándoo vigairo imperial de Italia,[12] nas rexións da Liguria, a Lombardía e a Provenza.[13]
No entanto, o rei Frederico, que xa reasumira o título real siciliano en 1217, reclamou ao seu fillo Henrique en Alemaña, onde o fixo elixir correi de Romanos en abril de 1220, outorgando amplos dereitos soberanos aos príncipes eclesiásticos na Confoederatio cum principibus ecclesiasticis e co consentimento papal, o que sancionaba unha futura unión de Sicilia co Imperio. Ante isto, o papa Honorio III, de momento, seguiu contemporizando con Frederico II, xa que unha ruptura co rei alemán destruiría a posibilidade dunha cruzada exitosa. En xuño de 1219, o papa fuxiu de Roma, pero Frederico II mediou para o seu regreso e a súa reconciliación coas familias romanas en setembro de 1220, sendo coroado emperador en novembro de 1220, e renovando a promesa de ir á cruzada. Posteriormente á súa coroación imperial, fortaleceu o seu poder en Sicilia coas Assises de Capua (1220) e interferindo nas eleccións episcopais; porén continuou demorando a súa partida a Terra Santa, aínda que enviaba tropas e axuda monetaria. A quinta cruzada fracasou coa perda de Damieta en setembro de 1221, e o papa, co rexente do Reino de Xerusalén Xoán de Brienne, pactou co emperador, no tratado de San Xermano de 25 de xullo de 1225, o seu casamento coa raíña Iolanda de Xerusalén, coa que o papa pensaba a asegurar a súa presenza nunha nova cruzada que, de todos os xeitos, Frederico adiou durante dous anos.
Frederico II convocou unha Dieta Imperial en abril de 1226 en Cremona, para reforzar a súa autoridade en Italia e preparar a cruzada. As comunas lombardas reaccionaron en San Zenón (Mantua), reconstituíndo a Liga Lombarda, o 6 de marzo de 1226, formada por Milán, Boloña, Vicenza, Mantua e Treviso, ás que se sumaron Brescia, Padua, Piacenza, Verona, Lodi, Faenza, Crema, Ferrara, Bérgamo, Alessandria, Turín e Vercelli, o conde de Biandrate e o marqués de Montferrato. Dita Liga tivo unha vixencia de 25 anos.[14][15] Porén, Módena, Reggio Emilia, Parma, Cremona, Xénova, Pavia e Asti puxéronse de parte imperial e a Dieta levouse a cabo en xuño, en Borgo San Donnino.[16] O emperador declarou as comunas da Liga reos de lesa maxestade e anulou os seus privilexios; por outra parte obtivo tropas para a cruzada e para combater e erradicar a herexía. Así e todo o conflito aberto non comezou até 1236.
Tras o falecemento de Honorio III, Ugolino de Segni, sobriño de Inocencio III, aceptou a tiara como Gregorio IX o 19 de marzo de 1227. Ugolino de Segni xa actuara como legado plenipotenciario da Lombardía e Toscana en 1217, mediando con éxito nos conflitos das comunas, entre Pisa e Xénova en 1217, entre Milán e Cremona en 1218, e entre Boloña e Pistoia en 1219; e predicando a cruzada. O mesmo Frederico II, na súa coroación imperial de 1220, tomou a cruz de Ugolino e o voto de emprender a cruzada a Terra Santa en agosto de 1221. Días despois da súa entronización, o papa Gregorio IX cominou o cumprimento do voto do emperador de emprender a cruzada, que durante anos adiara. Frederico II, finalmente, fíxose ao mar o 8 de setembro de 1227 desde Brindisi, pero regresou tres días máis tarde debido a unha epidemia no seu exército, e a que el mesmo estaba gravemente enfermo. Gregorio IX non creu a desculpa, pois xa atrasara a súa partida en varias ocasións, e por iso, o 20 de setembro de 1227, excomungou ao emperador. Pola súa parte, Frederico redactou un manifesto condenando a decisión do papa, manifesto que foi lido publicamente no Capitolio de Roma, tras o cal os xibelinos da cidade iniciaron unha insurrección que obrigou ao papa a fuxir de Roma. Por outra parte, o bispado alemán mantívose partidario do emperador.
A pesar da excomuñón, o emperador iniciou de novo a cruzada o 28 de xuño de 1228 e, ante as noticias de que o papa invadira o seu Reino de Sicilia, Frederico regresou a Italia en maio de 1229, derrotou ao papa, e ambos os soberanos pactaron a paz nos tratados de San Xermano o 20 de xullo de 1230, e de San Ceprano, o 28 de agosto de 1230, polos que Frederico II devolvía ao papa os territorios pontificios ocupados e as posesións pontificias en Sicilia, e o papa levantaba a excomuñón ao emperador; así mesmo, tamén se acordou a paz coa Liga lombarda.
Durante a década de 1230 o emperador levou a cabo políticas diverxentes nos seus dominios, xa que mentres que no Reino de Sicilia fortaleceu o poder da monarquía coas Constitucións de Melfi (ou Liber Augustalis) de 1231 e a mellora da política económica, en cambio, en Alemaña, para ter dispoñibilidade de recursos militares e financeiros para as súas campañas militares, Frederico acrecentou o amplo exercicio de poder da alta aristocracia dentro dos seus territorios, á que outorgaba amplos dereitos de intervención nas cidades.
Esta política do emperador Frederico II chocou coa de seu fillo Henrique II de Suabia, Rei de romanos (e, por tanto, rei de Alemaña), que mantiña unha política favorábel ás cidades, o que o puxo en contra dos aristócratas que, á súa vez, o forzaron a concederlles privilexios en detrimento do poder real e en contra das cidades (Privilexgio de Worms), en maio de 1231.[17]
Pero o Rei de romanos seguiu mantendo unha posición contraria ao Privilexio de Worms, rexeitando participar na Dieta de Rávena (finais de 1231 e comezos de 1232), que pretendía afirmar o poder imperial sobre as comunas e que provocou unha reactivación da Liga Lombarda (principal e poderosa inimiga do emperador) pero, reconciliado co seu pai en Aquileia, o emperador confirmou o Privilexio de Worms en maio de 1232 no Statutum in favorem principum, para garantir o apoio dos príncipes en Alemaña e así proseguir a súa política en Italia; pero ao regresar a Alemaña, o rei Henrique publicou un manifesto aos príncipes erixíndose no símbolo da revolta en Boppard en 1234.[18]
Frederico II reaccionou e proscribiu ao seu fillo o 5 de xullo de 1234, e Henrique aliouse coa Liga Lombarda en decembro. Abandonado pola maior parte dos seus seguidores, tivo que renderse a seu pai o emperador o 2 de xullo de 1235 en Wimpfen, e dous días despois, Frederico II e a nobreza xulgaron a Henrique en Worms, destronárono e condenárono a morte (porén algo máis tarde Frederico conmutoulle esta pena por cadea perpetua). O seu irmán máis novo Conrado foi designado duque de Suabia e elixido Rei de romanos. Na Reunión Imperial (Reichsversammlung) de Maguncia, o 25 de agosto de 1235, o emperador promulgou a primeira lei de paz territorial (Landfriedensgesetz).
Unha vez pacificada Alemaña, Frederico volveu a Italia e pasou á ofensiva contra a Liga Lombarda, á que derrotou completamente na batalla de Cortenova (novembro de 1237) e, no Piemonte, reforzou o partido xibelino. Pero máis que un restaurador do ideal do Imperio, apoiouse nas forzas locais xibelinas, especialmente en Ugolino della Gherardesca de Pisa,[19] para conter a Xénova, e nos irmáns Ezzelino e Alberico da Romano, que se beneficiaron da querela imperial para afianzar e ampliar a súa base de poder en Verona, en detrimento de cidades como Padua, Vicenza e Brescia,[20] o que supuxo ao emperador a oposición de anteriores partidarios, como Azzo de Este.
A pesar da vitoria imperial, Frederico estaba desexoso de obter a rendición total das comunas da Liga, desbotou os ofrecementos de paz e a campaña proseguiu coa única resistencia de Milán, Brescia, Boloña e Piacenza, pero en outubro de 1238 tivo que levantar o sitio de Brescia. O papa Gregorio IX, temendo que os éxitos do emperador porían en perigo a súa independencia de acción, aproveitou a conxuntura aliñándose coa Liga Lombarda e excomungou de novo a Frederico en 1239. O emperador nomeou legado imperial ao seu fillo Enzo, rei de Sardeña, que se internou nos territorios pontificios de Romaña, Marca de Ancona e ducado de Spoleto; mentres, o emperador dirixiuse co seu exército a Lombardía para apoiar a Pavia e Cremona, e someter, infrutuosamente, a Milán, e neste contexto abriuse o paso de San Gotardo para unha mellor comunicación entre Alemaña e Italia; en cambio, en Toscana tivo maior éxito, sometendo as comunas güelfas, asediando os territorios pontificios, con éxitos notábeis como a toma de Rávena ou a de Faenza. O papa convocou un Concilio en Roma para depoñer ao emperador, pero as naves pisanas dirixidas por Enzo de Sardeña e o almirante Buzaccherini capturaron a frota xenovesa que levaba os cardeais que ían ao Concilio na illa del Giglio, o 3 de maio de 1241. O emperador dirixiuse entón a Roma, pero o papa morreu e Frederico II, diplomaticamente, retirouse antes de entrar na cidade.
A última década do reinado de Frederico II marcou o fin do sistema imperial en Italia; o emperador non puido reunir os recursos necesarios para someter a rebeldía no territorio e, como rei de Sicilia, subordinou os intereses deste Reino á necesidade de diñeiro para loitar contra as cidades do norte. A pesar dun período de interregno papal (1241-1243), a loita continuaba no norte de Italia, levada a cabo por Enzo de Sardeña e Ezzelino da Romano contra os güelfos. Unha vez elixido Inocencio IV (1243-1254), o emperador tratou de facer as paces, xa que o novo papa pertencía a unha familia xibelina, pero as negociacións non frutificaron porque o emperador non estaba disposto a restituír ao pontífice os territorios conquistados, pois, aínda que o propio Frederico II os doara ao papa, o papa Gregorio IX traizoara ao emperador. Despois da toma de Viterbo polos imperiais (1243), o papa, sentíndose inseguro en Roma, fuxiu a Lión, onde convocou un Concilio Ecuménico co fin de depoñer o emperador, concilio celebrado en xullo de 1245.
En Alemaña, o Rei de romanos Conrado IV tivo que facer fronte a dous sucesivos reis rivais apoiados polo papa, Henrique Raspe (1246-1247) e Guillerme de Holanda (1247-1256). E en Italia, o emperador Frederico II volveu a fracasar no seu intento de tomar Milán (1245), pero mantivo as súas posicións nomeando o seu fillo Frederico de Antioquía vigairo imperial da Toscana (1246). Frederico partiu a Sicilia e no entanto Milán xa se puxera de parte de Henrique Raspe.
Frederico II regresou ao norte de Italia con reforzos e diñeiro na primavera de 1247, pero en xuño a cidade de Parma, de importancia estratéxica para o emperador, púxose de parte dos güelfos, de modo que se foron concentrando reforzos güelfos para defender a cidade e reforzos xibelinos para levar a cabo o asedio, para o que construíron unha nova cidade denominada Vittoria.
O 18 de febreiro de 1248, mentres o emperador estaba participando nunha partida de caza, os güelfos aproveitaron o momento de baixa defensa da cidade para obteren unha esmagadora vitoria, na que a cidade de Vittoria foi incendiada, e os güelfos se apropiaron do tesouro imperial, incluíndo a coroa imperial (que sería devolta ao emperador Henrique VII).
Aínda que a batalla de Parma terminou co exitoso ímpeto que o emperador mostrara na súa loita contra o papa e os güelfos, Frederico II recobrouse axiña e refixo un novo exército. Até a súa morte, a loita continuou con vitorias e derrotas por ambas as partes.
Tras a batalla de Parma, Inocencio IV puido emprender a reconquista dos territorios de Spoleto, a Romaña e a Marca, e ademais Milán recoñeceu ao novo rei rival dos Romanos Guillerme de Holanda. Frederico II saqueou os territorios de Parma, e dirixiuse ao Piemonte, onde asegurou a súa posición e nomeou un novo vigairo imperial na Lombardía, Tomás II, da casa de Savoia.[21] En xaneiro de 1249, Frederico emprendeu o camiño cara ao seu Reino de Sicilia, pasando por Pavia e Cremona, e pola Toscana, onde Frederico de Antioquía, nunha das súas campañas contra os güelfos, os expulsara de Florencia. O emperador seguiu o seu camiño de Pisa a Nápoles, a onde chegou en maio de 1249. Finalmente estableceuse en Foggia, onde morreu en 1250.
