Urbano Lugrís González
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de xaneiro de 1908 A Coruña, España |
Morte | 23 de decembro de 1973 (65 anos) Vigo, España |
Lugar de sepultura | Vigo |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Membro de | |
Movemento | Surrealismo |
Familia | |
Fillos | Urbano Lugrís Vadillo |
Pais | Manuel Lugrís Freire e Purificación González Varela |
Urbano Lugrís González, nado na Coruña o 28 de xaneiro de 1908[1] e finado en Vigo o 23 de decembro de 1973, foi un pintor galego.
A súa vida está chea dunha actividade creadora pouco común, que lle permitiu plasmar as súas inquedanzas artísticas en medios tan diversos como a poesía, o teatro, a pintura e incluso a arquitectura no deseño da capela dos Santos Reis do Valado.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega, e Purificación González (irmá do pintor Urbano González), mestra da escola Normal da Coruña e pianista de gran sensibilidade. Apadriñouno Francisco Tettamancy. No seu contorno familiar aprendeu a amar a música, a gozar da lectura, a dominar a arte do debuxo, e a convivir con personaxes da cultura galega que influíron de forma importante na súa formación.
Desde neno sentiuse especialmente atraído polo mar azul da súa terra, no que decidiu mergullarse, facendo para sempre das súas augas e fonduras o seu lugar habitual de soño.
Bohemio de vocación, tras iniciar estudos de perito mercantil en Santiago de Compostela, marchou a Madrid,[2] onde mantivo unha intensa vida cultural a carón de figuras relevantes da época como Federico García Lorca, Rafael Dieste, Rafael Alberti ou Álvaro Cunqueiro, participando nas Misións Pedagóxicas como escenógrafo e guiñolista, e na publicación de revistas como Brétemas, da que foi o gran vertebrador. Fixo parte tamén da renovación do teatro de monicreques español dentro da compañía de Salvador Bartolozzi.
En 1930 foi encarcerado polas súas actividades republicanas e por ser membro da Xuventude Republicana de Santiago Casares Quiroga. Segundo algunhas fontes, durante a guerra civil española, loitou no bando dos sublevados, se ben non hai ningunha referencia documental que o acredite. Trala guerra comezou a dedicarse en exclusiva á pintura e na década de 1940 tiveron lugar as súas primeiras exposicións.[2]
De volta a Galiza seguiu movéndose en círculos literarios e pictóricos, dando renda solta a súa capacidade de gran falador; así tan pronto recitaba un clásico facendo uso dunha memoria prodixiosa, como narraba unha das súas múltiples anécdotas coas que moitas veces foi fabulando a súa propia lenda. Na década de 1950 fundou a revista Atlántida. A súa relación co poeta Antón Avilés de Taramancos fai de Lugrís unha das ligazóns entre a cultura republicana e nacionalista galega previa á Guerra Civil e o rexurdir da cultura galega nos derradeiros anos da ditadura de Francisco Franco.
En 1961 faleceu de cancro a súa muller, Paula,[2] coa que tivera o seu fillo, o tamén pintor Urbano Lugrís Vadillo. Este feito provocou que Lugrís se debatese nun ir e vir de fondas depresións. Con todo, entre unha e outra seguiu pintando coa mesma forza e riqueza imaxinativa que o caracterizou sempre, ata o mesmo ano da súa morte, no Nadal de 1973 na cidade de Vigo.
Estilo
[editar | editar a fonte]Amais de pintor valente e rompedor, foi un grande ilustrador de libros e co seu labor de dirección e creación na revista Atlántida demostrou unha nova faceta do seu carácter: a súa capacidade de traballo. No seu estilo pictórico os críticos atopan semellanzas co metafísico de Chirico, co surrealismo de René Magritte nas súas visións oníricas e con Patinir, O Bosco, e Brueghel no seu barroquismo das formas e a súa minuciosidade. Dominou diversas técnicas: óleo, serigrafías, colaxe, muralista, tinta chinesa sobre papel...
Tematicamente a súa obra está chea de referencias ó mundo céltico e as profundidades mariñas cunha composición escenográfica case constante.
Os murais
[editar | editar a fonte]A Coruña
[editar | editar a fonte]Sen título, agora coñecido como Vista da Coruña 1669. O mural foi creado como decoración por encargo do Banco Hispano-Suízo[5] que houbo nos números 74-76 da rúa Real da Coruña, en 1952.
De acordo co xornalista Rubén Ventureira, Lugrís inspirouse no debuxo que naquela data fixera o artista italiano Pier María Baldi, que acompañaba a Cosme III de Médici na súa viaxe por Galicia e Portugal. Foi Ventureira quen nomeou o fresco que o autor deixou sen título.
Orixinalmente, o mural ocupaba a parede da planta baixa e unha entreplanta (medía sobre 4 m de altura), pero as sucesivas redistribución dos espazos tiveron como consecuencia a destrución da parte superior, aínda que -polas fotografías que se conservan- non afectou significativamente ós motivos pictóricos representados.[6] En 1997, o local pasou a ser adquirido pola cafetería Vecchio e o mural a decorar este establecemento. Finalmente, foi exposto mediante cesion temporal en 2016 por Afundación e trasladado á sede social de Abanca (rúa Olmos, 26)[7], onde foi restaurado para poder ser exposto ó público.
Trátase dunha vista onírica da península da Coruña, centrada no seu porto. Reflicte algúns dos elementos máis representativos da cidade, como a cidade vella, a torre de Hércules, o castelo de Santo Antón ou os muíños de vento de Monte Alto, hoxe desaparecidos. Evidentemente, contempla tamén diferentes motivos mariñeiros.
