Samba
Samba | |
---|---|
Bailadora de samba | |
Orixe musical | Maxixe, lundu, semba, batucada, jongo, modinha e choro |
Orixe cultural | Inicios do século XX Brasil Río de Xaneiro, Brasil. |
Instrumentos típicos | Diversos instrumentos de cordas (como cavaquiño, varios tipos de guitarra, pandeiro, surdo e tamborim. |
Subxéneros | |
Bossa nova, pagode, samba-canção, samba-enredo, samba de morro e samba de partido-alto | |
Xéneros de fusión | |
Samba-choro, samba-funk, samba-jazz, samba-rap, samba-reggae, samba-rock, sambalada, sambolero | |
A samba (feminino en galego; orixinariamente é masculino: "o samba") é un xénero musical de raíces africanas xurdido no Brasil. O nome "samba" é probabelmente orixinario do nome angolano semba, un ritmo relixioso.
Historia
[editar | editar a fonte]A Samba probabelmente xurdiu en Baía, onde a día de hoxe se mantén con ritmos propios, trala chegada de gran cantidade de escravos para as plantacións de café no Estado de Río, que trouxeron este tipo de música. Unha vez alí gañou en calidade e en instrumentos e fíxose cun oco de seu, principiando unha historia propia que se supón no século XX, aparecida por vez primeira na cidade do Río de Xaneiro, xacando capital brasileira. Moitos investigadores falan de ritmos coma o maxixe, o lundu ou a modinha como orixinarias da samba.[Cómpre referencia]
O termo "escola de samba" foi adoptado por grandes grupos de sambistas nun intento por gañar aceptación social para a samba e para as súas manifestacións artísticas. Co nacemento da samba asemade nacía a "escola", que outorgaba aos músicos unha percepción de lexitimidade e organización que permitía rachar coas barreiras sociais.
A samba Pelo telefone, de dominio público mais rexistrado por Donga e Mauro Almeida, é considerada a primeira samba gravada, emporiso Bahiano e Ernesto Nazaré teñen gravado na Casa Édison xa desde 1903.
Década dos 30
[editar | editar a fonte]Nos anos trinta, un grupo de músicos liderado por Ismael Silva fundou, na veciñanza do barrio de Estácio de Sá, a primeira escola de samba, Deixa Falar. Transformaron o xénero para adaptalo ao desfile de carnaval. Daquela, unha personaxe xa de seu relevante contribuíu á popularización da samba: Noel Rosa. Noel é considerado o primeiro cronista da música popular brasileira. Nesta época, a radio espallou a sona da samba por todo o país e, co apoio do presidente Getúlio Vargas, a samba gañou status de "música oficial" do Brasil.
Nos anos seguintes a samba desenvolveuse en varias direccións, do samba canción ás baterías de escolas de samba. Un dos novos estilos foi a bossa nova, creado pola clase media, entre eles João Gilberto e Antonio Carlos Jobim.
Segunda metade do século XX
[editar | editar a fonte]Nos anos sesenta os músicos da bossa nova iniciaron un movemento de rescate dos grandes mestres da samba. Moitos artistas foron descubertos polo gran público naquel intre. Nomes como Cartola, Nelson Cavaquinho, Zé Keti e Clementina de Jesus gravaron daquela os seus primeiros discos.
Nos anos setenta a samba era moi común nas emisoras de radio. Compositores e cantores como Martinho da Vila, Bezerra da Silva, Clara Nunes e Beth Carvalho figuraban entre os artistas de entón.
No inicio da década de 1980, despois dun período de esquecemento, onde as radios eran dominadas pola música de discoteca e polo rock brasileiro, a samba reapareceu no escenario brasileiro cun novo movemento chamado pagode. Nado nos suburbios cariocas, o pagode era unha samba renovada, que se valía de novos instrumentos, como o banjo ou o tantán, e unha linguaxe máis popular. Os nomes máis famosos foron Zeca Pagodinho, Almir Guineto, Grupo Fundo de Quintal, Jorge Aragão e Jovelina Pérola Negra.
Actualmente a samba é un dos xéneros musicais máis populares no Brasil.
Subxéneros
[editar | editar a fonte]Samba común
[editar | editar a fonte]A samba caracterízase por unha sección de ritmo contendo a marcación, xeralmente xordo ou tantán, o 'corazón do samba'; e o seu núcleo máis importante é xeralmente recoñecido como cavaco e pandeiro. O cavaquiño é a conexión entre a sección de harmonía e a sección de ritmo, e adoita ser recoñecido como un dos instrumentos harmónicos máis percusivos existentes; a súa presenza, vía de regra, diferencia a verdadeira samba de variacións máis suaves como a Bossa Nova (aínda que haxa algunhas gravacións de samba onde non usen o cavaco, como as de Chico Buarque). O pandeiro é o instrumento de percusión máis presente, aquel cuxa batida é a máis completa. Un violón está sempre presente, e a maneira de tocalo na samba popularizou o violón de 7 cordas, por causa das sofisticadas liñas de contrapunto utilizadas no xénero nas cordas máis graves. As letras falan basicamente de calquera cousa, xa que a samba é o ritmo nacional brasileiro. Ese subxénero engloba todos os demais.
Artistas famosos: Beth Carvalho, Paulinho da Viola, Zeca Pagodinho, Wilson Moreira, Teresa Cristina & Grupo Semente, Adoniran Barbosa.