Entre tanto, en maio de 1249, o exército composto por imperiais e xibelinos de Cremona e Módena foi derrotado polos güelfos de Boloña, aínda que esta vitoria non foi decisiva, e o fillo do emperador, Enzo, foi derrotado e capturado na batalla de Fossalta, morrendo en cativerio en 1272. Porén, o dominio xibelino no norte de Italia estaba ben establecido, Ezzelino da Romano afianzaba a súa autoridade sobre Belluno, Feltro e numerosos castelos e fortalezas, Tomás II de Savoia controlaba os pasos dos Alpes, e tanto Milán como Brescia perderon forza ante os ataques de Ezzelino e de Oberto Pallavicino, quen pola súa parte levou a cabo o afianzamento do bando xibelino de Parma, Cremona, Piacenza, Pavia, Bérgamo e Lodi; e nos Estados Pontificios, o papa predicara a cruzada contra Frederico II, e as tropas alemás e sicilianas combatían as papais polo dominio da Umbría e a Marca de Ancona.
Á morte do emperador o 13 de decembro de 1250 sucedeuno seu fillo Conrado IV tanto en Alemaña, onde xa era Rei de romanos (virtualmente, rei de Alemaña), como no Reino de Sicilia, onde seu irmán Manfredo actuaba como vigairo seu. Como a posición do rei Conrado IV se debilitou tras a morte do seu pai, e ante o fortalecemento do partido papal encabezado polo rei rival Guillerme de Holanda, Conrado IV encamiñouse a finais de 1251 ao reino siciliano por mar para asegurar alí o seu poder, evitando así o paso polo norte de Italia. A pesar dos intentos do papa para ofrecer a coroa siciliana a Edmundo de Lancaster, Conrado asegurou a súa posición en Sicilia e no sur da península coa toma de Nápoles en outubro de 1253. Conrado IV foi excomungado en 1254, pero morreu de malaria nese ano en Lavello, na Basilicata.
Conrado designou como herdeiro ao seu fillo Conradino, de dous anos de idade, e como titor del, ao papa Inocencio IV. Inicialmente o papa recoñeceu as pretensións hereditarias de Conradino e, pola súa parte, Manfredo aceptou, de modo que foi nomeado polo papa como seu vigairo, levantándolle a excomuñón que lle declarara uns meses antes; e así o papa entrou en Nápoles o 27 de outubro de 1254. Porén, Manfredo, non se resignou e organizou a resistencia, e o 2 de decembro derrotou as tropas papais en Foggia, e varios días despois morreu o papa en Nápoles. O seu sucesor, o papa Alexandre IV (1254–1261) proseguiu a política contra os Hohenstaufen, mantendo a súa intención de substituílos no Reino de Sicilia polo príncipe inglés Edmundo de Lancaster, excomungando a Manfredo en 1255. Porén Manfredo resistiu os intentos papais de invasión mantendo a súa autoridade no Reino, como vigairo de Conradino, e favoreceu o xibelinismo nas comunas de Toscana, especialmente en Siena.
Máis ao norte, na marca trevisana, Ezzelino da Romano, señor feudal de Bassano e Pedemonte, que dominaba como capitán do pobo as cidades de Verona, Vicenza, Padua, Feltre e Belluno, e o seu irmán Alberico, que gobernaba Treviso, excomungados tras a morte de Frederico II, tiveron que enfrontar desde 1256 unha cruzada por parte dunha Liga güelfa encabezada por Azzo de Este, señor de Ferrara, con tropas de Venecia, Boloña e Mantua, e outros señores, incluíndo antigos partidarios que pasaran ás filas güelfas como Oberto Pallavicino, que rivalizaba no xibelinismo.[22] Sen avances significativos por ningunha das dúas partes, finalmente a cruzada chegou ao seu fin cando na batalla de Cassano d'Adda en setembro de 1259 os güelfos capturaron a Ezzelino, que morreu pouco despois, e ao ano seguinte o seu irmán Alberico.
O Interregno
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Afonso X o Sabio e Manfredo de Sicilia.
Á morte do Rei de romanos Guillerme de Holanda en xaneiro de 1256 produciuse un problema sucesorio pola elección do seguinte Rei de romanos. En marzo, a cidade de Pisa enviou unha embaixada ao rei de Castela Afonso X ofrecéndolle a súa submisión e apoio como cabeza da casa de Suabia e como xefe do partido xibelino, oposto ao papa; desta maneira Pisa compensaba os beneficios da súa rival Xénova. Por outra parte, o rei castelán tamén fixo saber a súa intención de ser elixido Rei de romanos, fronte ao cal, o rei de Inglaterra Henrique III propuxo ao seu irmán Ricardo de Cornualla como candidato.
Tras gastar ambos os candidatos grandes cantidades de diñeiro para subornar aos electores, o 1 de abril os partidarios de Afonso, o arcebispo de Tréveris e o duque de Saxonia, xunto cos poderes outorgados polo margrave de Brandeburgo e o rei de Bohemia Otakar I, elixiron Rei de romanos a Afonso en Frankfurt, pero Otakar I, interesado en manter o reino vacante deu o seu voto a ambos os candidatos. O rei castelán distribuíu grandes cantidades de diñeiro aos seus partidarios para manter viva a súa causa en Alemaña; pero en Italia, o papa Alexandre IV (o valenciano Roderic de Borja) deuse conta de que a presenza dos casteláns favorecía a causa dos xibelinos, pois o seu inimigo Ezzelino da Romano era partidario de Afonso.[23] A pesar de todo, Afonso X enviou unha embaixada ao papa para lograr a súa lexitimación, aquietando as suspicacias do papa acerca do seu xibelinismo, nada extremista.
Á morte de Ezzelino da Romano (1259), os xibelinos tenderon agora a unirse en torno a Manfredo, recentemente coroado como rei de Sicilia, sen que o papa estivese disposto a recoñecelo, posto que o volvera a excomungar. En Toscana, unha insurrección levara de novo ao poder aos güelfos en 1250, que pretenderon impoñerse aos xibelinos toscanos, sometendo as cidades de Pistoia e Volterra, e facer as paces con Pisa; en 1258 expulsaron os xibelinos de Florencia, que se refuxiaron na xibelina Siena, cuxo líder Farinata degli Uberti se aliou con Manfredo de Sicilia, a quen animou para que, para protexer o seu Reino, debía asegurar Toscana aos xibelinos; Manfredo dirixiu as súas miras ao centro e o norte de Italia e, conxuntamente cos xibelinos, derrotou completamente aos güelfos (especialmente os de Florencia, Boloña e Lucca) en Montaperti o 4 de setembro de 1260, de forma que foi recoñecido protector de Toscana polos florentinos xibelinos, e foi elixido senador de Roma por unha facción da cidade, expulsando ao papa Alexandre IV. Ademais puido nomear vigairos en Toscana, Spoleto, a Marca de Ancona, a Romaña e Lombardía; mentres, os aragoneses fixeron acto de presenza, ao acordar os esponsais do herdeiro do reino, Pedro, coa filla de Manfredo Costanza II de Sicilia.
Neste momento, os xibelinos podían aspirar á hexemonía sobre toda Italia e calquera alivio á terrible presión que estes exercían sobre o papa era ben recibido: de aí que Alexandre IV acollese ben aos embaixadores casteláns prometéndolles que na querela imperial se atería á máis estrita xustiza. Tras unha vacante de tres meses, o patriarca de Xerusalén, Xacobe Pantaleón, de orixe francesa, foi elixido en setembro de 1261 novo papa, co nome de Urbano IV (1261–1264), quen nunca pisaría Roma e, aínda que mantivo unha teórica actitude de neutralidade entre os dous candidatos, o castelán e o inglés, non estaba disposto a que calquera deles puidese sumar as súas forzas ás dos seus inimigos xibelinos. Ante isto, ideou unha arbitraxe que lle permitise demorar a súa sentenza o tempo que fose necesario.[24]
Porén, ante o avance irresistíbel dos xibelinos, e a pesar de que Afonso X intentaba que os güelfos se adherisen á súa causa mantendo hostilidade cara a Manfredo, o papa Urbano IV ignorou o acordo establecido por Alexandre IV con Edmundo, e púxose en mans de Francia, onde finalmente contou coa aprobación do rei Lois IX para que o seu irmán Carlos de Anjou asinase un acordo o 15 de agosto de 1264 co papa, no que aceptaba a investidura do Reino de Sicilia e, mentres, Urbano IV seguiu dilatando a súa arbitraxe sobre a disputa da coroa imperial. Carlos de Anjou iniciou unha empresa implicando á banca güelfa, especialmente a Orlando Bonsignori, que se beneficiaría dos territorios do reino siciliano, o que ía en contra dos intereses cataláns.
Mentres que o exército anxevino avanzaba por Italia con apoio güelfo, faleceu o papa Urbano IV e foi elixido o tamén francés Clemente IV (1265-1268), que tampouco entrou en Roma, quedando ben establecido en Viterbo. Este papa mantivo unha actitude abertamente favorábel a Carlos de Anjou e, cando este alcanzou Roma por mar, foi elixido senador e coroado como rei de Sicilia o 6 de xaneiro de 1266 por cardeais designados polo papa. Cando o exército anxevino chegou a Roma, Carlos emprendeu a campaña contra Manfredo, que saíu do seu letargo para encontrarse cos anxevinos na batalla de Benevento, o 26 de febreiro de 1266, onde o exército siciliano foi derrotado e o propio Manfredo encontrou a morte. Desta maneira, Carlos de Anjou logrou facer efectivo o seu control sobre todo o reino. E deste xeito impulsou o güelfismo en Italia, como o establecemento de Filipe della Torre en Milán, o marqués de Este en Ferrara e, en Florencia, os xibelinos foron de novo expulsados.
Pola súa parte, a pesar de que Afonso X insistía en non favorecer o xibelinismo, co que se privou do único apoio do que podería dispoñer, os embaixadores casteláns, aproveitando que o infante Henrique apoiara o financiamento da empresa de Carlos de Anjou e posto que estaba na Corte pontificia, meteron presión a Clemente IV para que pronunciase a sentenza a favor do rei castelán. Porén, ao desaparecer a resistencia xibelina en Benevento, o papa non considerou necesario manter unha postura contemporizadora co rei castelán.
Tras a batalla de Benevento, Carlos puido estender a súa influencia pola Lombardía, desde Vercelli até Treviso, e desde Reggio Emilia até Módena, e con Oberto Pelavicino sometido e reducido a Cremona e Piacenza, só resistían a Carlos as cidades de Pavia e Verona;[25] o seu poder estaba consolidado no Piemonte, onde os pequenos nobres se someteron a el para non caeren baixo os máis poderosos condes de Savoia ou os marqueses de Montferrato, e Toscana foi sometida coa resistencia de Pisa e Siena. Porén, os xibelinos non se resignaron, e urxiron a vinda de Conradino, o fillo de Conrado IV e sobriño de Manfredo, que a pesar de ser excomungado en novembro de 1267, entrou en decembro en Verona,[26] proseguindo a súa campaña por Pavia e Pisa; o mesmo papa Clemente IV, pediu o apoio a Carlos de Anjou para derrotalo. Mentres, o seu parente, o infante castelán Henrique de Castela (don Arrigo), xa senador en Roma desde xullo de 1267, reclamaba a posesión do Reino de Sardeña como beneficio da súa participación na empresa anxevina. Ante a negativa, sublevouse en Roma, e aproveitando a ausencia do papa asaltou a residencia papal e fixo prisioneiros a todos os cardeais presentes. Pasara ao bando xibelino, e foi excomungado o 5 de abril de 1268; e en xullo de 1268, Conradino foi recibido con grande entusiasmo en Roma.
Porén, o 23 de agosto de 1268 as forzas xibelinas foron derrotadas na batalla de Tagliacozzo, o que supuxo o esmagamento dos xibelinos e o triunfo definitivo de Carlos de Anjou, e tanto don Arrigo como Conradino foron capturados. O 29 de outubro Conradino foi decapitado. Coa súa morte e a do seu tío Enzo de Sardeña anos despois, a descendencia masculina dos Hohenstaufen desapareceu.
Carlos de Anjou converteuse así nun soberano poderoso, cabeza do partido güelfo e, ademais de ser rei de Sicilia, era conde da Provenza e de Anjou, e senador da cidade de Roma; o papa Clemente IV nomeouno vigairo imperial en Toscana durante o interregno,[27] título co que tratou de beneficiarse dos dereitos imperiais nas cidades, e no interregno de 33 meses que seguiu á morte de Clemente IV interveu activamente nos Estados Pontificios, asegurou o seu poder en Toscana sometendo a Siena e Pisa, o que prexudicaba comercialmente a Xénova, e asegurou na Dieta lombarda de Cremona (1269) o control ou o apoio das cidades güelfas no norte de Italia, e así foi recoñecido señor de Piacenza, Cremona, Parma, Módena, Ferrara e Reggio, e estableceu unha alianza coas cidades de Milán, Como, Vercelli, Novara, Alessandria, Tortona, Turín, Pavia, Bérgamo e Boloña.[28][29] Ademais de todo isto, tivo as súas miras postas en recobrar o Imperio Latino, o que produciu os temores do emperador Miguel VIII Paleólogo, que propuxo a unión das igrexas romana e grega.
