Vitis
Videiras (xénero Vitis) | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
videira común de viño (Vitis vinifera) | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
especies | |||||||||||||||
Véxase no texto |
Vitis é un xénero con arredor de 60 especies chamadas comunmente vides ou videiras pertencentes á familia Vitaceae. Distribúense predominantemente polo hemisferio norte. A súa importancia económica débese ao froito, o bago ou uva, utilizado tanto para consumo directo como fermentado para producir viño, especialmente da especie Vitis vinifera (a videira común). O estudo e cultivo das uvas denomínase viticultura.
Descrición
[editar | editar a fonte]Vitis diferénciase doutros xéneros da familia en que os pétalos florais mantéñense unidos no ápice separándose na base para formar unha caliptra ou "gorra". As flores son unisexuais ou modificadas para funcionar como tales, son pentámeras e cun disco hipóxino. O cáliz está moi reducido ou é inexistente na maioría das especies. Os botóns florais fórmanse ao final da estación de crecemento e fican durante o inverno para florear a primavera a seguir. Producen dous tipos de flores, as estériles con longos filamentos, estames erectos e pistilos sen desenvolver e as fértiles con pistilos ben desenvolvidos e cinco estames sen desenvolver. O foito é unha baga ovoide e zumarenta.
Cando medran bravas, todas as especies do xénero son dioicas, porén en cultivo se seleccionan as de flor perfecta.
Usos
[editar | editar a fonte]O froito de varias das especies utilízase comercialmente para o seu consumo como uvas frescas e para a elaboración do viño.
A especie máis importante é Vitis vinifera, orixinaria de Asia, cultívase en todas as rexións temperadas. O conxunto de videiras cultivadas no agro denomínase viña ou viñedo. Unha videira nova chámase bacelo[2], e un campo de bacelos: bacelar.
A vide doméstica produce a uva do viño, porén as videiras bravas, non cultivadas, posúen unhas follas máis ásperas, e os bagos son miúdos e de sabor agre.
O cultivo da vide para a produción do viño é unha das actividades máis antigas da civilización, probabelmente contemporánea ao comezo desta. En Galiza é popular especialmente na metade sur, dende a época romana.
Existen probas de que os primeiros cultivadores de viñas e produtores de viño se atopaban na rexión de Exipto e Asia Menor, durante o neolítico, ao mesmo tempo que os primeiros asentamentos humanos permanentes empezaron a dominar a agricultura, a cría de gado e a produción de cerámica.
Historia
[editar | editar a fonte]As vides plantáronse tradicionalmente usando árbores como espeques. No Imperio Asirio (s. VII A.C.), as videiras aparecen representadas crecendo arredor de árbores que asemellan piñeiro. A primeira proba documental da maridanza de umeiros e videiras atopámola na Grecia Clásica, onde se menciona un viño chamado Pteleaikós oinos que fai referencia á rexión onde se producía, Ptelea (Umeiro). Durante a época Romana o cultivo das vides maridadas aos umeiros adquire maior importancia, como se reflicte nos tratados de agricultura. A práctica foi tan común que aparece de moda recorrente como tópico na literatura. No século I A.C., cando aparece a máxima latina Pirum, non ulmum accedas, si cupias pira (Á pereira acode, non ao umeiro, se peras queres) de onde procedería a expresión Pedirlle peras ao umeiro, dado que a froita que se asociaba a esta árbore non era a pera senón a uva. Os textos clásicos son copiados durante a Idade Media, e só os agrónomos árabes da Península Ibérica fornecen novas probas da relación entre videiras e umeiros xa no século XII. Catro séculos despois a utilización de umeiros coma espeques por onde ruben as vides era rara na Península Ibérica, porén a maridanza das vides con árbores, aínda que non umeiros, durou no sur de España e nos arrabaldes de Barcelona até o século XIX. Porén en Italia umeiros e videiras se plantaban xuntos incluso no século XX, antes de que a grafiose comezara a matar as plantacións de árbores e os agricultores se visen na obriga de os substituír por espeques e pastas.[3][4]
Antigamente os viñedos plantábanse nos peores terreos e espallados por estes sen orde ningunha, aproveitando o espazo con máis de 4.000 cepas por hectárea. Tiñan o inconveniente de requirir moita man de obra para realizar os coidados e vendima, polo que nas novas plantacións comezáronse a aliñar as cepas, deixando maior espazo entre elas, co obxectivo de poder usar animais para realizar algúns labores. Coa chegada da maquinaria agrícola os carreiros entre as diferentes ringleiras tivo que se facer maior, reducindo o número de plantas, mais gañando en comodidade. Os sistemas de emparrado fan máis regular a maduración e permiten incluso mecanizar a vendima.
Listaxe de especies
[editar | editar a fonte]- Vitis acerifolia
- Vitis aestivalis
- Vitis amurensis
- Vitis arizonica
- Vitis x bourquina
- Vitis californica
- Vitis x champinii
- Vitis cinerea
- Vitis x doaniana
- Vitis girdiana
- Vitis labrusca (non Vitis lambrusca)
- Vitis x labruscana
- Vitis monticola
- Vitis mustangensis
- Vitis x novae-angliae
- Vitis palmata
- Vitis riparia
- Vitis rotundifolia
- Vitis rupestris
- Vitis shuttleworthii
- Vitis tiliifolia
- Vitis vinifera
- Vitis vulpina
Doenzas
[editar | editar a fonte]Algunhas das principais enfermidades que sofren son:
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "PLANTS Profile for Vitis (grape)". USDA. Consultado o 16 de novembro de 2009.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bacelo.
- ↑ R.A. López-Rodríguez, L. Gil, P. Fuentes-Utrilla (2004). "The historical relationship of elms and vines". Investigación agraria. Sistemas y recursos forestales 13: 7–16. ISSN 1131-7965.
- ↑ Rosario Sierra de Grado (2003). El Álamo temblón(Populus tremula): Bases para su cultivo, gestión y conservaciónL. Mundi-Prensa Libros. pp. 222 pp.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vitis |