Manuel Azaña
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2017.) |
Manuel Azaña Díaz, nado en Alcalá de Henares (Madrid), o 10 de xaneiro de 1880 e finado en Montauban (Francia) o 3 de novembro de 1940, foi un político e escritor español, segundo presidente da Segunda República Española (1936-1939). Foi un dos políticos e oradores máis importantes da política española do século XX, ademais de ser un consolidado escritor (acadou o Premio Nacional de Literatura en 1926 por Vida de Juan Valera). As súas memorias son un documento moi importante para coñecer a sociedade da época.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha familia de clase media-alta, seu pai Esteban Azaña Catarineu, home de negocios e propietario, foi alcalde da súa cidade natal e seu avó paterno fora un líder liberal progresista local. Orfo dende moi neno, en 1889 morreu súa nai (Josefina Díaz Gallo-Muguruza) e en 1890 seu pai, estudou desde os trece anos no Mosteiro do Escorial cos freires agostiños. Estudou dereito na Universidade de Zaragoza, e doutorouse na Universidade Central de Madrid coa tese titulada La responsabilidad de las multitudes, máis tarde opositou con éxito, sendo o número dous da súa promoción, a letrado da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado. Pasou o curso 1911-1912 estudando na Sorbona de París grazas a unha bolsa de estudos da Xunta de Ampliación de Estudos.
Vida política
[editar | editar a fonte]En 1914 afíliase ao Partido Reformista, liderado por Melquíades Álvarez, sendo elixido nese ano secretario do Ateneo de Madrid. Presentouse a Deputado as Cortes polo partido xudicial toledano de Puente del Arzobispo, presentouse dúas veces e en ningunha das dúas logrou o escano. Durante a primeira guerra mundial visitou as frontes italiana e austríaca e fixo campaña a favor dos aliados. Nesa época colabora con El Sol e El Imparcial e fundou xunto a José Ortega y Gasset a Liga de Educación Política.
En 1920 funda a revista La pluma, e en 1920 pasa a dirixir o semanario España.
Moi crítico coa ditadura de Primo de Rivera, publica en 1924 un forte manifesto contra o ditador e o rei Afonso XIII, fundando ao ano seguinte o partido Acción Republicana. En 1926 obtivo o Premio Nacional de Literatura por Vida de don Juan Valera.
En 1930 participa no Pacto de San Sebastián, de onde aparecería a futura república, que xurdiría tras as eleccións municipais do 12 de abril de 1931, polo que condena ao exilio ao rei Afonso XIII.
Etapa no goberno
[editar | editar a fonte]Nomeado Ministro da Guerra no goberno provisional da xa formada Segunda República, o 14 de abril substitúe a Niceto Alcalá-Zamora como presidente do goberno provisional (outubro do mesmo 1931), debido á dimisión de Alcalá-Zamora por cuestións de tema relixioso.
Como presidente do goberno de coalición republicano-socialista leva a cabo as principais reformas programadas no proxecto republicano: Reforma do exército, Reforma Agraria, Reforma da Ensinanza etc. Tivo tamén oportunidade de publicar o seu drama La Corona. Todas estas cuestións políticas, conxuntamente coa tensión social que existía en gran parte do país, tráenlle consigo moitos problemas, sobre todo co exército e coa Igrexa. Finalmente os Sucesos de Casas Viejas, Castilblanco e Ernedo motivaron o seu cesamento por parte do presidente da República Niceto Alcalá-Zamora.
Goberno da CEDA
[editar | editar a fonte]O 19 de novembro de 1933, triunfa nas eleccións a coalición formada polo Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux e a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) de José María Gil-Robles, o que trae por consecuencia a retirada da política de Azaña durante a duración deste goberno de coalición. Nesta época volve a súa faceta de escritor e editor. Neste ano escribe os libros: Una política e En el poder y en la oposición.
Tras este distanciamento coa política, funda en 1934 o partido Izquierda Republicana, xurdido da unión de Acción Republicana co Radical-Socialista, liderado por Marcelino Domingo e a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) liderada por Santiago Casares Quiroga.