Afonso X, así e todo, seguía reclamando os seus dereitos ao trono alemán a través de reclamacións xurídicas. Desenganado da súa colaboración cos güelfos, e de acordo co seu cuñado Pedro III de Aragón, fillo do rei Xaime I, enviou un embaixador, Raimundo de Mastagii, para reavivar a resistencia volvendo a crear unha nova Liga urbana contra os anxevinos e concertou o matrimonio da súa filla Beatriz co marqués Guillerme VII de Montferrato en 1271, ao que nomeou vigairo imperial na Lombardía. O rei de Sicilia emprendeu unha guerra coa xibelina Xénova a finais de 1273, de modo que a cidade se aliou co rei castelán. Guillerme de Montferrato logrou formar unha Liga xibelina con Pavia, Lodi, Parma, Novara, Piacenza, Mantua, Tortona, Xénova e Verona, e tamén co seu primo o marqués de Saluzzo Tomás I, e incluso coa súa tradicional inimiga a cidade de Asti, e cunha exigua axuda do rei castelán derrotou os anxevinos na batalla de Roccavione (10 de novembro de 1275), o que desfixo a autoridade de Carlos de Anjou no Piemonte,[30][31] e o marqués Guillerme de Montferrato ampliou temporalmente o seu poder e influencia en Piemonte e Lombardía, e encabezou unha Liga xunto con Vercelli, Novara, Tortona, Alessandria, Asti, Como e Pavia, e apoiando aos Visconti,[32] sendo nomeado señor da cidade en 1278, até que foi expulsado polo mesmo que o nomeara, o arcebispo Odón Visconti, en 1282.
Gregorio X (1271–1276), o novo papa elixido en setembro de 1271, mostrou unha postura máis contemporizadora coa unión das Igrexas e reconciliadora cos xibelinos. Pouco despois da súa coroación en marzo de 1272, morreu o Rei de romanos Ricardo de Cornualla (2 de abril), e o papa, nada favorábel ás pretensións de Afonso X, posicionado entón a favor dos xibelinos, e alarmado polo excesivo poder da casa de Anjou en Italia,[33] recomendou aos electores alemáns elixir un novo rei, e o 1 de outubro de 1273 foi elixido Rodolfo I de Habsburgo,[34] finalizando así o interregno. Para obter a aprobación do papa, o novo Rei de romanos renunciou a todos os dereitos imperiais en Roma, os territorios pontificios e Sicilia, ademais de prometer emprender unha nova cruzada. Deste modo, Rodolfo de Habsburgo foi finalmente recoñecido polo papa, o 26 de setembro de 1274, tras invitar a Afonso a renunciar o 11 de xuño. Sen resignarse aínda, Afonso dirixiuse ao encontro do papa en Beaucaire, onde non obtivo concesións, renunciando aos seus dereitos en maio de 1275.
A fin dos poderes universais
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Reino de Sicilia # Dominación anxevina (1266-1282) e Vésperas sicilianas.
A elección de Rodolfo I de Habsburgo como Rei de romanos (rei de Italia) impulsou unha reacción xibelina no norte de Italia que enfrontou a Carlos de Anjou contra Xénova, Pavia, Mantua, Verona e Milán, que puxo de manifesto de novo a inestabilidade política. Porén, a autoridade imperial no reino italiano, tras o fracaso dos Hohenstaufen en Italia, desenvolveuse de forma marxinal, outorgando lexitimidade aos poderes que apareceran espontaneamente e se estableceran nas cidades italianas. A manifestación desta lexitimación imperial realizouse en forma dun vigairado imperial en favor do signore, como o que concedeu Adolfo de Nassau a Mateo Visconti en Milán en 1294.[35][36]
Os pontificados de Gregorio X (1272–1276) e Nicolao III (1277–1280) caracterizáronse por establecer a unión das Igrexas grega e romana, sancionada no Concilio de Lión II (1274), e por unha tendencia contemporizadora nas loitas de güelfos e xibelinos, favorecendo o regreso dos exiliados ás súas cidades, como a misión mediadora que fixo o cardeal Latino Malabranca en Florencia en 1279 e,[30] neste sentido, Nicolao III freou as ambicións do rei siciliano, Carlos de Anjou, no norte de Italia, ao revogarlle en 1278 a súa posición como senador de Roma e como vigairo imperial en Toscana, incluso o comprometeu a renunciar á signoria das cidades italianas, así como a conter a súa política agresiva contra o Imperio Bizantino. Desta forma, o papa Nicolao buscaba un equilibrio de poder entre o Rei de romanos Rodolfo de Habsburgo e o rei de Sicilia Carlos de Anjou, limitando o poder deste último ao sur italiano. En maio de 1280, o papa Nicolao posibilitou un acordo entre Rodolfo e Carlos polo que este último aceptaba a Provenza e Forcalquier como feudos imperiais, e se acordaba o matrimonio de Clemencia de Habsburgo (filla de Rodolfo I) con Carlos Martel de Anjou-Sicilia (neto de Carlos de Anjou).[37]
E en canto a Rodolfo I, unha vez recoñecido como Rei de romanos polo papa Gregorio X, iniciáronse negociacións para a súa coroación como emperador, que se viron interrompidas pola morte do pontífice en 1276, e polas mortes prematuras dos tres papas sucesivos. Na súa intervención en Italia, designou a Napoleón della Torre de Milán como vigairo imperial na Lombardía.[38] E, sobre todo, renunciou aos territorios pontificios: as negociacións co papa Nicolao III deron lugar a realizar un concordato en 1278 polo que se garantía ao papa os territorios do Patrimonio de San Pedro (entre Radicofani e Ceperano), o ducado de Spoleto, a Marca de Ancona e a Romaña,[39][40][41] aínda que sen alterar o goberno de ditos territorios;[42] dita renuncia dos dereitos imperiais e de fidelidade sería sancionada por Rodolfo I o 14 de febreiro de 1279.[43]
De novo interrompidas as negociacións durante o pontificado antialemán de Martiño IV (1281–1285),[44] o seu sucesor Honorio IV (1285–1287) que, sendo cardeal xa tratara este asunto na época do papa Hadrián V (1276), estableceu a coroación imperial en Roma de Rodolfo para 1287, pero as disensións e guerras internas en Alemaña imposibilitaron a viaxe para a súa coroación. Rodolfo de Habsburgo morreu, sen coroar, en 1291, e os electores alemáns elixieron Rei de romanos a un nobre con escaso poder na propia Alemaña, Adolfo de Nassau.
Á morte de Nicolao III, o rei Carlos de Anjou asegurou a elección de Simon de Brie, un dos cardeais que o coroaron rei de Sicilia, como Martiño IV. Este papa, feitura de Carlos, devolveulle o cargo de senador de Roma, entregándolle o goberno nos Estados Pontificios; así mesmo cesou a misión conciliadora do cardeal Latino Malabranca (sobriño de Nicolao III) en Toscana, co que a paz entre güelfos e xibelinos colapsou.
Rodolfo de Habsburgo, o Rei de romanos, apresurouse a nomear un vigairo imperial, que animou aos xibelinos: Pisa, San Miniato, San Gimignano e Pescia prestáronlle homenaxe, mentres que fracasaba unha revolución xibelina en Siena en xullo de 1281, e non foi admitido nas cidades güelfas. Un pequeno exército anxevino invadiu o Piemonte en maio de 1281 pero foi derrotado polo marqués de Saluzzo en Borgo San Dalmazzo, o que supuxo a súa práctica expulsión do Piemonte. Tamén a Lombardía se perdeu para os güelfos, a derrota dos Torriani en Vaprio o 25 de maio de 1281 fronte aos Visconti mantivo a hexemonía dos xibelinos, recoñecendo a soberanía de Rodolfo de Habsburgo.[45]
Noutra fronte, o papa Martiño IV excomungou ao emperador bizantino o 18 de novembro de 1281, co que invalidou a unión das Igrexas grega e romana, e permitiu ao rei siciliano reiniciar os preparativos para a campaña de conquista de Constantinopla e a restauración do Imperio Latino, proxectada para 1283. Pero en marzo de 1282 os cidadáns de Palermo atacaron a gornición francesa, nas chamadas Vésperas sicilianas, e destruíron a frota da proxectada cruzada.
Esta revolta contra os Anjou debeuse -entre outras causas- ás cargas impositivas que soportaban e a que ademais a nobreza de Sicilia desexaba un certo grao de autonomía política. Os sicilianos conseguiron expulsar a dinastía anxevina, e o rei Pedro III de Aragón, o Grande (xenro de Manfredo de Sicilia) foi proclamado rei de Sicilia. A participación do emperador bizantino Miguel VIII Paleólogo é facilmente imaxinábel,[46] posto que a rebelión debeu de ser financiada con ouro bizantino precisamente no momento crítico dunha nova posíbel caída de Constantinopla.
Os anxevinos foron relegados á parte continental e mantiveron o título de rei de Sicilia, co apoio dos papas sucesivos como, por exemplo, Celestino V, que estableceu en 1294 a sede papal en Nápoles. Isto deu lugar a unha longa guerra intermitente entre anxevinos e aragoneses, pero a división entre o reino de Sicilia insular, baixo dominio aragonés, e o reino de Sicilia peninsular (ou de Nápoles), baixo dominio anxevino, foi permanente, sen que os papas puidesen impedilo.
Os conflitos entre os reinos de Sicilia e Nápoles foron constantes até que foi elixido papa Benedito XII en 1334, que tiña relacións de amizade con Frederico II de Sicilia, e lle prometeu respecto na Santa Sé en Trinacria.
Cómpre dicir que os dous reinos resultantes estiveron separados até 1442, cando o rei de Aragón Afonso V o Magnánimo conquistou o Reino de Nápoles e unificou ambos os reinos.
O reino de Sicilia continental desvinculouse da casa de Anjou e constituíuse en dominio dos reis de Aragón, non da corte nin do Reino de Aragón, senón do propio rei a título individual.
Mentres, na Lombardía proseguía o estado de guerra a causa da disputa entre os Torriani e os Visconti, que polarizou aos numerosos señores das cidades aliñándose de forma cambiante a un e outro bando;[47] tras vencer ao seu rival güelfo Napoleón della Torre na batalla de Desio en 1277, o arcebispo Odón Visconti obtivo o goberno de Milán, no que lle sucedeu o seu sobriño neto Mateo en 1287; porén, a guerra cos Torriani continuou. O marqués Guillerme VII de Montferrato fora designado señor de Milán por Odón Visconti pero, inimizado con el, o marqués foi expulsado en 1282, de modo que Guillerme VII, que era xibelino,[48] entrou en alianza cos exiliados Torriani, que eran güelfos,[49] e así estendeu o seu poder sobre Lombardía. En 1287, unha Liga de cidades formada por Asti, Xénova, Milán, Cremona, Piacenza e Brescia e polo conde Amadeu V de Savoia, finiquitaron o poder do piemontés en 1290.[50] A posición dos Visconti aínda non estaba asegurada, se ben o Rei de romanos, Adolfo de Nassau, nomeara a Mateo Visconti vigairo imperial na Lombardía en 1294,[36] confirmado por Alberte de Austria.[51][52] Mateo Visconti foi expulsado de Milán en 1302 por unha coalición de Cremona, Piacenza e Pavia, regresando os Torriani ao poder milanés.[53]
En Toscana, o 6 de agosto de 1284 os pisanos foron derrotados polos xenoveses na illa de Meloria, o que arruinou o poder marítimo de Pisa. Os pisanos entregaron o goberno ao conde Ugolino della Gherardesca, que logrou deter a caída de Pisa no poder dunha Liga güelfa toscana (Florencia, Lucca, Pistoia, Volterra, e outras cidades); pero Ugolino, ao practicar unha política ambigua con güelfos e xibelinos en beneficio propio co fin de perpetuarse no poder, pereceu nunha insurrección xibelina en 1288. Esta insurrección levou ao poder ao conde Guido da Montefeltro, quen asegurou o poder de Pisa fronte a unha nova Liga güelfa toscana, pactando a paz coas güelfas Florencia e Lucca en 1293. Mentres, en Florencia, a pacificación do cardeal Latino Malebranca (1280) trouxera de regreso aos exiliados xibelinos, pero durou pouco, xa que unha rebelión (1282) levou ao poder ao rico popolo grasso e, debido ás querelas entre os nobres e entre eles e o pobo, en 1292 a instancias de Giano della Bella, a nobreza foi apartada completamente do goberno, o que se transmitiu a outras cidades toscanas como Lucca, Pistoia, Siena ou Arezzo.[54] En Pistoia, a querela entre as dúas ramas da familia güelfa dos Cancellieri, coñecidos como brancos e negros, provocou a entrega á señoría a Florencia, e a querela introduciuse nesta última cidade.
