Xun (instrumento)
Xun | |
---|---|
Xun ou frauta Gu Xun, considerado o instrumento musical máis antigo da China]] | |
Información | |
Clasificación | Instrumento de vento |
Tesitura | [Depende do modelo e tamaño do xun] |
Instrumentos relacionados | Ocarina, instrumentos de vento de barro |
O xun (en chinés simplificado: 埙; en chinés tradicional: 塤; pinyin: xūn; Cantonés= hyun); en Cantonés = hyun1) é unha frauta globular de vaso procedente de China. É un dos instrumentos musicais máis antigos da China e estivo en uso durante aproximadamente sete mil anos.
O xun estaba feito inicialmente de pedra, barro cocido ou óso, e máis tarde de barro ou cerámica; ás veces o instrumento está feito con bambú. É o único exemplo que se conserva dun instrumento de terra ou "de arxila" das clasificacións tradicionais chineses de "oito tons" (bayin).
Compoñentes
[editar | editar a fonte]O xun é un aerófono en forma de ovo, que contén polo menos tres orificios para os dedos diante e dous orificios para o polgar detrás.
Ten un burato de soplado na parte superior e pode ter até dez buratos máis pequenos para os dedos, un para cada dedo.
É semellante a unha ocarina pero non contén unha peza de boca, a diferenza doutros instrumentos chinés parecidos a frautas, como o Wudu e o Taodi.
O xun pode vir nunha variedade de tamaños.
A entrada para o Xun na enciclopedia chinesa máis antiga que se conserva, Erya (c. século III a. C.), descríbeo como de dous tipos:
- grande, con forma de ovo de ganso, co fondo aplanado e seis buratos (abaixo);
- pequeno, con forma de ovo de galiña (ton máis alto).[1]
Historia e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A orixe deste único instrumento de vento remóntase á Idade de Pedra e, segundo unha teoría, ten que ver coas prácticas de caza do Paleolítico, sendo que algunhas das pedras para as tirafondas eran ocas e facían un son parecido.[2]
Os arqueólogos descubriron frautas de vaso como o xun en fosas comúns da dinastía Xia. Aquelas tiñan tres buratos para os dedos e podían producir as notas do, mi, so, la e fa. A forma do instrumento e o número de orificios para os dedos do xun tal e como o coñecemos hoxe foron estandarizados durante a dinastía Shang. A maioría dos xun daquela época tiñan cinco buratos para os dedos e producían un son de boa calidade, sendo capaces de producir todos os tons e medios tons nunha oitava.
Na dinastía Zhou, era un instrumento común e era tocado nas cortes imperiais. O deseño variaba segundo se tocase para gozar ou para celebracións.
Importancia cultural
[editar | editar a fonte]O uso de xun na historia chinesa atopouse principalmente na interpretación da música de palacio.[3] Porén, o son do xun tamén se asocia como símbolo dos eremitas, de damas entristecidas ou dos heroes ao final das súas forzas, e considérase o mellor instrumento para interpretar un ton desgarrador ou para facer música solemne dentro da corte real.[2]
O son de xun representa unha beleza particular, que combina coa soidade, a desolación e a elegancia. É a encarnación das concepcións estéticas únicas chinesas. Nunha orquestra chinesa tradicional, o xun interpreta a parte importante da voz de alto e representa tamén a idea de harmonía.
Na literatura
[editar | editar a fonte]- O Erya (爾雅): "Un xun grande é como un ovo de ganso, cun fondo aplanado e seis buratos; un pequeno é como un ovo de galiña" (nótese que a etimoloxía de ocarina remite tamén a "ganso", e pola raíz preindoeuropea, a "ovo".[4]
- Clásico da poesía (詩經): "O irmán maior toca xun, o irmán menor toca chi [tipo de frauta]" [5]
Notas
- ↑ "Xun". chinamedley.com. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2012. Consultado o 20 de agosto de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 Chinese Musical Instruments. 2000. p. 16. ISBN 0-19--590777-9.
- ↑ "chinaWH; Arts". www.cultural-china.com. Consultado o 2023-08-20.
- ↑ "Etymology, origin and meaning of ocarina". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2023-08-20.
- ↑ Thrasher, Alan (2007). Xun. Oxford University Press.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: China |
- Ocarina
- Frautas chinesas
- Instrumentos musicais tradicionais chineses
- Música da China