En 1934 teñen lugar en Asturias e Barcelona distintos sucesos revolucionarios. Azaña, acusado de ser o ideador destes sucesos é encarcerado no destrutor Sánchez Barcáiztegui, situado no porto de Barcelona, pero máis tarde, o xuíz Salvador Alarcón o absolveu dos cargos deixándoo en liberdade.
Etapa de presidente
[editar | editar a fonte]O 16 de febreiro de 1936, gaña as eleccións a coalición de partidos de esquerda que se denominou Frente Popular, sendo encargado Azaña de formar novo goberno. Tras a destitución de Alcalá-Zamora, é nomeado presidente da República o 10 de maio de 1936.
O comezo da guerra civil, e tras inútiles intentos por convencer as forzas republicanas dos perigos da desunión, suponlle un duro golpe moral. O 18 de xullo de 1938, pronunciou un soado discurso ante as Cortes reunidas en Valencia, baixo o lema "Paz, Piedad, Perdón".
Tomada Barcelona polas tropas de Franco o 26 de xaneiro de 1939 e Xirona o 5 de febreiro dese mesmo ano, retirase a Francia, e alí, o 27 de febreiro presenta a súa dimisión como presidente da República, sendo substituído por Diego Martínez Barrio.
Exilio
[editar | editar a fonte]Refuxiado en Rosellón, con media Francia ocupada polo exército alemán, é vixiado polos axentes do réxime de Franco, que o pretenden prender e devolvelo a España. Finalmente deciden detelo. Porén, o embaixador de México, Luis Rodríguez, perante o réxime de Vichy, consegue liberalo e trasladalo ao Hôtel du Midi, en Montauban, onde varios refuxiados españois se refuxian, e alí, nese mesmo hotel, avellentado e esgotado, morreu na habitación 11 o 4 de novembro de 1940.
O mariscal Pétain prohibiu que fose soterrado con honores de Xefe de Estado, soamente accedeu a que o seu féretro fose cuberto coa bandeira española, coa condición de que fose a bicolor do lado nacionalista, pero de ningún modo a da República. O embaixador de México decidiu que fose soterrado coa bandeira mexicana. Segundo conta nas súas memorias, o embaixador díxolle ao mariscal francés:
"Lo cubrirá con orgullo la bandera de México- Para nosotros será un privilegio; para los republicanos, una esperanza, y para ustedes, una dolorosa lección".
"Cubrirao con orgullo a bandeira de México- Para nós será un privilexio; para os republicanos, unha esperanza, e para vostedes, unha dolorosa lección".
Obra
[editar | editar a fonte]- Azaña, Manuel (1997). Diarios, 1932-1933. Los cuadernos robados. Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-868-4.
Predecesor: Niceto Alcalá-Zamora |
Segunda República Española Presidente da República Española 1936-1939 |
Sucesor: Ninguén (Ditadura de Francisco Franco) |
Predecesor: El mesmo como Presidente do Goberno Provisional |
Presidente do Consello de Ministros de España 1931-1933 |
Sucesor: Alejandro Lerroux García |
Predecesor: Manuel Portela Valladares |
Presidente do Consello de Ministros de España 1936 |
Sucesor: Augusto Barcia Trelles |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Manuel Azaña |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez, V. (2004). "Manuel Azaña e Eduardo Blanco Amor. Epistolario inédito (1935-1944)". Grial (163): 57–73.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Asociación Manuel Azaña en Francia (en francés)
- Presidentes de España
- Deputados nas Cortes da II República
- Personalidades da guerra civil española
- Ministros da Segunda República Española
- Exiliados do franquismo
- Escritores en lingua castelá
- Escritores da Comunidade de Madrid
- Nados en 1880
- Nados en Alcalá de Henares
- Finados en 1940
- Nacionalistas españois
- Alumnos da Universidade de Zaragoza
- Alumnos da Universidade Central de Madrid
- Políticos de Acción Republicana
- Políticos de Izquierda Republicana
- Políticos do Partido Reformista