Co fracaso do emperador Frederico II Hohenstaufen en dominar Italia, a península quedou sen remedio dividida efectivamente en unidades políticas independentes e enfrontadas entre si. Nos anos a cabalo entre os séculos XIII e XIV, a guerra do rei Carlos II de Nápoles por recuperar a illa de Sicilia deixou sen cabeza o partido güelfo, e o partido xibelino tampouco contou co apoio dos soberanos alemáns, que tampouco fixeron acto de presenza na península.
O papado de Bonifacio VIII (1294–1303) tratou de recuperar a posición da plenitudo potestatis, asumindo un papel reitor en Italia, interveu en contra do goberno dos brancos na cidade por xulgar a un Spini, un favorecido banqueiro do papa,[55][56] en 1301 nomeou a Carlos de Valois como Pacificador de Toscana,[57] do que resultou a expulsión dos brancos, Dante entre eles. O seu enfrontamento co rei Filipe IV de Francia pola xurisdición da Igrexa supuxo o seu final. En setembro de 1303 o papa foi tomado preso na residencia papal polos seus inimigos romanos, os Colonna, e por emisarios franceses do rei Filipe, feito coñecido como o atentado de Anagni, e aínda que foi liberado ao pouco, faleceu un mes despois deste acontecemento, de modo que sancionaba a derrota definitiva dos seus propósitos por establecer a teocracia pontificia. Tras o breve pontificado de Benedito XI (1303–1304), o papa francés Clemente V (1305-1314), baixo presión do rei francés e temeroso das querelas entre a nobreza romana decidiu establecer a sede papal en Aviñón, nun contorno con bo clima e boas comunicacións, e que entón era un territorio que pertencía aos anxevinos condes da Provenza, tamén reis de Nápoles, que eran por aquel condado, feudatarios do Sacro Imperio. Desta forma, os papas, sen forza material propia para dirixir o partido güelfo, senón a través de estranxeiros, terminaron por establecerse fóra de Italia sometidos á influencia de Francia.
A comezos do século XIV producíronse as últimas intervencións imperiais que fracasaron ao intentar impoñer a súa autoridade.
Co papa instalado en Francia, e o Rei de romanos atado ao feudalismo alemán, en Italia o rei anxevino Roberto I de Nápoles era o personaxe dominante na península, favorecendo aos güelfos e aos negros de Florencia en particular.
A expedición (Romzug) do Rei de romanos Henrique VII de Luxemburgo a Italia (1310–1313) para ser coroado emperador contou co beneplácito do papa Clemente V, e tamén pretendeu pacificar e reconciliar as faccións güelfas coas xibelinas, e recobrar os seus dereitos imperiais en Italia.
Henrique VII chegou a Italia en outubro de 1310. Inicialmente a expedición foi exitosa, onde os réximes güelfos se mostraran cooperantes, e se posibilitara o regreso dos exiliados ás súas cidades. Henrique de Luxemburgo designou vigairos imperiais e podestàs nas cidades para encargarse dos gobernos comunais,[58] pero non actuaron de forma imparcial. En Milán viuse envolto nas querelas dos güelfos, encabezados por Guido della Torre e xibelinos, guiados por Mateo I Visconti, e como os güelfos empeñaran a coroa férrea,[59][60] tivo que ser coroado cunha nova coroa na Epifanía de 1311. Unhas semanas despois designou o conde Amadeu V de Savoia como vigairo xeral da Lombardía,[61] e reclamou unha contribución de 300 000 floríns anuais entre as cidades, o que orixinou unha rebelión, en febreiro, en Milán gobernado polos güelfos Torriani, que se estendeu por todas as cidades güelfas da Lombardía. Necesitado de apoios tanto financeiros como militares, buscounos en señores locais: en Milán produciuse a expulsión dos della Torre, e o Rei de romanos aceptou o retorno ao poder milanés do xibelino Mateo Visconti vendéndolle o título de vigairo imperial (xullo de 1311),[36] algo que tamén fixo a güelfos oportunistas como Riccardo da Cammino de Treviso (maio de 1311). O Rei de romanos, co apoio dos xibelinos, someteu as cidades de Cremona e Brescia, e obtivo a submisión de Parma, Vicenza, Plasencia e Padua; pero o éxito pírrico no sitio de Brescia (maio a setembro de 1311) revelou a precariedade militar e financeira de Henrique de Luxemburgo. Porén, o papa Clemente V sentiu a presión do rei Filipe IV de Francia e dos güelfos, e deu apoio á oposición güelfa.[62] Tras manter unha Dieta imperial en Pavia en outubro de 1311, Henrique foi recibido favorabelmente en Xénova, admitindo un vigairo imperial, Uguccione della Fagginola; e polo seu apoio, Cangrande della Scala foi recoñecido vigairo imperial de Verona en 1311 e de Vicenza en 1312.[63][64] Por mar trasladouse a Pisa, reiniciándose co apoio florentino a revolta na Lombardía: Lodi, Reggio, Cremona, Piacenza, Parma, Pavia, Padua, Brescia, Treviso e Asti, pero Henrique VII contaba co apoio de Mateo Visconti e de Cangrande della Scala, e designou ao conde Werner de Homburgo como capitán xeneral no posto do vigairo xeral para dirixir a acción militar.[65]
De Pisa trasladouse a Roma, onde tivo que loitar coas tropas napolitanas, mandadas por Xoán de Durazzo, irmán do rei napolitano, e os seus aliados os Orsini. En xuño de 1312 foi coroado emperador polo cardeal bispo de Nicolao de Ostia, en Roma, entre loitas dos Orsini güelfos e os Colonna xibelinos. Despois partiu para Toscana, sometendo Perugia e cidades toscanas, pero o asedio a Florencia fallou. Contando coa oposición do papa Clemente V, que apoiaba ao rei Roberto I de Nápoles, legado papal, o emperador convocou unha Dieta en Pisa, á que non asistiu o rei napolitano, feudatario seu pola Provenza, que foi declarado inimigo do imperio e deposto, e acordou unha alianza co rei Frederico II de Sicilia para invadir Nápoles. Cun novo exército camiño de Nápoles, marchou cara a Roma para expulsar de alí aos napolitanos, pero morreu de malaria en Buonconvento, cerca de Siena, en agosto de 1313 quebrando así as esperanzas dos imperiais para sempre.
As postremeiras intervencións imperiais de Lois IV (1327–30) e de Carlos IV (1354–55, 1368–69), non viñan asociadas a un monarca universal, senón como breves participantes na escena política que buscaban beneficios limitados como a coroación imperial en Roma e a recadación de tributos. Aínda que xa desaparecera calquera autoridade central imperial en Italia, de todos os xeitos os emperadores mantiveron as súas pretensións formais de jure de autoridade. No seu lugar, quedou unha diversidade de poderes locais rivais oscilando entre alianzas e hostilidades.
A estancia dos papas en Aviñón deixou os Estados Pontificios na anarquía, onde tiranos locais arrebataban o poder aos funcionarios papais. O cardeal Gil de Albornoz como legado do papa (1353–63), lograría unha certa orde, estabilidade e submisión ao papa, que se botaría a perder durante a guerra contra Florencia (1375-1378) e durante o Cisma de Occidente (1378–1417).
O século XIV
[editar | editar a fonte]Desde o último terzo do século XIII, nun contexto no que os soberanos alemáns estaban ausentes de Italia e no que os anxevinos se achaban enleados na guerra cos aragoneses (nas chamadas Vésperas sicilianas), os señores locais comezaron a estender os seus dominios ás comunas veciñas: os Este a Módena (1288) e Reggio (1289), e potencialmente a Mantua, Padua, Parma e Boloña; os della Torre e Visconti a Novara e Vercelli, Como, Bérgamo e Pavia; e outros déspotas menores, como os Montefeltro, Polenta e Malatesta, en competición por territorios na Romaña e a Marca.[66] Este proceso de enfrontamentos entre as distintas cidades italianas xerou a creación de Estados rexionais ao longo dos séculos XIV e XV. Durante este período, a fragmentación e inestabilidade herdadas do período comunal foron superadas pola formación de divisións políticas máis estruturadas e coherentes e con maior amplitude territorial, isto é, as cidades máis poderosas aseguraron o control das cidades veciñas.
Coa morte do emperador Henrique VII, e o asentamento dos papas en Aviñón, as aspiracións de supremacía universal do papado e do Imperio (o chamado Dominium mundi) axiña se diluirían na fragmentación dos poderes locais italianos. Durante os séculos XIV e XV non foi posíbel construír unha historia unificada do territorio, senón que hai que fragmentala nos procesos históricos dos 6 poderes maiores: Sicilia, Nápoles, Estados pontificios, Florencia, Milán e Venecia e, espallados entre eles, unha vintena de poderes menores como Mantua, Montferrato, Lucca, Siena ou Xénova. As postremeiras intervencións imperiais de Lois IV (1327–30) e Carlos IV (1354–55, 1368–69) non viñan asociadas a un monarca universal, senón como breves participantes da escena política que buscaban beneficios limitados como a coroación imperial en Roma e a recadación de tributos. Aínda que xa desaparecera calquera autoridade central imperial en Italia, porén os emperadores mantiveron as súas pretensións formais de jure de autoridade. No seu lugar, quedou unha diversidade de poderes locais rivais oscilando entre alianzas e hostilidades. Milán, gobernado polos Visconti, era un poder dominante entre as comunas lombardas, e axiña pretendeu exercer a súa hexemonía en todo o norte italiano. Bordeando as posesións occidentais dos Visconti, os condes de Savoia e os marqueses de Montferrato estendían a súa autoridade sobre as cidades do Piemonte. Na República de Xénova, as loitas entre as familias rivais güelfas e xibelinas foron temporalmente interrompidas coa elección de Simón Boccanegra como dogo da república en 1339. En Toscana, pola contra, dominou a paisaxe republicana, aínda que non exenta de querelas internas, e en especial destaca a animosidade entre Florencia e Pisa, onde Florencia aumentara en tamaño, riqueza e poder para converterse na forza dominante en Toscana e no principal baluarte contra as ambicións da poderosa familia milanesa dos Visconti.
Tras o falecemento do emperador Henrique VII, o papa Clemente V sentiuse libre para dispoñer dos postos imperiais en Italia de acordo co concepto de vacante Imperio, polo que o papa asumía a autoridade imperial a falta de emperador, e así nomeou o rei Roberto I de Nápoles vigairo imperial para Italia en 1314,[67][68][69] o que estendeu a súa autoridade polas distintas rexións italianas, nunha situación que se prorrogou coa dupla elección como Reis de romanos de Lois de Baviera e Frederico de Habsburgo, e co interregno de dous anos tras a morte de Clemente V e tras o que foi elixido Xoán XXII (1316–1334). O papa Xoán XXII mantivo a doutrina do vacante Imperio durante a guerra civil en Alemaña e deste modo renovou a vigairía do rei Roberto en 1317,[70] Pero ambos os reis de romanos en guerra civil en Alemaña non se desligaron completamente de Italia: en 1315, Lois de Baviera nomeou vigairo xeral en Italia a Xoán de Belmont,[71] en apoio dos Visconti de Milán; e pola súa parte Frederico de Habsburgo confirmou a vigairía imperial a Cangrande della Scala en Verona en 1317,[72] ante o cal, Treviso e Padua recoñeceron en 1319 a autoridade de Frederico de Habsburgo para así frustrar as ambicións territoriais de Cangrande della Scala.[73]
En Toscana, o falecemento do Rei de romanos animou a Florencia e as cidades güelfas a tomaren vinganza sobre a xibelina Pisa, pero esta cidade contratou a cabalaría imperial ao mando de Uguccione della Fagginola, entón vigairo imperial de Xénova,[74] que rexeitou os güelfos e logrou someter a cidade de Lucca, e o seu dominio foi indiscutido ao vencer a unha coalición composta de florentinos, güelfos toscanos e do exército napolitano do rei Roberto, en Montecatini (1315); porén, Pisa e Lucca, sacudiron o seu xugo, e expulsárono. Tras esta expulsión de Uguccione produciuse unha aproximación entre o rei Roberto de Nápoles e o Rei de romanos Frederico de Habsburgo, que posibilitou unha paz entre güelfos e xibelinos en Toscana: Pisa e Lucca fixeron a paz con Florencia e cos napolitanos, Pisa recobrara a súa independencia, mentres en Lucca Castruccio Castracani chegou a ser capitán do pobo, e en 1320, señor da cidade, onde foi recoñecido vigairo imperial por Frederico de Habsburgo.[75] Na Lombardía, os esforzos do rei napolitano e os güelfos lombardos, encabezados polos Torriani, dirixíronse contra os xibelinos Visconti, señores da cidade, pero os güelfos foron derrotados en Pavia (1315), e Mateo Visconti puido apoderarse de Tortona, Alessandria, Pavia, Como, Tortona, Bérgamo e Plasencia, logrando levar o éxito ao partido xibelino, e o papa excomungouno e puxo a Milán baixo interdicto. Mentres, Cangrande della Scala, señor de Verona, lograba o éxito xibelino na Marca trevisana, expandíndose en Feltre, Belluno, Cividale, Padua e Treviso; e debido á súa negativa a renunciar ao vigairía imperial concedido por Frederico de Habsburgo, foi excomungado polo papa Xoán XXII en 1318.[76] Ademais, en Ferrara foi expulsado en 1317 o rei Roberto de Nápoles, tras nove anos como vigairo do papa, e foi chamado Obizzo III de Este ao poder,[77] o que produciu un enfrontamento co papa, que puxo á cidade baixo interdicto.
