Saltar ao contido

Callitris pancheri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Callitris pancheri

Callitris pancheri (= Neocallitropsis pancheri)
no Atlanta Botanical Garden, Xeorxia, EE. UU.
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Xénero: Callitris
Especie: C. pancheri
Nome binomial
Callitris pancheri
(Carrière) Byng, 1858
Sinonimia
Véxase o texto
Callitris pancheri nas Chutes de la Madeleine, Nova Caledonia.

Callitris pancheri é unha especie de conífera da familia das cupresáceas (Cupressaceae).

En numerosos textos de botánica aparece denominada co seu antigo sinónimo Neocallitropsis pancheri (que era a única especie do xénero Neocallitropsis).[2]

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características de Callitris pancheri son:[3]

  • É unha conífera perenifolia de porte arbóreo ou arbustivo, que alcanza de 2 a 10 m de altura. A súa forma a miúdo recorda á dun candelabro, coa parte superior da copa coas pólas parcialmente orientadas cara ao sol.
  • A casca do tronco e das pólas máis grosas é máis ou menos lisa, fendida por sucos verticais longos, que se exfolian en láminas delgadas, fibrosas, de cor de parda a parda escura, que cambia a gris coa idade.
  • As follas xuvenís son lanceoladas, agudas, cóncavas na face, cunha carena no centro do envés, de 8 a 14 mm de longo por 0,8 mm de ancho máximo, que van cambiando gradualmente cara a unha forma de transición. As follas de transición miden de 6 a 15 mm de longo, e de 1,8 a 2,5 mm de anchura, e van curvándose cara a arriba para trnasformarse en adultas. Estas, de 5 mm de longo por 2 mm de ancho, son lanceoladas, agudas, con patente carena dorsal, e aparecen máis ou menos imbricadas. As follas dipóñense en verticilos de oito alternando con outros de catro; en aparencia, a follaxe e superficialmente similar á dalgunhas especies do xénero Araucaria, aínda que esta especie está moi afastada filoxeneticamente das de Araucaria.
  • É unha planta dioica, é dicir, con individuos machos e femias separados.
  • Os conos maculinos son globulares, de 8 a 10 mm de longo e 6 mm de ancho. Os microsporófilos son acuminados e espiñentos, alcanzando un tamaño de 3 × 3 mm na base do cono, pero son moito máis pequenos na parte superior.
  • Os conos femininos son frecuentemente moi curtos, de 10 × 8 mm, con oito escamas parcialmente cubiertas polas follas que as acompañan por debaixo, que se desenvolve moito ao maduraren.
  • As piñas maduras miden de 1,5 a 2,0 cm de longo, e teñen oito escamas leñosas; estas conteñen de 1 a 4 sementes, de aproximadamente 6 × 2 mm, cunha á de 0,6 mm.
  • A madeira desprende un aroma a alcanfor.

Distribución

[editar | editar a fonte]
Callitris pancheri, ramas e follaxe.
Ao fondo, a fervenza de la Madeleine.
Callitris pancheri (en primeiro plano), no seu ambiente natural.

Trátase dunha especie endémica de Nova Caledonia, que se encontra en pequenas poboacións, confinada nunhas poucas localidades no sur da Grand Terre, cunha soa subpoboación moi pequena no cumio do monte Paéoua, 180 km ao norte.[1] [4] Encóntrase desde os 30 até os 1 140 msnm.[1]

Poboación

[editar | editar a fonte]

A poboación total de Callitris pancheri, que está decrecendo, estímase na actualidade (2018) entre os 2 500 e os 10 000 espécimes. As diferentes subpoboacóns varían moito en tamaño, desde uns poucos a varios centos de individuos (Plateau des Callitropsis). No monte Paéoua só se encontraron 45 árbores maduros.[1]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero Neocallitropsis foi descrito en 1944 polo botánico sueco Carl Rudolf Florin, nun traballo publicado na Palaeontographica, Abt. B, Paläophytol 590.[5]

É un xénero monotípico, xa que conta cunha soa especie, Neocallitropsis araucarioides (Compton) Florin, descrita por Florin no mesmo ano e no mesmo traballo,[6] renomeando á especie Callitropsis araucarioides Compton, 1858

A especie fora descrita por primeira vez en 1858 polo botánico francés Élie-Abel Carrière, co nome de Eutacta pancheri,[7] na segunda edición da súa obra Traité général des conifères.[8]