A obra, tras a restauración, ten unhas medidas de 9,10 por 2,45 m[8] e foi declarada Ben de Interese Cultural o 26 de outubro de 2017 tras unha mobilización cidadá e a demanda que a asociación cultural O Mural presentou ante a inactividade da Dirección Xeral de Cultura .[4][9][6]
Outros murais. A principios de decembro do 2008 foi descuberto nos baños dun restaurante da rúa da Estrela da Coruña un mural seu durante as obras de reforma do local. A obra representa un reloxo de péndulo que marca as tres en punto e do que penduran dous chourizos, así como a frase "Unha cunca de viño e faise o camiño". A autoría da obra foi confirmada "sen a máis mínima dúbida" polo seu fillo Urbano.[10][11]
Consérvanse outros murais, os máis espectaculares dos que fican no seu lugar orixinario, nun local da rúa dos Olmos, 27 (A Coruña) [12]
Vigo
[editar | editar a fonte]En 2017 foi restaurado o mural "Misterios do mar" creado para o Gran Hotel de Vigo [13] que na actualidade pode verse no Pazo Quiñones de León (Vigo) xunto ao Mapa de Galicia que pintou no dito hotel. Outro dos murais do Gran Hotel, que pertence a colección de Abanca, na actualidade pode desfrutarse na sede de Afundación na Coruña (cantón grande, 8).
Santiago de Compostela
[editar | editar a fonte]Na rúa do Franco, 56 pódese contemplar un relevante mural que amosa toda a iconografía propia de Lugrís.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1997 organizouse a mostra máis ampla do pintor, Urbano Lugrís, viaxe ao redor do meu mundo, comisariada por Rosario Sarmiento e Antón Patiño. Tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. En 2017, con motivo da restauración da Vista da Coruña, Abanca promoveu a mostra Lugrís, paredes soñadas, formada por 106 obras.[14]
Antón Patiño Pérez publicou o libro Urbano Lugrís: Viaxe ao corazón do océano (Ed. do Castro, 2007), que abrangue a vida, obra e lenda de Urbano Lugrís. Análise da súa pintura e do seu labor literario asinado co alcume de Ulyses Fingal ao través de relatos e poemas vencellados ao mundo do mar.
Luís Rei Núñez publicou O señor Lugrís e a negra sombra (Xerais, 2007), novela baseada nos últimos anos da vida do pintor.
O pintor é un dos protagonistas da novela O exército de fume, de Manuel Gago (2018).[15][16]
Reciben o nome de Urbano Lugrís dous institutos de ensinanza secundaria, na Coruña[17] e Malpica de Bergantiños.[18] Existen rúas co seu nome en localidades como Arteixo, Oleiros e Santiago de Compostela.
Obra literaria
[editar | editar a fonte]- Balada de los mares del norte. Poemas, cuentos y ensayos (1942-1973). Ed. Alvarellos, 2008.
- El tesoro de punta Herminia y otros textos sumergidos. Ed. Alvarellos, 2017.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Descoñécese a data exacta do seu nacemento, que puido ser en 1902, 1906 ou, máis probablemente, 1908. O comisario da exposición antolóxica "Lugrís. Paredes soñadas" (A Coruña, 2017) dá por certa esta data.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Ventureira, Rubén (2017). Urbano Lugrís. Paredes soñadas. Afundación.
- ↑ El mural de Lugrís deja el bajo del Vecchio en A Coruña
- ↑ 4,0 4,1 Cultura prevé que el mural de Lugrís ya será este año bien de interés cultural
- ↑ El local de Los Olmos en el que Lugrís hizo arte volverá a ser un restaurante
- ↑ 6,0 6,1 DECRETO 110/2017, do 26 de outubro, polo que se declara como ben de interese cultural a obra de Urbano Lugrís González Vista da Coruña 1669.
- ↑ "Arranca el traslado del mural de Lugrís de la calle Real de A Coruña", en La Voz de Galicia 30.11.2016. "El mural de Lugrís termina su viaje", en La Opinión 31.03.2017.
- ↑ Folleto da exposición "Paredes soñadas". A resolución da Xunta de Galicia de marzo de 2016 pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, dá unhas medidas de 9,02 por 2,35.
- ↑ DOG do 30 de marzo de 2016
- ↑ Un mural de Urbano Lugrís nun cuarto de baño
- ↑ El Lugrís que no llegó a aparecer
- ↑ El legado de Lugrís pugna por sobrevivir en A Coruña
- ↑ El Concello restaura un gran mural de Lugrís que rescató en 1977 del antiguo "Gran Hotel"
- ↑ Rescatan al Lugrís decorador del mar
- ↑ Manuel Gago: "A obra ocorréuseme entre soldados que deliraban con ataques en Afganistán"
- ↑ Recursos - O exército de fume
- ↑ IES Urbano Lugrís
- ↑ IES Urbano Lugrís - Malpica
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Urbano Lugrís González |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Osorio, Rodrigo (2018). Pintores do mar. Lugrís: un náufrago da historia. Nova ardentía. Núm 10.
- Patiño, Antón (2007). Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-270-4.
- Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís (2011). A Nave das Ideas.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A Coruña que viviu Urbano Lugrís, itinerario polos lugares da Coruña que frecuentaba (vídeo, 4:16).
- Urbano Lugrís González na Colección Afundación.
- Lugrís en Galegos.info