Pero os güelfos alcanzaron o poder en Xénova e os xibelinos expulsados pediron axuda a Mateo Visconti, mentres que os güelfos fixeron o propio con Roberto de Nápoles, a quen fixeron señor de Xénova, cargo que ostentou até 1335. O asedio xibelino a Xénova de 1318 non tivo éxito, e o papa Xoán XXII contraatacou en 1320 enviando contra Visconti unha infrutuosa expedición ao mando de Filipe de Valois, e unha cruzada dirixida polo legado papal Bernardo del Poggetto (Bertrand du Poïet). En 1322, o papa convenceu a Frederico de Habsburgo para que levase a cabo unha expedición contra Milán, e enviou o seu irmán Henrique a unha breve campaña en Brescia, pero convenceuse de que non podía loitar contra os xibelinos, que eran partidarios do Imperio.[78]
Mateo Visconti abdicou e faleceu en xuño de 1322, sucedéndoo o seu fillo Galeazzo. Lois de Baviera venceu a Frederico de Austria en Mühldorf en setembro de 1322, quedando como único Rei de romanos.
En Milán, Galeazzo Visconti mantívose nunha posición insegura fronte aos envites e progresos do legado papal Bernardo del Poggetto, pero salvou a súa situación grazas á axuda de Lois de Baviera, que nomeou para iso como vigairo xeral para Italia a Berthold von Neiffen, conde de Marstetten, en 1323.[36][79]
Isto valeulle a Lois de Baviera, en marzo de 1324, a excomuñón e a súa deposición polo papa, co que o Rei de romanos decidiu embarcarse na campaña de Italia para obter unha posición vantaxosa sobre o papa.[80]
En Milán, Visconti recuperou as posicións perdidas ante o legado papal, e Cangrande della Scala e Obizzo de Este paralizaron a Bertrand du Poïet na Romaña, en Monteveglio, en 1325.[81]
En Toscana a posición dominante dos xibelinos asumiuna Castruccio Castracani, señor de Lucca e recoñecido como vigairo imperial en 1324,[36][82] que emprendeu a guerra contra os güelfos, conseguindo a señoría de Pistoia (1325) e a derrota de Florencia, dos seus aliados güelfos e dos mercenarios franceses no castelo de Altopascio en maio de 1325, o que, xunto coa derrota da güelfa Boloña fronte á xibelina Módena en Zappolino, seis meses despois, mantivo activo o xibelinismo tanto en Toscana como en Romaña, e aos güelfos á defensiva. Tras a derrota güelfa, Boloña nomeou señor ao legado papal Bertrand de Poïet, e os florentinos pediron a axuda do rei napolitano, que impuxo ao seu fillo Carlos de Calabria como señor da cidade, pero cando Carlos chegou a Toscana (1326), en vez de enfrontarse con Castruccio, comezou a someter as cidades güelfas.
Tras a vitoria de Lois de Baviera sobre Frederico de Austria en Muhldorf (1322), e de afirmar o seu poder en Alemaña, Lois emprendeu en 1327 unha expedición a Italia para obter tributos e para apoiar aos xibelinos, que financiaran a expedición, entre eles Galeazzo Visconti de Milán, Castruccio Castracani de Lucca, Pasarino de Bonaccolsi de Mantua, Obizzo de Este de Ferrara, Cangrande della Scala de Verona ou Frederico II de Sicilia.[83] Entrando na Lombardía recibiu en Milán a coroa de ferro en Pentecoste, pero un mes despois,[84] depuxo a Galeazzo Visconti acusándoo de tratar coa Corte de Aviñón e os anxevinos. O Rei de romanos seguiu camiño de Toscana co apoio do señor de Lucca, o xibelino Castruccio Castracani, mantendo á defensiva aos güelfos de Carlos de Calabria, e ademais Castruccio logrou someter para Lois a cidade de Pisa, polo que Castruccio foi nomeado vigairo imperial en Pisa en marzo,[82] e duque de Lucca en novembro, xunto con Pistoia, Volterra e Lunigiana; ademais Lois nomeou vigairos imperiais a xibelinos en Verona, Ferrara e Mantua.[85] Lois, que estaba excomungado, proseguiu camiño de Roma, e co apoio dos Colonna, coroouse emperador (1328) e alí estableceu ao antipapa Nicolás V (1328-1330). Castruccio regresou a Toscana para derrotar de novo aos seus inimigos güelfos, pero morreu inesperadamente de febre. Sen este apoio, e con escaseza de tropas e diñeiro, non puido proseguir a súa campaña contra o rei de Nápoles, e así o emperador regresou a Toscana, e despois a Lombardía, onde previamente, a petición de Castruccio, reinstalara aos Visconti na señoría de Milán, na persoa de Azzo, nomeándoo vigairo imperial en xaneiro de 1329,[36] a cambio de 60 000 floríns de ouro; e no seu afán de diñeiro vendeu o ducado de Lucca despoxando aos herdeiros de Castruccio. O papa, temendo perder influencia en Italia, recoñeceu a Azzo Visconti como señor de Milán meses despois, en setembro,[86] e reconciliouse coa cidade; ademais de Milán, o emperador perdera xa o apoio de Pisa e do marqués de Este, abandonou o seu antipapa e nomeou a Luís Gonzaga vigairo imperial en Mantua para intentar fortalecer os xibelinos;[84] pero ante o falecemento do xibelino Cangrande della Scalla, o emperador emprendeu a volta a Alemaña. En decembro de 1329 achábase en Trento e en febreiro de 1330 cruzou os Alpes en dirección a Alemaña, deixando desorganizado o partido xibelino.
Parecía que a morte de Castruccio e o retorno de Lois IV a Alemaña levaría a tranquilidade a Florencia, posto que Carlos de Calabria morrera en 1328. Pero en 1331 a cidade de Brescia ofreceu a Xoán de Luxemburgo, rei de Bohemia e fillo do emperador Henrique VII, a señoría da cidade, algo que foi imitado por outras moitas cidades italianas, tanto lombardas (Bérgamo, Cremona, Pavia, Vercelli, Novara, Parma, Módena ou Reggio), como toscanas (a xibelina Lucca), cansas xa das guerras intestinas. Pero Florencia, que vía a Xoán de Luxemburgo como fillo do seu inimigo e aliado do emperador, formou unha Liga para opoñerse, á que se sumaron o rei Roberto I de Nápoles e os xibelinos Azzo Visconti e Mastino della Scala. Xoán de Luxemburgo, que apoiara ao emperador Lois IV, recibiu a vigairía de Italia[87][88] e entrou en Italia en 1333 con apoio francés pero, incapaz de resistir a oposición, foi vendendo as señorías e abandonou Italia, e aproveitando este momento, os coaligados ampliaron o seu poder sometendo a estes novos señores: Milán adquiriu Cremona e outras cidades lombardas; os marqueses de Este, instalados en Ferrara, adquiriron Módena; e o señor de Mantua, da familia Gonzaga, fixo o propio con Reggio; Mastino de la Scala, señor de Verona e da Marca trevisana, estableceu o seu poder en Parma e Lucca. O fracaso de Xoán de Luxemburgo arrastrou ao legado papal Bertrand de Poiet, que foi expulsado de Boloña polos Pepoli.
O poder adquirido polo señor de Verona puxo en alerta aos florentinos que, non podendo recibir axuda substancial do xa ancián rei Roberto de Nápoles, buscaron a axuda en Venecia, inimizada con Mastino polos gravames económicos aos que os sometía o señor de Verona. A esta unión incorporáronse os señores de Milán e Mantua, o marqués de Este e o duque de Carintia, para ampliar os seus propios territorios. Incapaz de resistir, Mastino fixo un tratado con Venecia (1338) á que lle cedeu os territorios de Treviso, Castelfranco e Ceneda (que foron os seus primeiros establecementos en Terra Ferma) e a libre navegación polo río Po; pola súa parte Milán engrandeceuse con Brescia; así, Florencia, illada e sen o apoio do vello rei Roberto de Nápoles e o falecemento do papa Xoán XXII, e con dificultades económicas derivadas da guerra dos Cen Anos, accedeu á paz sen significativas ganancias territoriais.
O declive de Mastino della Scala supúxolle a perda de Parma, que era o seu nexo con Toscana, o que motivou que tivese que vender a señoría de Lucca, ou a Florencia, ou a Pisa. Pero Pisa, temendo pola súa seguridade se Florencia se engrandecía, logrou o apoio dos xibelinos de Toscana, Romaña e Lombardía, incluíndo o señor de Milán, e logrou apoderarse de Lucca a pesar dos intentos florentinos, onde a inestabilidade pública levou a poñer a cidade en mans de Gualterio de Brienne como novo señor (1342), quen, polo seu goberno despótico, foi axiña expulsado da cidade, co saldo engadido da perda de influencia e territorios en Toscana.
En Alemaña, en 1349, Carlos IV, novo Rei de romanos, era aceptado en todo o Imperio. O seu goberno estivo caracterizado polo seu carácter pacífico, tanto por carácter, como consciente do feito de que o Imperio estaba xa disgregado en pequenos principados e a unidade non podía conseguirse pola forza das armas. Aínda que empregou o seu poder para parar conflitos armados entre territorios e cidades e impoñer tratados de paz denominados Landfriede, coa intención de facer así patente a existencia dunha autoridade central; porén, isto era un pobre substituto dunha inexistente autoridade central imperial.
Ante isto, Carlos IV repartiu o poder no Imperio, reservando para si o goberno dos territorios orientais, mentres nomeaba vigairos para a parte occidental alemá, para Italia e para o Arelato. A súa política italiana non seguiu os exemplos intervencionistas dos emperadores Henrique VII e Lois IV. Os seus obxectivos consistían na obtención da coroa imperial e en recibir un imposto imperial, así como o recoñecemento da autoridade imperial por parte das entidades políticas a través de que lle rendesen homenaxe, o que supoñía vender vigairías imperiais a señores e liberdades a cidades republicanas. Porén a confrontación entre güelfos e xibelinos mantiña polarizada a situación italiana. En Toscana, as cidades güelfas (Florencia, Lucca, Siena) opoñíanse á aristocracia local, que era partidaria dos xibelinos, o popolo grasso de mercadores e empresarios, celosos das súas liberdades, en principio eran opostos a unha autoridade externa como a imperial. Máis ao norte, enleadas Venecia e Xénova en guerras pola súa influencia no Mediterráneo, a familia Visconti, que dominaba Milán, era a máis ardua opoñente do poder papal en Italia, mentres que os papas de Avignon buscaron protexer os seus Estados a través de legados ou vigairos. Os Visconti estenderon o seu poder sobre toda Lombardía e Xénova, aproveitando o ataque de Lois I de Hungría, que reclamaba o trono napolitano; os Visconti ocuparon territorios no Piemonte pertencentes á raíña Xoana I de Nápoles, tamén trataron de ampliar a súa influencia a Toscana, polo que o arcebispo e señor de Milán, Giovanni Visconti, comprou a señoría de Boloña (1351) aos xibelinos Pepoli, que estaban en dificultades fronte ao lugartenente do papa, e así estendeuse o poder milanés nos confíns de Toscana en connivencia cos pequenos señores da Romaña, o cal supoñía unha ameaza para os Estados Pontificios e a güelfa Florencia, a cal se dispuxo a enfrontar a situación en solitario, posto que Lombardía e a xibelina Pisa apoiaban aos Visconti, ou mantivéronse neutrais, e as repúblicas güelfas de Toscana, como Siena, Perugia e Arezzo, temían o poder de Milán. Fronte a un moi numeroso exército xibelino, os florentinos aseguraron a comida en fortalezas, de modo que o exército xibelino, sen provisións, iniciou o asedio de Scarperia: os florentinos, entre tanto, fixeron levas e contrataron mercenarios, de forma que lograron repeler o asedio xibelino, o que fortaleceu os güelfos para repeler os intentos de Milán e os seus aliados xibelinos. Reforzado o poder güelfo en Toscana, os florentinos invitaron ao Rei de romanos e de Bohemia, Carlos de Luxemburgo a Italia, ofrecéndolle apoio de diñeiro e forzas para obter as coroas de ferro e do Imperio a cambio de someter as ambicións dos Visconti. Porén Carlos IV de Luxemburgo non desexaba empregar as súas forzas para beneficiar ao papado, co que o papa Clemente VI, prefiriu recoñecer a vigairía de Visconti en Boloña en 1352,[89] a cambio de suculentas cantidades económicas[90] e atrasar a coroación imperial. Abandonadas por Clemente VI, as cidades güelfas buscaron axuda no Rei de romanos, pero o seu sucesor, o papa Inocencio VI, lonxe de buscar a supremacía papal, tratou de pacificar o seu Estado, co que necesitaba a axuda de Carlos contra os Visconti, que ameazaban os territorios papais, de modo que non se opuxo á expedición italiana de Carlos. Así, Carlos concluíu tratados con todos os inimigos dos Visconti, pero tampouco pretendía que a súa entrada en Italia significase a guerra. Ante a ameaza da presenza imperial en Italia, Visconti necesitaba a paz para preparar a guerra contra Venecia. O arcebispo e señor de Milán, Giovanni Visconti, fixo a paz coas repúblicas toscanas en Sarzana (31 de marzo de 1353). O papa quedou así coas mans libres para emprender a reconquista dos Estados da Igrexa, e o cardeal Gil Álvarez de Albornoz foi designado legado tres meses despois para ese cometido.
