Países Baixos borgoñóns
Localización | |||
---|---|---|---|
Capital | Coop of Brussels (en) | ||
Poboación | |||
Relixión | Igrexa católica | ||
Datos históricos | |||
Creación | 1384 | ||
Disolución | 1482 | ||
Sucedido por | Países Baixos dos Habsburgo (pt) | ||
Países Baixos borgoñóns é un termo que describe a antiga entidade xeopolítica que abarcaba os territorios da rexión do Países Baixos que foron incorporándose ao dominio dos duques de Borgoña.
Parte destes territorios foron herdados polos duques de Borgoña, unha rama da Dinastía dos Valois, en 1384, tras a morte de Luís de Mâle, conde de Flandres.
A historia dos Países Baixos borgoñóns abarca un período de case un século, entre o ano 1384, cando a herdeira do derradeiro conde de Flandres casa con Filipe o Temerario, fillo máis novo do rei Xoán II de Francia, e o ano 1477, en que morre sen descendencia masculina o último duque efectivo de Borgoña, Carlos o Temerario, feito que aproveita o rei Lois XI de Francia para incorporar o ducado e outros feudos que ambicionaba á Coroa de Francia
Historia
[editar | editar a fonte]A herdeira do último conde de Flandres, Margarita III de Flandres casara con Filipe o Temerario (1342–1404), fillo máis novo de Xoán II de Francia e o primeiro Valois que foi duque de Borgoña, que herdou así os condados de Flandres, Artois, Rethel, Borgoña e Nevers. Xuntos deron paso á era de goberno borgoñón dos Países Baixos.
Os territorios borgoñóns víronse expandidos co condado de Namur en 1421, os ducados de Brabante e Limburgo en 1439, os condados de Hainaut, Holanda e Zelandia en 1432, o ducado de ducado de Luxemburgo en 1441 e o ducado de Güeldres en 1437.
Desde 1441, o duque Filipe o Bo estableceu a súa Corte en Bruxelas, pero Bruxas era o principal centro comercial, até que na década de 1480 a inevitábel obstrución do seu porto puxo fin á súa hexemonía comercial. Filipe auspiciou a creación de manuscritos ilustrados, e a pintura da corte alcanzou grande altura con Robert Campin, Jan van Eyck e Rogier van der Weyden.
O período borgoñón terminou en 1477, cando Carlos o Temerario morreu no campo de batalla sen deixar herdeiro varón. O rei Lois XI de Francia aproveitou a conxuntura desta morte inesperada, apoderándose do ducado de Borgoña, que anexionou ao dominio real, en base a que as apanages se regulamentaran de forma que ao esgotarse a descendencia masculina debían incorporarse á Coroa, ademais dos condados de Borgoña, Artois e Picardía, á súa afillada e herdeira de Carlos, a duquesa María de Borgoña.
Desta forma, a duquesa tivo que aceptar a restitución dos privilexios suprimidos nos Países Baixos polo Gran Privilexio en febreiro de 1477, o que destruía o labor centralizador dos duques anteriores, Filipe o Bo e Carlos o Temerario. Para contrarrestar a ofensiva francesa, María casou en agosto de 1477 co arquiduque de Austria e futuro emperador Maximiliano I, da Casa de Habsburgo, vinculación que duraría tres séculos. En 1482 morreu a duquesa María, extinguíndose así a rama Valois-borgoñoa.
Soberanos borgoñóns da dinastía Valois
[editar | editar a fonte]Os duques borgoñóns da dinastía Valois, que gobernaron diversos territorios nos Países Baixos, foron:
- Filipe II de Borgoña e a súa muller Margarita III de Flandres (1384–1405)
- Xoán I de Borgoña chamado Xoán sen Medo (1405–1419)
- Filipe o Bo (1419–1467)
- Carlos o Temerario (1467–1477)
- María de Borgoña (1477–1482). Duquesa titular de Borgoña.
Política
[editar | editar a fonte]A ampla variedade de bispados e cidades independentes, de sistemas de impostos, pesos e medidas, os diferentes costumes internos e os dereitos locais, firmemente defendidos, foron un estorbo para o goberno dos Valois, e os intentos de fortalecer o control ducal encontráronse con revoltas, apoiadas en ocasións polos nobres locais, que desembocaban en represións violentas.
Pero pouco a pouco conseguiuse un goberno central cada vez máis moderno e centralizado que permitiu que os duques pasaran a seren mecenas recoñecidos e a estableceren unha luxosa vida cortesá que ditou as normas de conduta nas Cortes europeas dos séculos seguintes.
Filipe o Bo ampliou polo sueste o territorio baixo o seu control ao conseguir o goberno de Bruxelas, Namur e Liexa. Canalizou a independencia natural das cidades mediante mecanismos como os Estados Xerais, e consolidou a economía da rexión.
Os Estados Xerais reuníronse por primeira vez en Bruxas o 9 de xaneiro de 1464. Estaban formados por delegados dos estados de Brabante, Flandres, Lille, Douai, Orchies, Artois, Hainaut, Holanda, Zelandia, Namur, Malinas e o Boulonnais. Atñe entón o duque só mantiña lazos con cada Estado provincial por separado. En principio, os Estados estaban compostos por representantes dos tres estamentos tradicionais: o clero, a nobreza e o terceiro estado, pero a composición exacta e a influencia de cada estado nos Estados provinciais podía diferir. A convocatoria dos Estados Xerais nos que todos os Estados provinciais estiveran representados foi parte da política de centralización de Filipe o Bo.
Porén, non foi até 1549, cando o emperador Carlos V, duque titular de Borgoña, pero non efectivo, neto de María de Borgoña e Maximiliano I, estableceu na Pragmática Sanción que os territorios dos Países Baixos formarían unha entidade territorial indivisible.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Metropolitan Museum: "Burgundian Netherlands: Court Life and Patronage" (en inglés).
- Metropolitan Museum: "Burgundian Netherlands: Private Life" (en inglés).