Fibroblasto
Os fibroblastos son o tipo celular principal dos tecidos conectivos. Sintetizan a matriz extracelular e o coláxeno,[1] que forma a rede estrutural do estroma dos tecidos animais, e teñen unha función esencial no proceso de curación das feridas.
Fibroblastos e fibrocitos
[editar | editar a fonte]Fibroblastos e fibrocitos son dous estados nos que se pode atopar a mesma célula; o primeiro é o estado activado desa célula, e o segundo é o seu estado menos activo, referidos ao metabolismo e mantemento celular. Porén, actualmente hai unha tendencia a chamar fibroblastos a ambas as formas. O sufixo "blasto" utilízase en bioloxía celular para designar as células nai ou troncais ou ás células que están nun estado activado do seu metabolismo.
Os fibroblastos son morfoloxicamente heteroxéneos, polo que poden ter diversas aparencias dependendo da súa localización e actividade. Aínda que non son moi rechamantes morfoloxicamente, os fibroblastos trasplantados ectopicamente (fóra do seu lugar habitual) poden a miúdo reter memoria posicional do lugar e contexto tisular onde se atopaban previamente, polo menos durante unhas poucas xeracións.
Orixe embriolóxica
[editar | editar a fonte]Igual que outras células do tecido conectivo, os fibroblastos derivan do mesénquima primitivo. Expresan a proteína dos filamentos intermedios vimentina, que é unha característica utilizada como un marcador para distinguir as células de orixe mesodérmica. Porén, esta proba non é totalmente específica, xa que as células epiteliais cultivadas in vitro sobre substratos adherentes poden tamén expresar a vimentina despois de certo tempo.
En certas situacións as células epiteliais poden dar lugar a fibroblastos, un proceso chamado transición epitelial-mesenquimal. E á inversa, os fibroblastos nalgunhas situacións poden dar lugar a epitelios ao experimentaren unha transición mesenquimal-epitelial, e organizárense en capas de células epiteliais condensadas, polarizadas, e conectadas lateralmente. Este proceso prodúcese en moitas situacións do desenvolvemento, como por exemplo o desenvolvemento das nefronas e o da notocorda.
Características
[editar | editar a fonte]A súa forma é variable e depende de onde están situadas. Xeralmente dispóñense ao longo das fibras de coláxeno e teñen forma alongada fusiforme con longas prolongacións, pero poden ser máis aplanadas ou estreladas. Os fibroblastos teñen un núcleo elíptico e con 1 ou 2 nucléolos. As mitocondrias son longas e delgadas, rodean o núcleo e sitúanse nas expansións. Os fibroblastos activos poden recoñecerse polo seu abundante retículo endoplasmático rugoso e o aparato de Golgi grande. Os fibroblastos inactivos, tamén chamados fibrocitos, son menores e con forma de fuso, e con retículos endoplasmáticos rugosos e aparatos de Golgi menores [2] . Normalmente están separados e espallados cando teñen que ocupar grandes espazos, pero cando se concentran en gran número a miúdo poden aliñarse localmente en agrupacións paralelas.
A duración da vida dun fibroblasto, medida en embrións de polo, é de 57 ± 3 días.[3]
Funcións
[editar | editar a fonte]A principal función dos fibroblastos é manter a integridade estrutural dos tecidos conectivos, secretando continuamente precursores da matriz extracelular. Os fibroblastos secretan os precursores de todos os compoñentes da matriz extraceluar, principalmente a substancia fundamental e diversos tipos de fibras. A composición da matriz extracelular determina as propiedades físicas dos tecidos conectivos.
Os fibroblastos fabrican os coláxenos, glicosaminoglicanos, e fibras reticulares e elásticas, e glicoproteínas da matriz extracelular, e as citocinas TSLP. Os fibroblastos en crecemento individuais divídense e sintetizan a substancia fundamental da matriz. O coláxeno fabrícase nos ribosomas do retículo endoplasmático rugoso, sofre modificacións e glicosilacións, é enviado en vesículas ao aparato de Golgi, que o empaqueta en vesículas para a exocitose, que o verten no exterior como procoláxeno, que se continúa transformando e ensamblando con outras fibras fóra da célula.
Os danos nos tecidos estimulan aos fibrocitos e inducen a mitose dos fibroblastos.
Os fibroblastos teñen funcións diferentes ás das células epiteliais. A diferenza das células epiteliais que revisten as estruturas corporais, os fibroblastos non forman monocapas planas de células e non están restrinxidos por unha unión polarizada por un lado á lámina basal, aínda que poden contribuír a formar compoñentes da lámina basal nalgunhas situacións. Por exemplo, os miofibroblastos subepiteliais no intestino poden secretar a cadea α-2 da laminina. Os fibroblastos poden tamén migrar lentamente sobre o substrato como células individuais, cousa que non poden facer as células epiteliais.
Outras aplicacións
[editar | editar a fonte]Os fibroblastos do embrión de rato utilízanse moito en investigación [4], e frecuentemente úsanse como "células nutritivas" na investigación con células nai humanas embrionarias [5]. Porén, moitos investigadores están gradualmente prescindindo de ditas células de rato e substituíndoas por medios de cultivo con ingredientes definidos con precisión e exclusivamente de orixe humana. Como os suplementos do medio de cultivo son sintéticos, elimínase a posibilidade de contaminación por outras fontes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ https://ghr.nlm.nih.gov/glossary=fibroblast
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 151-153. ISBN 84-7605-361-4
- ↑ ^Weissmanshomer, P.; Fry, M. (1975). "Chick embryo fibroblasts senescence in vitro: Pattern of cell division and life span as a function of cell density". Mechanisms of Ageing and Development 4 (2): 159. doi:10.1016/0047-6374(75)90017-2. PMID 1152547.
- ↑ Kazutoshi Takahashi, Shinya Yamanaka. Induction of pluripotent stem cells from mouse embryonic and adult fibroblast cultures by defined factors. Cell (2006). Volume: 126, Issue: 4, Publisher: Elsevier, Pages: 663-676 [1] Arquivado 31 de decembro de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ Preparation of mouse embryonic fibroblast (MEF) culture medium. [2] Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- UIUCHistologySubject - 240 [3]