No entanto, apareceu unha compañía de mercenarios, comandada por Monreal de Albano, que arrasou a Romaña, para dirixirse con posterioridade a Toscana, onde obtivo tributos de cidades como Perugia, Siena, Florencia ou Pisa, para que non saquease seus territorios, e de aí partiu a Lombardía, onde os seus homes foron requiridos polos inimigos de Milán (Mantua, Verona, Padua e o marqués de Este) para contrarrestar a política expansiva de Visconti nos seus territorios; e, a semellanza do que xa fixera Florencia, estes inimigos de Milán invitaron o Rei de romanos Carlos de Luxemburgo a entrar en Italia, ademais de contratar a compañía de Monreal de Albano; pero Visconti, para frustrar as súas aspiracións, tamén buscou a amizade de Carlos; deste xeito, sendo reclamado por distintos poderes enfrontados en Italia, e contando coa aprobación do papa de Aviñón, Carlos de Luxemburgo cruzou os Alpes en 1354, cunha reducida forza. Pero pouco despois, o arcebispo e señor de Milán faleceu, e os seus territorios foron repartidos entre os seus sobriños Mateo II, Bernabé e Galeazzo II Visconti,[91] que estiveron máis receptivos a negociacións de paz. O Rei de romanos mediou entre os Visconti e os seus inimigos lombardos, logrando unha tregua de catro meses, co que Carlos obtivo a coroa férrea o 6 de xaneiro de 1355 e concedeu a vigairía imperial aos tres irmáns Visconti nos seus respectivos territorios,[36] e estes concederon 50 000 floríns de ouro ao rei alemán, así como libre pasaxe polas súas terras.[92][93] Facendo uso da diplomacia, Carlos avanzou cara ao sur, aceptando a homenaxe das clases gobernantes e recadando impostos imperiais. Foi recibido en Pisa, onde os xibelinos lle pediron que tomar vinganza sobre Florencia polo trato dado tanto ao seu avó, o emperador Henrique VII, como ao seu pai, Xoán I de Bohemia, e finalmente logrou facer un tratado con Florencia a cambio dunha forte suma de diñeiro. Carlos seguiu camiño de Roma, onde foi coroado emperador o 5 de abril de 1355, e enseguida emprendeu camiño a Alemaña obtendo diñeiro por vender liberdades a cidades e poder a señores locais.[94] Aínda que Carlos en aparencia restablecera a autoridade na Italia imperial, defraudou aos xibelinos que esperaban a pacificación.
Na Lombardía, a tregua entre os Visconti e os seus inimigos expirou, e novas cidades uníronse aos opositores dos Visconti como Pavia ou o marqués de Monferrato, e incluso a cidade de Boloña. Porén, a guerra levada a cabo polas compañías de mercenarios alongábase porque os combatentes evitaban encontros decisivos para obteren máis ganancias dos que lles pagaban. Finalmente, os Visconti fixeron a paz cos seus inimigos en 1358, encontrándose coas mans libres para recuperaren a influencia perdida sobre as cidades que se rebelaran, mentres, as compañías de mercenarios entraron ao servizo de distintos señores. En Toscana reanudouse a guerra entre Pisa e Florencia debido ao interese de Pisa de cobrar impostos polo paso de mercadorías florentinas polo seu porto (1356); a guerra foi por mar e por terra, pero ante unha nova vaga de peste en 1363, a paz chegou en 1364, permanecendo Pisa como paso de mercadorías florentinas libres de impostos.
Nos Estados Pontificios, Gil de Albornoz enfrontouse aos Visconti pola posesión de Boloña; Bernabé Visconti solicitou arbitraxe ao emperador, pero ante a negativa de cesar as hostilidades, os Visconti foron desposuídos da vigairía imperial e postos baixo o bando do Imperio en 1361. O novo papa de Aviñón, Urbano V, excomungou a Visconti e este, derrotado, tivo que aceptar a paz co papa en 1364.[95] Tras o tratado de Brétigny (1360), Italia quedou pragada por compañías de mercenarios que viñan de Francia, ofrecendo os seus servizos a cidades e señores, arrasaban as terras e extorsionaban as poboacións; o papa Urbano V tiña a intención de devolver a sede papal a Roma, pero para iso necesitaba a axuda do emperador, para expulsar as errantes compañías mercenarias, así como para proceder contra Visconti. Na súa viaxe a Aviñón de 1365, Carlos IV asegurou a súa axuda ao papa e obtivo a aprobación dunha campaña imperial en Italia. O papa regresou a Italia en 1367 onde se encontrou co seu legado o cardeal Gil de Albornoz, que finalmente levara á práctica a pacificación e submisión ao papa da Romaña e antes de morrer formara unha Liga contra os Visconti na que se incluíron o emperador, o rei Lois I de Hungría, a raíña Xoana I de Nápoles, os señores de Padua, Ferrara e Mantua, pero non Florencia (para non violar a paz de Sarzana).[96] Pero os señores de Milán, Bernabé e Galeazzo II Visconti contrataron a compañía de John Hawkwood. En maio de 1368, o exército imperial entrou en Italia, uníndose aos coaligados, pero os aliados de Visconti, Hawkwood e Cansignorio della Scala, señor de Verona, paralizaron a acción do exército desta alianza entre imperiais e italianos cortando os diques dos ríos Adige e Po anegando Mantua e Padua; así, Carlos IV tivo que negociar con Visconti e, a cambio dunha suma de diñeiro, o emperador restituíu a vigairía imperial e enviou de volta a Alemaña a gran parte do seu exército e, malia a indignación dos seus aliados, pasou a Toscana, onde aplicando a súa autoridade imperial interveu en beneficio propio no goberno Pisa, Siena e Lucca.
En xeral, o emperador limitou os seus esforzos diplomáticos en reforzar relacións pacíficas entre os territorios, recoñeceu as signorias e combateu as compañías de mercenarios. Grazas á súa diplomacia obtivo o recoñecemento da súa posición imperial incluso en Florencia, e os impostos recollidos en Italia financiaron os custos da expedición. En 1369, o emperador regresou a Alemaña, e para evitar a intervención de Bernabé Visconti como vigairo imperial en Pisa e Lucca, as súas veciñas, Florencia e o papa obtiveron do emperador, a cambio de importantes sumas de diñeiro, o recoñecemento da República de Pisa e a liberdade de Lucca respecto de Pisa.[97][98][99] Tras a partida de Carlos IV a Alemaña no verán de 1369, reactiváronse as querelas en Italia e o papa, illado politicamente en Roma, regresou a Aviñon en setembro de 1370.
Libre do emperador, Milán reemprendeu a súa política expansiva, pero mentres estivo ao seu soldo a compañía de Hawkwood, non tiveron éxito as Ligas de señores lombardos que o papa dirixía contra ela. O temor de Savoia do expansionismo milanés sobre Montferrato motivou unha Liga antimilanesa en xullo de 1372,[100] así o emperador Carlos IV nomeou vigairo imperial na Lombardía ao conde Amadeu VI de Savoia en novembro de 1372,[36] privando do beneficio aos Visconti. Hawkwood abandonou o servizo dos Visconti e pasou ao bando papal pero, ante unha nova reaparición da peste, acordouse unha tregua en 1374. Aproveitando a debilidade de Florencia pola peste e a fame, Guillerme de Noellet, legado do papa Gregorio XI para Italia, tratou que a señoría de Florencia caese baixo o xugo papal saqueando os seus campos e, ante isto, Florencia formou unha Liga coas repúblicas de Siena, Lucca, Arezzo e Pisa, apoiada pola raíña Xoana de Nápoles, que incitaron a revolta da Romaña contra os franceses, e entraron en tratos co seu inimigo natural, Milán. Ante os éxitos dos coaligados, que desfixo a obra de Gil de Albornoz, o papa puxo en interdicto a Florencia en 1376 e contratou a compañía bretoa conducida polo cardeal legado Roberto de Xenebra,[101] que entrou na Lombardía, e os Visconti abandonaron a Liga florentina; despois a compañía pasou á Romaña e ás Marcas onde emprenderon a súa reconquista para o papa con especial virulencia, pero os florentinos puxeron ao seu servizo a Hawkwood, e opuxéronse ao papa.[102] Este, tratando de evitar a ruína da súa causa, trasladou a sede de Aviñón a Roma en 1377, iniciando negociacións en Sarzana para lograr a pacificación, pero estas foron suspendidas pola morte do papa en 1378. A nova elección derivou nunha crise que resultou na elección de dous pontífices, un papa italiano, Urbano VI, e outro francés, Roberto de Xenebra, que tomou o nome de Clemente VII. Italia púxose de parte do italiano Urbano VI que, coa compañía de San Xurxo ao seu servizo, derrotou a compañía dos bretóns ao servizo de Clemente en Ponte Molle (1378). Clemente estableceuse en Aviñón, e Urbano levou a termo en seguida a paz con Florencia e as súas aliadas. Tamén o Imperio e Inglaterra estiveron ao lado de Urbano VI, de modo que este papa motivou unha alianza entre estes territorios propiciando o matrimonio de Ricardo II de Inglaterra con Ana de Luxemburgo, irmá de Venceslau de Luxemburgo, Rei de romanos, en 1382.[103] Urbano VI esperaba unha expedición (Römerzug) de Venceslau sobre Italia;[104] tamén o señor de Mantua, Francisco Gonzaga, e aínda que o Rei de romanos tiña interese, decidiu non levala a cabo por falta de diñeiro,[105] e designou o seu primo Jobst de Moravia como vigairo xeral para Italia en xullo de 1383.[36]
Desde a década de 1380, Italia estivo desgarrada por unha longa serie de guerras, cuxo principal agresor foi a familia Visconti que, despois de tomar o control da signoria de Milán, ampliou o seu poder en moitas outras cidades, desde Asti no Piemonte, a Reggio na Emilia, nunha serie de campañas militares e diplomáticas que conduciron a unha hexemonía milanesa no norte e o centro de Italia. Mentres en Florencia se produciu a derrota dos Ciompi e do partido democrático en 1382, e o establecemento dunha oligarquía güelfa dirixida por Maso degl'Albizzi, ao que sucedeu o seu fillo Rinaldo, que transformaría Florencia dunha comuna a un estado territorial, como fixeran Venecia ou Milán. Se xa Florencia incorporara Volterra (1361), realizouse a expansión por Toscana absorbendo a Volterra (1361), Arezzo (1384), Pisa (1406) e Livorno (1421), aínda que, porén, fracasarían ante Lucca en 1433.
- Véxase tamén: Ducado de Milán.
En 1385 Gian Galeazzo Visconti chegou a ser o único señor indiscutido de Milán, e aproveitou a guerra que entón había entre Francesco I da Carrara (señor de Padua) e Antonio della Scala (señor de Verona), para estender, meses despois da vitoria do exército mercenario de Padua sobre o de Verona na Batalla de Castagnaro, o dominio milanés en Verona e Vicenza (1387), e en Padua (1388), abarcando así as inmediacións de Venecia a cal, pola súa parte, ampliou seu territorio en Treviso en 1388.