Partido alto
[editar | editar a fonte]Ese termo é utilizado para denominar un tipo de samba que se caracteriza por unha batida de pandeiro altamente percusiva, con uso da palma da man no centro do instrumento para estalos. A harmonía do partido alto é sempre en ton maior. Xeralmente tocado por un conxunto de instrumentos de percusión (normalmente surdo, pandeiro e tamboril) e acompañado por un cavaquiño ou por un violón, ou polos dous, o partido alto acostuma dividirse en dúas partes: o refrán e os versos. Os partideiros acostuman improvisar nos versos, sendo comúns as disputas, e improvisadores con talento fixeron a súa fama e carreira na samba, como Zeca Pagodinho, que é non só un grande sambista de propósito xeral senón un dos mellores improvisadores.
Artistas famosos: Candeia, Jovelina Pérola Negra, Zeca Pagodinho, Arlindo Cruz, Aniceto do Império, Sombrinha, Nei Lopes, Almir Guinéto, Camunguelo.
Pagode
[editar | editar a fonte]Hoxe é a forma de samba que se difunde entre as periferias dos centros urbanos do Brasil, xurdida nos anos 80 coa introdución de tres novos instrumentos, o banjo, o tantán e o repique de man. Usualmente é cantado por unha persoa acompañada por cavaquiño, violón e polo menos por un pandeiro. As letras son descontraídas, falan normalmente de amor ou calquera situación graciosa. Case sempre as letras non teñen grande expresión, sendo máis buscada a aliteración que o contido.
Artistas famosos: Raça Negra, Molejo, Katinguelê.
Samba de breque
[editar | editar a fonte]Hoxe un xénero morto, as músicas do samba de breque eran intercaladas con partes faladas, ou diálogos. Os cantores, necesariamente, tiñan un excelente don vocal e habilidade para facer voces diferentes. As letras contaban historias e eran xocosas.
Artistas famosos: Moreira da Silva.
Samba-canción
[editar | editar a fonte]A samba-canción foi moi executada nas radios, con grandes influencias do estilo e da melodía do Bolero e ballad americano. As cancións deste xénero son románticas e de ritmo máis lento. Os temas varían do puramente lírico ao tráxico.
Artistas famosos: Noel Rosa, Ângela Maria, Nora Ney, Nelson Gonçalves, Cauby Peixoto, Agnaldo Rayol, Dolores Duran, Maysa Matarazzo, Lindomar Castilho. As intérpretes dese xénero ficaron coñecidas como as divas da Era de Ouro do Radio.
Samba-exaltación
[editar | editar a fonte]A samba-exaltación está caracterizada por composicións "meta-rexionais", o oufanismo observado nas composicións exalta por así dicir a cultura do país e non un folclore específico, constituíndo o primeiro momento de exportación da música popular sen precedentes na historia, presentando as cores, a acuarela do país ao resto do mundo. Aquarela do Brasil, de Ary Barroso, é a composición que inaugura ese estilo de samba. Carmen Miranda destaca como unha das grandes expoñentes.
Samba-enredo
[editar | editar a fonte]A samba enredo é o estilo cantado polas escolas de samba durante os desfiles de carnaval. A letra do samba-enredo, normalmente, conta unha historia que servirá de enredo para o desenvolvemento da presentación da escola de samba. En xeral, a música é cantada por un home, acompañado sempre por un cavaquiño e pola batería da escola de samba, producindo unha textura sonora complexa e densa, coñecida como batucada.
Bossa nova
[editar | editar a fonte]A bossa nova é un estilo de samba brasileira que xurdiu na década de 1960. Este estilo é unha fusión dos estilos do Jazz coa samba. Durante moitos anos foi a samba das praias e bares do Río de Xaneiro. A Bossa Nova foi ben orixinal no seu estilo creativo, pois introduciu o repique de man e a viola electrónica, imitando a guitarra nos tons mais finos, facendo unha melodía con forte influencia das melodías americanas mesturadas con batidas abrasileiradas. As interpretacións son marcadas por un ton suave, intimista ou murmurado. Gravado en 1958 o LP Canção do Amor Demais, é considerado crucial para a inauguración deste movemento, xurdido en 1957. O antolóxico LP traía aínda, tamén da autoría de Vinícius de Moraes e Tom Jobim, Chega de saudade, Luciana, Estrada branca, Outra vez. A melodía de fondo foi composta coa participación dun mozo baiano que tocaba o seu violón de maneira orixinal, inédita: o mozo João Gilberto.
Samba Reggae
[editar | editar a fonte]É un estilo de samba que se orixinou en Baía no ano 2000. Na década de 1980 había manifestacións culturais de batidas latinas mesturadas con axé music e melodías parecidas con reggae, porén iso non foi suficiente para definir o estilo. Cara ao 2000, grupos como Gera Samba e Cidade Negra, alén da famosa cantora Daniela Mercury, rescataron estas manifestacións. Neste momento xurdiu a Samba Reggae que, á súa vez, evolucionou introducindo instrumentos comúns en músicas de orixe latina e instrumentos de samba como pandeiro e tambor, alén de guitarra ou viola electrónica no lugar do cavaquiño. A Samba Reggae é unha samba esencialmente praiana, que narra as situacións da vida dos seus autores (xeralmente negros) como personaxes de praia.
Artistas e grupos famosos: Gera Samba, Cidade Negra, Margareth Menezes, Daniela Mercury, Armandinho, Inimigos da HP.
Outras variantes
[editar | editar a fonte]- Samba de roda é unha danza ritual preservada nalgunhas cidades baianas.
- Samba rock un estilo musical con fortes influencias do funk e soul.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Samba |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- História da Bossa Nova[Ligazón morta] Unha variación da samba (samba-jazz) (en portugués)
- Material de consulta Academia do Samba (en portugués)