Moito máis tarde, en 1972, foi reclasificada dentro do xénero Neocallitropsis, como Neocallitropsis pancheri, polo botánico estadounidense David John de Laubenfels, nun traballo publicado en Fl. Nouv.-Calédonie & Dépend. 4: 161.[9]

Durante anos apareceu citada dentro do seu propio xénero Neocallitropsis. Porén, recentes análises filoxenéticas moleculares aconsellaron que fora situada dentro do xénero Callitris,[10] como Callitris pancheri.[11]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñécese tamén polos sinónimos:[2] [12] [13]

  • Eutacta pancheri Carrière, 1867
  • Callitropsis araucarioides Compton, 1858
  • Neocallitropsis araucarioides (Compton) Florin, 1944
  • Neocallitropsis pancheri (Carrière) de Laub., 1972 [14]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

Xénero Neocallitropsis

[editar | editar a fonte]

O nome científico Neocallitropsis está formado pola unión dos elementos do latín científico neo-, calco do grego antigo νεο- neo-, elemento de feomación de palabras derivado de νέosς néos, "novo",[15] e Callitropsis, nome de xénero (refírese a Callitropsis Compton, 1922, e non a Callitropsis Oerst., 1864); literalmente: "o novo Callitropsis".

Xénero Calli

[editar | editar a fonte]

Callis é un derivado irregular do elemento latino calli-,[16] calco do grego antigo καλλί- kallí-, que deriva de κάλλοσ kállos, "beleza", "fermosura".[17]

Nome específico

[editar | editar a fonte]

O epíteto específico, pancheri, que significa "de Pancher", é unha homenaxe ao xardineiro e botánico francés Jean Armand Isidore Pancher, que traballou como botánico do goberno en Nova Caledonia.[18]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A día de hoxe (2018), a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualifica o status da espeie como en perigo de extinción, debido a que houbo unha redución do tamaño da súa poboación estimada en máis do 50 % durante as últimas tres xeracións, dando como resultado unha diminución da área de dispersión, así como da calidade do seu hábitat. Isto debeuse, sobre todo, a que a especie foi sometida anteriormente á sobreexplotación, así como aos efectos das inundacións nos anos da década de 1960.
A actual área de ocupación estímase en 32 km2, distribuídos en só tres lugares (Paéoua, Montagne des Sources, Plaine des Lacs/Chute de Madelaine).
As diferentes subpoboacións están moi fragmentadas xeográfica e ecoloxicamente.
Así mesmo, prevese unha diminución continua na área de dispersión e na calidade do hábitat debido á crecente frecuencia dos incendios e aos efectos da minaría.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Neocallitropsis pancheri na Lista vermella da UICN. Versión 2017-3. Consultada o 10-01-2018.
  2. 2,0 2,1 Byng, J. W. (2015). The Gymnosperms Handbook: A practical guide to extant families and genera of the world. Plant Gateway Ltd.
  3. Neocallitropsis pancheri (Carrière) de Laubenfels 1972 Arquivado 16 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. en The Gymnosperm Database.
  4. Jaffré, T.; Veillon, J. M. & Cherrier, J. F. (1987): "On the occurence of two Cupressaceae, Neocallitropsis pancheri and Libocedrus austrocaledonica in the Mt Paéua area and new sites for the gymnospems in New Caledonia". Bulletin de Museum National d'Histoire Naturelle Section B Adansonia 9 (3): 273-288.
  5. Neocallitropsis Florin no IPNI.
  6. Neocallitropsis araucarioides (Compton) Florin no IPNI.
  7. Eutacta pancheri Carrière Arquivado 11 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine. no GBIF.
  8. Eutacta pancheri Carrière en Tropicos.
  9. Neocallitropsis pancheri (Carrière) de Laub. no IPNI.
  10. Pye, M. G.; P. A. Gadek & K. J. Edwards (2003). "Divergence, Diversity and Species of the Australasian Callitris (Cupressaceae) and Allied Genera: Evidence from ITS Sequence Data". Australian Systematic Botany 16: 505–514.
  11. Callitris pancheri (Carrière) Byng no IPNI.
  12. Farjon 2010.
  13. Earle, Cristopher J. (2012): Neocallitropsis pancheri Arquivado 16 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. en The Gymnosperm Database.
  14. Neocallitropsis pancheri (Carrière) de Laub. no IPNI.
  15. neo- no Online Etymology Dictiorany.
  16. Callitris no Merriam-Webster Unabridged Dictionary.
  17. calli- no Merriam-Webster Unabridged Dictionary.
  18. Pancher, Jean Armand Isidore (1814-1877), biografía en JSTOR Global Plants.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]