O poder alcanzado por Gian Galeazzo púxoo no punto de mira na busca de alianzas; o Rei de romanos estaba interesado en casar a seu irmán Sexismundo con Valentina, a filla de Gian Galeazzo, pero o contrato matrimonial estableceuse con Lois de Valois, irmán de Carlos VI de Francia e futuro duque de Orleáns. Dada a contrariedade de Venceslau, que renovou na vigairía xeral ao seu primo Jobst en 1389, aínda que Jobst non estaba en Italia e, sen intervención imperial ningunha, Milán proseguía a súa expansión.
Os proxectos de Gian Galeazzo estendéronse tamén cara a Toscana, contra Florencia, orixinándose tres guerras entre estes dous poderes (1390–92, 1397–98, 1400–02). Inicialmente Milán contou cos seus aliados lombardos, Alberte de Este, marqués de Ferrara, Francisco I Gonzaga, señor de Mantua, así como das cidades de Siena e Perugia, e das faccións xibelinas de Toscana e Romaña, mentres que Florencia contaba con Boloña e coa compañía de John Hawkwood.
A guerra desenvolveuse en incursións non decisivas e, nesta conxuntura, reapareceu Francesco Novello da Carrara, fillo do desposuído señor de Padua, que recuperou o territorio de Padua, e o seu acoso en Módena forzou ao marqués de Este a abandonar a Milán. Por outro lado, Florencia solicitou axuda a outro inimigo de Gian Galeazzo, o conde de Armagnac Xoán III, pero a ofensiva conxunta contra Milán fracasou, e alcanzouse unha paz asinada en Xénova (1392) entre Milán e Florencia; Carrara recuperou Padua (1390), pero Venecia permaneceu en Treviso. Porén, Gian Galeazzo seguiu intentando estender a súa influencia en Toscana, e colocou a un aliado seu, Jacobo d'Appiano, como señor de Pisa, pero púxose a mal con Francesco Gonzaga, señor de Mantua.
Florencia volveuse a favor do Rei de romanos en 1394, para que encabezase unha Liga contra Milán, xa que a súa expansión ameazaba os dereitos do Imperio, pero os enviados milaneses tamén buscaron a Venceslau de Luxemburgo e, pagando 100 000 floríns, Gian Galeazzo obtivo do Rei de romanos, Venceslau de Luxemburgo, a investidura como duque de Milán o 11 de maio de 1395, mellorada por unha segunda investidura o 13 de outubro de 1396,[106] lexitimando así o dereito sobre os territorios adquiridos. A así, Gian Galeazzo lograba un predominio abafador, corroborado coas adquisicións posteriores.
En 1397 unha nova guerra orixinouse entre Milán, aliada con Pisa e Siena, contra Florencia, aliada con Padua, Mantua e o marqués de Ferrara, Nicolau III de Este, pero Venecia logrou unha tregua ao ano seguinte. A conxuntura beneficiou a Milán e así, entre 1399 e 1400, o duque de Milán puido adquirir a señoría de Pisa, e ampliar o seu territorio en Toscana cando feudatarios xibelinos dos Apeninos, como os Ubertini, cansados das incursións dos condottieri, lle ofreceron os seus territorios, e as repúblicas de Siena e Perugia, fixeron o mesmo. Co cal, Florencia quedaba cercada, pero tamén illada, xa que Lucca estaba en mans dun señor local aliado de Milán, Paolo Guinigi, e Xénova, en constantes querelas internas, chamara a Carlos VI de Francia para impoñer alí a súa autoridade (1396), Venecia, estaba segura dentro da súa lagoa, Gonzaga e Este reconciliáranse con Milán, co cisma, Romaña caeu de novo en mans de señores locais, e Boloña, antiga aliada florentina, seguiu esta tendencia, alcanzando Giovanni Bentivoglio a señoría desa cidade.
Deste modo, Florencia tivo que buscar apoio en Alemaña, onde os electores depuxeran ao incapaz Venceslau en 1400, para elixir a Roberto do Palatinado, en quen os florentinos encontraron apoio para anular a investidura do Ducado de Milán, xa que en Italia só de Padua podía esperar Florencia apoio, e Amadeu VIII de Savoia, que fora designado vigairo imperial en 1399 por Venceslau non desexaba abandonalo por Roberto,[107] mantívose neutral e á expectativa dos acontecementos.
O novo Rei de romanos, Roberto do Palatinado, entrou en Italia en 1401, uníndoselle o señor de Padua, pero este exército foi derrotado en Brescia e, sen suficientes subsidios para continuar a loita, Roberto regresou a Alemaña en 1402. Gian Galeazzo entón apoderouse de Boloña.
Completamente cercada e illada fronte a Milán, Florencia salvouse pola morte inesperada por peste de Gian Galeazzo en 1402.
Á súa morte, o Estado que construíra colapsou co seu fillo, o incompetente Giovanni María Visconti (1402-1412), e produciuse a disgregación do poder dos Visconti na Lombardía, onde cidades como Cremona, Crema, Plasencia, Bérgamo, Como, Lodi, Pavia, Alessandria, Parma ou Brescia, se independizaron en mans dos condottieri.
En Romaña, o papa Bonifacio IX obtivo Boloña e Perugia e fixo as paces con Milán. En Toscana, Siena independizouse, e os feudatarios xibelinos dos Apeninos foron sometidos por Florencia, pero Pisa foi asegurada brevemente por Gabriel María Visconti, fillo natural de Gian Galeazzo, até que foi conquistada por Florencia en 1406.
Aproveitando a debilidade de Milán, o señor de Padua, Francesco Novello de Carrara, invadiu o territorio milanés, tomando Verona. Milán buscou o apoio de Venecia, ofrecendo todo o territorio que posuíra ao leste do río Adigio, o que foi aceptado. Venecia, que non pertencía ao Regnum Italiae, permanecera ás costas dos acontecementos en Italia e circunscrita á súa lagoa e a unha estreita franxa costeira lindando coa lagoa (o Dogado), pero o poder alcanzado polos Visconti convenceu á Serenísima República para establecer un poder territorial na Península Itálica, para asegurar a libre pasaxe de mercadorías cara a Lombardía ou os Alpes.
Tras a morte de Gian Galeazzo, Venecia apoderouse de Treviso, Feltro, Belluno, Verona, Vicenza e Padua, a lograra a desaparición de Carrara. E entre 1411 e 1420 incorporou os amplos territorios do Patriarcado de Aquileia no Friúl, controlando o acceso desde Alemaña á Italia oriental.
Coa ascensión ao poder de Filipe María Visconti en 1412, o Ducado de Milán levou a cabo unha recuperación territorial e a afirmación da autoridade do duque fronte aos señores locais. De modo que contra 1422 xa recuperara e restaurara o poderío da época de Gian Galeazzo, sometendo os señores locais da Lombardía, e tamén a República de Xénova (1421), ante a neutralidade pactada de Florencia, pero a súa expansión foi detida en Mantua a instancias de Venecia para protexer os seus territorios. Así, o Ducado de Milán logrou crear unha extensión territorial que ía desde a costa ligur até o monte San Gotardo nos Alpes, bordeando as fronteiras do Piemonte (Condado de Savoia) e dos territorios pontificios.
Desde entón, e até a metade do século XV, producíronse unha serie de guerras practicamente continuas entre unha alianza das repúblicas de Florencia e de Venecia, fronte a unha nova época de expansión milanesa dos Visconti, as chamadas guerras de Lombardía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cantù, Cesare (1855). Historia universal 6. Imp. de Gaspar y Roig. p. 758.
- ↑ Skinner, Quentin (1978). The foundations of modern political thought 1. Cambridge University Press. p. 5. ISBN 9780521293372.
- ↑ Storia de Milano, de Paolo Colussi e Maria Grazia Tolfo.
- ↑ Greenaway, George W. (1931). Arnold of Brescia. Cambridge University Press. p. 152.
- ↑ Davis, Ralph Henry Carless (2006). A History of Medieval Europe: From Constantine to Saint Louis. Pearson Education. p. 366. ISBN 9780582784628.
- ↑ Gregorovius, Ferdinand (1897). History of the City of Rome in the Middle Ages 8. Cambridge University Press. p. 70. ISBN 9781108015028.
- ↑ Levillain, Philippe (2002). The Papacy: Gaius-Proxies. Routledge. p. 789. ISBN 9780415922302.
- ↑ Hallam, Henry (1837). View of the State of Europe During the Middle Ages. Harper & brothers. p. 138.
- ↑ Cognasso, Francesco (2002). Storia di Torino. Giunti. p. 112. ISBN 9788809028838.
- ↑ Dobson, Richard Barrie (2000). Encyclopedia of the Middle Ages 2. Routledge. p. 904. ISBN 9781579582821.
- ↑ A Coroa de Ferro ou Coroa Férrea é unha antiga e preciosa coroa usada desde a Alta Idade Media até o século XIX para a coroación do rei de Italia, título adoptado por moitos gobernantes despois da caída do Imperio romano. Durante moito tempo, os emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico recibiron esta coroa debido a que a titulación de reis de Italia estaba ligada á dignidade imperial. Moitos séculos despois, o último en coroarse con esta coroa foi Napoleón I.
- ↑ Kleinhenz, Christopher (2004). Medieval Italy: an encyclopedia 2. Routledge. p. 1099. ISBN 9780415939317.
- ↑ Leibniz, Gottfried Wilhelm (1984). Saemtliche Schriften Und Briefe. Akademie Verlag. p. 167. ISBN 9783050015705. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2019. Consultado o 11 de decembro de 2019.
- ↑ Cognasso, Francesco (2002). Storia di Torino. Giunti. p. 119. ISBN 9788809028838.
- ↑ Busk, William (1856). Mediæval popes, emperors, kings, and crusaders: or, Germany, Italy and Palestine, from A. D. 1125 to 1268 3. Hookham & sons. p. 284.
- ↑ Valli e Sapori.
- ↑ "1911 encyclopedia.org LoveToKnow Classic Encyclopedia". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2013. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ Abulafia, David (1992). Frederick II: a medieval emperor. Oxford University Press US. p. 237. ISBN 9780195080407.
- ↑ Abulafia, David (1999). The New Cambridge Medieval History: c. 1198-c. 1300. Cambridge University Press. p. 434. ISBN 9780521362894.
- ↑ Kleinhenz, Christopher (2004). Medieval Italy: an encyclopedia 1. Routledge. p. 325. ISBN 9780415939300.
- ↑ The Westminster review 9. J. Chapman. 1856. p. 58.
- ↑ de Ayala Martínez, Carlos (1986). Directrices fundamentales de la política peninsular de Alfonso X. Universidad Autónoma. p. 181. ISBN 9788470092466.
- ↑ Valdeón Baruque, Julio (2011). Alfonso X el Sabio: La forja de la España moderna. Grupo Planeta. p. 68. ISBN 9788499980461.
- ↑ Suárez Fernández, Luis (1976). Historia de España Antigua y Media 2. Rialp. p. 156. ISBN 9788432118821.
- ↑ Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 100. ISBN 9780521437745.
- ↑ www.storiadimilano.it Storia de Milano de Paolo Colussi e Maria Grazia Tolfo.
- ↑ Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 119. ISBN 9780521437745.
- ↑ De Sismondi, Jean-Charles-Léonard (1864). A history of the Italian republics: being a view of the origin, progress and fall of Italian freedom. Harper. p. 94.
- ↑ Zeller, Jules (1858). Historia de Italia: desde la invasión de los bárbaros hasta nuestros días 1. Librería española. p. 273.
- ↑ 30,0 30,1 Previté-Orton, Charles William (1975). The shorter Cambridge medieval history 2. Cambridge University Press. pp. 764–765. ISBN 9780521099776.
- ↑ Giraud, François (2007). La croix d'Anjou au coeur de la Provence. Editions Le Manuscrit. p. 83. ISBN 9782304007862.
- ↑ Singleton, Charles Southward (1991). Dante Alighieri, The divine comedy, Purgatorio. 2:commentary. Princeton University Press. p. 158. ISBN 9780691019109.
- ↑ Lodge, Richard (2005). The Close of the Middle Ages 1273 to 1494 3. Kessinger Publishing. p. 7. ISBN 9781417901241.
- ↑ Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 155. ISBN 9780521437745.
- ↑ Tabacco, Giovanni (1989). The struggle for power in medieval Italy: structures of political rule. Cambridge University Press. p. 289. ISBN 9780521336802.
- ↑ 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 36,5 36,6 36,7 36,8 Sickel, Th. (1859). "Das Vicariat der Visconti". En Akademie der Wissenschaften. Sitzungsberichte der Philosophisch-Historische Classe der Kaiserlichen. K.K.Hof-und Staatsdruckerei. pp. 49–50.
