Portal:Música clásica
Artigo destacado
A Sinfonía n.º 8 en mi bemol maior de Gustav Mahler, coñecida co sobrenome de der Tausend (dos mil), é unha das obras corais de maior escala do repertorio orquestral clásico. Debido a que require unha enorme cantidade de instrumentistas e coristas, é denominada frecuentemente "Sinfonía dos mil", aínda que a obra adoita interpretarse con menos de mil intérpretes e o propio Mahler non aprobou dito sobrenome. A obra foi composta nun único período de inspiración no verán de 1906. Foi a última obra que Mahler estreou en vida e acadou un grande éxito de crítica e público cando o compositor a dirixiu na súa estrea absoluta na cidade bavaresa de Múnic (Alemaña), o 12 de setembro de 1910.
A fusión da canción e a sinfonía fora unha característica das primeiras obras de Mahler. No seu período compositivo "medio" a partir de 1901, un cambio de rumbo levouno a compoñer tres sinfonías puramente instrumentais. A Oitava, que marca o final do período "medio", volta a unha combinación de orquestra e voz nun contexto sinfónico. A estrutura da obra non é convencional; en lugar de seguir a estrutura normal en varios movementos, a obra divídese en dúas partes. Mahler estaba convencido dende o principio da importancia da obra, ao renunciar ao pesimismo que marcara gran parte da súa música, ofreceu a Oitava como unha expresión de confianza no eterno espírito humano. No período que seguiu á morte do compositor, as interpretacións foron relativamente pouco comúns. Porén, dende a metade do século XX en diante, a sinfonía ten sido programada con regularidade nas salas de concertos de todo o mundo, e gravouse en numerosas ocasións. Imaxe destacada
Este mes
Categorías
Biografía destacada
Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña. Na cidade herculina Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906. En 1908 trasladouse coa súa familia á cidade de Niza, onde residiu ata a súa morte.
A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano. Ademais de destacar a súa produción musical, Eugenia Osterberger participou en diversas iniciativas de dignificación da cultura galega. Canto menos durante os anos que residiu na Coruña cómpre salientar tamén a súa actividade pedagóxica, contándose entre as súas alumnas Pilar Castillo, quen logo sería unha pianista recoñecida internacionalmente e que posiblemente ocupou a cátedra de piano en Madrid. Cita destacada
Son destacado
Sabías que...
Proxectos relacionados
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|