Premios Rosalía de Castro 2012 para Esther Vázquez, Jose Viale Moutinho, Enric Casasses e Miren Agur Meabe
Os Premios Rosalía de Castro, que dende 1996 organiza bianualmente o Centro PEN-Galicia en colaboración coa USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entregáronse este venres 28 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O xurado desta IX edición, integrado por Luís González Tosar, Xabier Castro Martínez, Bieito Iglesias, Miro Villar, Inma López Silva, Manuel Guede e Manuel Outeiriño, decidiu outorgar os galardóns a Jose Viale Moutinho (Funchal, 1941), María Esther Vázquez (Bos Aires, 1937), Enric Casasses (Barcelona, 1951) e Miren Agur Meabe (Lekeitio, 1962). A velada literaria presidiuna o reitor Juan Casares e a ela asistiron ademais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e o presidente de PEN-Galicia, Luis González Tosar. O acto contou coa presenza de numerosas personalidades do mundo universitario e da cultura, entre eles o catedrático e académico Darío Villanueva e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Mª Esther Vázquez Escritora arxentina de estirpe galega, comezou a súa actividade literaria en 1957 na Biblioteca Nacional, dirixida daquela por Jorge Luis Borges. A partir dese momento o seu nome estará ligado á revista Sur, Victoria Ocampo, Bioy Casares e todo o universo borgiano. Froito desta colaboración son dous ensaios: Introducción a la Literatura Inglesa e Literaturas germánicas medievales. Autora dunha importante obra narrativa (cómpre destacar La memoria de los días e Crónicas del olvido), logrou grande éxito coas súas biografías Borges, esplendor y derrota (1996) e Victoria Ocampo, el mundo como destino (2002). José Viale Moutinho Poeta (São Coisas tais Efeitos Só do Acaso? (2009), narrador (sete libros de contos) e novelista, destaca polos seus traballos sobre a vida e as obras de Camilo Castelo Branco (2009), Joaquim de Araújo, Trinidade Coelho, Júlio César Machado e António Nobre. Membro de honra da Real Academia Galega, Viale Moutinho é quizáis o escritor portugués con máis vinculación a Galicia. Enric Casasses Poeta, narrador, dramaturgo e tradutor, está considerado como un transgresor empeñado en tirar a poesía dos ámbitos formais. Destaca polos seus recitais, nos que prima a música e a sonoridade, o xogo cos fonemas. Herdeiro de autores da categoría de Joan Salvat-Papasseit, Joan Brosse, Joan Vinyoli ou Gabriel Ferrater, a súa obra, orixinalísima, transita do medieval ao surrealismo, do renacemento ao barroco. Premio Crítica Serra d’Or (1992) por La cosa aquella, Sense trofeu e Text llest e Premio da Crítica, poesía catalá (1993), por No hi érem, participou en innumerables accións e proxectos culturais de vangarda. Miren Agur Meabe Licenciada en Filoloxía Vasca, foi profesora de ikastola e desde 1990 desenvólvese no ámbito da xestión editorial. En 1986 publicou os relatos Uneka... Gaba (Por momentos... a noite) e a partir de aí tres poemarios entre os que destacaAzalaren kodea (O código da pel, 2002), Premio da Crítica. Mais será no ámbito da literatura infantil e xuvenil onde esta autora achegue títulos fundamentais das letras vascas neste xénero como Itsaslabarreko etxea (A casa do cantil, 2001), Bisita (A visita, 2001), Joanes eta Bioletaren bihotza (O corazón de Joanes e Violeta, 2002), Etxe bitan bizi naiz (Vivo en dúas casas, 2003) e Amal (2003), entre outros. O certame Estes premios de carácter bianual foron instituídos polo PEN de Galicia en 1996 a iniciativa de Carlos Casares, e están destinados a galardoar, desde a literatura galega, os sistemas literarios da veciñanza (autores e autoras relevantes en castelán de España e Hispanoamérica, en portugués de Portugal, Brasil e África, vascos e cataláns). Na primeira edición os premiados foron José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Joan Perucho e Bernardo Atxaga. En 1998 recoñeceuse a António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Miquel de Palol e Juan Mari Lekuona. En 2000 os premios foron para Sophia de Mello, José Ángel Valente, Pere Gimferrer e Anjel Lertxundi, e dous anos máis tarde para Ernesto Sabato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Felipe Juaristi. A edición de 2004 premiou a Rubem Fonseca, Francisco Brines, Carme Riera e Ramón Saizarbitoria, mentres que en 2006 o fixo con Isabel Allende, Agustina Bessa Luís, Josep Palau i Fabre e Arantxa Urretabizkaia. Álvaro Mutis, Joan Margarit, Mia Couto e Jon Kortazar foron os premiados en 2008 e na edición última Antonio Gamoneda, Francesc Parcesisas, Lêdo Ivo e Itxaro Borda.