- ↑ Lodge, Richard (2005). The Close of the Middle Ages 1273 to 1494 3. Kessinger Publishing. p. 9. ISBN 9781417901241.
- ↑ The modern part of an universal history. XXXVII. 1762. p. 355.
- ↑ De Sismondi, Jean-Charles-Léonard (1835). A history of the Italian republics: being a view of the origin, progress and fall of Italian freedom. Carey, Lea & Blanchard. p. 95-96.
- ↑ Milman, Henry Hart (2008), History of Latin Christianity, Vol. 5, Ed. BiblioBazaar, LLC, páx. 97
- ↑ Cantù, Cesare (1866). Historia universal 4. Imp. de Gaspar y Roig. p. 86.
- ↑ The Penny cyclopædia 17. Charles Knight. 1840. p. 201.
- ↑ "Arquivo Secreto Vaticano". Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2011. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ Runciman, Steven (1997). I vespri siciliani. Edizioni Dedalo. p. 249. ISBN 9788822005083.
- ↑ Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 191. ISBN 9780521437745.
- ↑ Maier, Franz Georg (1987). Bizancio. Siglo XXI de España Editores, S.A. p. 335. ISBN 84-323-0158-2.
- ↑ Adams, Charles Francis (1851). The works of John Adams, second President of the United States 5. Little & Brown. pp. 436–437.
- ↑ Køppen, Adolph Ludvig (1854). The world in the middle ages 1. D. Appleton and company. p. 137.
- ↑ Gallenga, Antonio Carlo Napoleone (1855). History of Piedmont 2. Chapman and Hall. p. 96.
- ↑ Gallenga, Antonio Carlo Napoleone (1855). History of Piedmont 2. Chapman and Hall. p. 97.
- ↑ The Penny cyclopædia of the Society for the Diffusion of Useful Knowledge 26. C.Knight. 1843. p. 383.
- ↑ Knight, Charles (1868). Biography or Third division of "The English encyclopedia" 6. Bradbury, Evans & Co. p. 408.
- ↑ Adams, Charles Francis (1851). The works of John Adams, second President of the United States 5. Little & Brown. p. 436-437.
- ↑ Zeller, Jules (1858). Historia de Italia: desde la invasión de los bárbaros hasta nuestros días 1. Librería española. p. 284.
- ↑ Previté-Orton, Charles William (1975). The shorter Cambridge medieval history 2. Cambridge University Press. p. 773. ISBN 9780521099776.
- ↑ Revista de Santiago 1. Imp. Chilena. 1855. p. 520.
- ↑ Lavallée, Théophile Sébastien (1859). Historia de los franceses: desde la época de los galos hasta nuestros dias 2. Libr. de San Martín. p. 112.
- ↑ Clayton-Emmerson, Sandra (2006). Key figures in medieval Europe: an encyclopedia. Routledge. p. 324. ISBN 9780415973854.
- ↑ Corriere della Sera, 24 de xaneiro de 2004
- ↑ Corriere della Sera, 8 de decembro de 1998
- ↑ Barber, Malcolm (2004). The two cities: medieval Europe, 1050-1320. Routledge. p. 233. ISBN 9780415174152.
- ↑ Jones, Michael (2000). The New Cambridge Medieval History: c. 1300-c. 1415. Cambridge University Press. p. 534. ISBN 9780521362900.
- ↑ Singleton, Charles Southward (1991). Dante Alighieri, The divine comedy, Paradiso. 2:commentary. Princeton University Press. p. 297. ISBN 9780691019130.
- ↑ Ring, Trudy (1995). Southern Europe. Taylor & Francis. p. 767. ISBN 9781884964022.
- ↑ Jones, Michael (2000). The New Cambridge Medieval History: c. 1300-c. 1415. Cambridge University Press. p. 535. ISBN 9780521362900.
- ↑ Jones, Philip James (1997). The Italian city-state: from commune to signoria. Oxford University Press. p. 620. ISBN 9780198225850.
- ↑ Previté-Orton, Charles William (1965). Outlines of medieval history. Biblo & Tannen Publishers. pp. 411–412. ISBN 9780819601476.
- ↑ Jones, Michael (2000). The New Cambridge Medieval History: c. 1300-c. 1415. Cambridge University Press. p. 491. ISBN 9780521362900.
- ↑ Menache, Sophia (2003). Clement V. Cambridge University Press. p. 171. ISBN 9780521521987.
- ↑ Lansing, Richard H. (2000). The Dante encyclopedia. Garland Pub. p. 836. ISBN 9780815316596.
- ↑ Hergenrther, Joseph; Gustav, Adam (2009). Catholic Church and Christian State. BiblioBazaar, LLC. p. 53. ISBN 9781110783670.
- ↑ Caesar, Michael (1995). Dante: The Critical Heritage. Routledge. p. 89. ISBN 9780415133975.
- ↑ Jones, Michael (2000). The New Cambridge Medieval History: c. 1300-c. 1415. Cambridge University Press. p. 445. ISBN 9780521362900.
- ↑ Napier, Henry Edward (1846). Florentine history: from the earliest authentic records to the accession of Ferdinand the Third, grand duke of Tuscany. E. Moxon. p. 433.
- ↑ Vauchez, André; Dobson, Richard Barrie; Lapidge, Michael (2000). Encyclopedia of the Middle Ages 1. Routledge. p. 253. ISBN 9781579582821.
- ↑ Clayton-Emmerson, Sandra (2006). Key figures in medieval Europe: an encyclopedia. Routledge. p. 103. ISBN 9780415973854.
- ↑ Hearder, H.; Waley, D.P. (1963). A Short History of Italy: From Classical Times to the Present Day. Cambridge University Press. p. 62. ISBN 9780521052412.
- ↑ Milman, Henry Hart (1870). History of Latin Christianity 7. W. J. Widdleton. pp. 74–75.
- ↑ Jones, Michael (2000). The New Cambridge Medieval History: c. 1300-c. 1415. Cambridge University Press. p. 539. ISBN 9780521362900.
- ↑ Beattie, Blake R. (2007). Angelus pacis: the legation of Cardinal Giovanni Gaetano Orsini, 1326-1334. Brill. p. 27. ISBN 9789004153936.
- ↑ Zeller, Jules (1858). Historia de Italia: desde la invasión de los bárbaros hasta nuestros días 1. Librería española. p. 311.
- ↑ 82,0 82,1 Rebhorn, Wayne A. (2003). The prince and other writings. Spark Educational Publishing. p. 143. ISBN 9781593080600.
- ↑ Cassell, Anthony Kimber (2004). The Monarchia controversy: an historical study with accompanying translations of Dante Alighieri's Monarchia, Guido Vernani's Refutation of the Monarchia composed by Dante and Pope John XXII's bull, Si fratrum. Catholic University of America Press. p. 35. ISBN 9780813213385.
- ↑ 84,0 84,1 Kleinhenz, Christopher (2004). Medieval Italy: an encyclopedia 2. Routledge. p. 634. ISBN 9780415939317.
- ↑ Jones, Michael (2000). The New Cambridge Medieval History: c. 1300-c. 1415. Cambridge University Press. p. 541. ISBN 9780521362900.
- ↑ The Penny cyclopædia of the Society for the Diffusion of Useful Knowledge 26. C. Knight. 1843. p. 384.
- ↑ Coxe, William (1847). History of the House of Austria: from the foundation of the monarchy by Rhodolph of Hapsburgh, to the death of Leopold the second : 1218 to 1792 I. H. G. Bohn. p. 104.
- ↑ Pfeffel von Kriegelstein, Christian Friedrich (1777). Nouvel abrégé chronologique de l'histoire et du droit public d'Allemagne 1. Delalain. p. 537.
- ↑ Vauchez, André; Dobson, Richard Barrie; Lapidge, Michael (2000). Encyclopedia of the Middle Ages 1. Routledge. p. 318. ISBN 9781579582821.
- ↑ Mollat, Guillaume (1912). Les Papes D'Avignon (1305-1378). BiblioBazaar, LLC. p. 147. ISBN 9781113441614.
- ↑ Adams, Charles Francis (1851). The works of John Adams, second President of the United States 5. Little & Brown. p. 445.
- ↑ de Sade, Jacques-François-Paul-Aldonce (1809). The life of Petrarch: collected from Memoires pour la vie de Petrarch 2. A. Finley and W. H. Hopkins. p. 189.
- ↑ Dvornik, Francis (1992). The Slavs in European History and Civilization. Rutgers University Press. p. 66. ISBN 9780813507996.
- ↑ Peterson, Charles Jacobs (1858). Rotteck's History of the World. Leary & Getz. p. 371.
- ↑ Mollat, Guillaume (1912). Les Papes D'Avignon (1305-1378). BiblioBazaar, LLC. pp. 157–158. ISBN 9781113441614.
- ↑ Napier, Henry E. (1846). Florentine history from the earliest authentic records to the accession of Ferdinand the Third Grand Duke of Tuscany 2. E. Moxon. pp. 330–333.
- ↑ Napier, Henry E. (1846). Florentine history from the earliest authentic records to the accession of Ferdinand the Third Grand Duke of Tuscany 2. E. Moxon. p. 337.
- ↑ Bratchel, M. E. (2008). Medieval Lucca and the evolution of the Renaissance state. Oxford University Press US. p. 84. ISBN 9780199542901.
- ↑ De Sismondi, Jean-Charles-Léonard (1864). A history of the Italian republics: being a view of the origin, progress and fall of Italian freedom. Harper. p. 149.
- ↑ Gallenga, Antonio Carlo Napoleone (1855). History of Piedmont 2. Chapman and Hall. pp. 132–133.
- ↑ Mollat, Guillaume (1912). Les Papes D'Avignon (1305-1378). BiblioBazaar, LLC. p. 152. ISBN 9781113441614.
- ↑ Mollat, Guillaume (1912). Les Papes D'Avignon (1305-1378). BiblioBazaar, LLC. p. 164. ISBN 9781113441614.
- ↑ Saul, Nigel (2006). The Three Richards: Richard I, Richard II and Richard III. Continuum International Publishing Group. pp. 142–143. ISBN 9781852855215.
- ↑ Assmann, Wilhelm (1862). Handbuch der allgemeinen Geschichte: für höhere Lehranstalten und zur Selbstbelehrung für Gebildete. Vieweg. p. 109.
- ↑ Villalon, L. J. Andrew; Kagay, Donald J. (2008). The Hundred Years War (Part II): Different Vistas. Brill. p. 313. ISBN 9789004168213.
- ↑ Black, Jane (2009). Absolutism in Renaissance Milan: plenitude of power under the Visconti and the Sforza, 1329-1535. Oxford University Press. pp. 69–71. ISBN 9780199565290.
- ↑ Bueno de Mesquita, D. M. (1941). Giangaleazzo Visconti, Duke of Milan (1351-1402): A Study in the Political Career of an Italian Despot. Cambridge University Press. p. 327. ISBN 9780521234559.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Güelfos e xibelinos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ady, Cecilia M. e Edward Armstrong (1907): A History of Milan under the Sforza Ed. Methuen & Co.
- Davis, Ralph Henry Carless (2006): A History of Medieval Europe: From Constantine to Saint Louis. 3ª ed. Nova York: Routledge. ISBN 978-0-5827-8462-8.
- Gill, Patrick e Julien Théry (2010): "La vague guelfe dans l'Italie des communes urbaines après la bataille de Bénévent: une mission pontificale à Crémone et à Plaisance (1266-1267)", en [https://medievales.revues.org/7029 Le gouvernement pontifical et l'Italie des villes au temps de la théocratie (fin-XIIe-mi-XIVe s.): Montpellier: Presses universitaires de la Méditerranée. ISBN 978-2-8426-9893-5.
- Tolfo, Maria Grazia e Paolo Colussi: Storia di Milano. Cronologia di Milano dal 1426 al 1450. ((Última modificación: sábado 24 de xaneiro de 2009) (en italiano). Consultada o 17 e outubro de 2016.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Giuliano Milani: Ghibellini e Guelfi in Italia Enciclopedia Fridericiana, Istituto dell'Enciclopedia Italiana. Treccani (en italiano).
- Guèlfi en Istituto dell'Enciclopedia Italiana on line. Treccani (en italiano).
- Goffredo di Crollalanza (2878): Gli emblemi dei Guelfi e Ghibellini. Pisa. En: Gallica.
- Niccolò Machiavelli (1532): History Of Florence And Of The Affairs Of Italy From The Earliest Times To The Death Of Lorenzo The Magnificent.
- World of Dante Sitio web multimedia que ofrece o texto italiano da Divina Comedia, a tradución para o inglés de Allen Mandelbaum, galería de imaxes, mapas interactivos, liña de tiempo, gravacións musicais e base de datos para estudantes e profesores. A base de datos permite buscar a güelfos e xibelinos no poema.