Saltar ao contido

Megalitismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Megalítico»)
Dolmen de Axeitos

O megalitismo é un período da prehistoria caracterizado pola construción de monumentos e arquitecturas a base de grandes pedras sen labrar chamados megálitos. Estes monumentos inclúen os dolmens ou antas e os menhires ou pedrafitas (pedras fincadas soas, aliñadas ou en círculo).

Historia e características

[editar | editar a fonte]

O megalitismo é un fenómeno amplamente estendido que aparece a mediados ou finais do Neolítico e conclúe, igual ca este, co descubrimento dos metais e a aparición da Idade de Bronce. Vai, polo tanto, do VI milenio antes de Cristo até finais do III milenio. A aparición da agricultura no Neolítico, propiciou a sedentarización das poboacións, que á súa vez comportou unha vinculación maior co territorio que habitaban e traballaban. As mámoas cumprían, ademais dunha finalidade funeraria, a función de delimitadoras dos espazos das comunidades humanas.

A cantidade de traballo que debía requirir a erección dun monumento megalítico parece indicar a existencia de estruturas sociais incipientemente complexas e desiguais. Dos construtores de megálitos non chegaron a nós máis ca estes grandes monumentos e non fican testemuños das súas actividades cotiás nin das súas moradas; suponse que habitaban covas e abeiros ao ar libre. Sábese, polo tanto, máis da súa morte que da súa vida.

O termo megalitismo aplícase propiamente ás arquitecturas de grandes laxes. Para o conxunto, utilízase o concepto de fenómeno tumulario.

Na tradición popular as pedrafitas son consideradas como xigantes petrificados e, en Galiza, as mámoas relaciónanse con tesouros gardados por mouros.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]