Ixión (mitoloxía)
Biografía | |
---|---|
Rei dos lapitas | |
Familia | |
Cónxuxe | Clia |
Parella | Nephele |
Fillos | Abas () Centaurus () Nephele Pirítoo () Clia Tisadia () Clia |
Pai | Aeton Antion Ares Flégias Leonteu |
Descrito pola fonte | Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Na mitoloxía grega, Ixión foi un lápita rei de Tesalia. Considérase, habitualmente, fillo de Flexias e Perimele (filla de Amitaón). Outros autores fano fillo de Leonteo [1], Aetón, Antión ou do deus Ares. A súa irmá foi Corónide, amada por Apolo e nai de Asclepio.
Un fillo de Ixión foi Pirítoo, amigo do heroe Teseo e na cuxa voda tivo lugar a guerra entre lápitas e centauros; outros autores din que Pirítoo era fillo de Zeus.
Sacrilexios de Ixión
[editar | editar a fonte]Casou con Día, filla do rei Deioneo. Cando lle pediu a este a man de Día prometeulle grandes regalos, polo que Deioneo aceptou. Pero logo Ixión negouse a cumprir as súas promesas cando, xa casado, o sogro esixiulle os presentes prometidos. Ante esta negativa, Deioneo colleulle en prenda as súas eguas, o que encolerizou sobremaneira a Ixión. Este invitou ó sogro a unha festa en Larisa, prometendo entregarlle o pago acordado pero en lugar de facelo púxolle unha trampa á entrada no palacio e botouno nun foxo cheo de carbóns acesos.
Deste xeito, Ixión cometeu un pecado de perxurio e un asasinato agravado polo feito de ser a vítima un membro da súa familia. Isto provocou o rexeitamento dos outros reis, que se negaron a purificalo [2], o que obrigou a Ixión a vivir agochado, abandonado e aborrecido por todos. Perseguido polas Erinias, volveuse tolo.
Nesta situación, implorou a Zeus o seu perdón e o deus apiadouse e perdoouno, purificándoo, porque sabía que ata os mesmos deuses cometían loucuras por amor. A maiores, Zeus invitouno ós banquetes dos deuses, onde lle deu a beber néctar e a comer ambrosía, o alimento dos deuses que concedía a inmortalidade.
Pero Ixión foi un ingrato e intentou seducir a Hera, a esposa de Zeus. Para uns, foi esta, indignada, a que lle contou a Zeus as intencións de Ixión; para outros, Hera estaba disposta a compracer a Ixión como vinganza contra as infidelidades de Zeus, pero este terminou sabendo o que tramaba Ixión. En calquera caso, Zeus quixo saber se era certo que Ixión buscaba seducir a Hera e creou unha nube coa forma de Hera, chamouna Néfele [3] e fíxoa aparecer diante de Ixión; outras fontes din que foi Hera quen, para zafarse del, interpuxo unha nube coa súa figura. En todo caso, Ixión uniuse á nube sen decatarse do engano e enxendrou un fillo, Centauro, o pai da raza dos centauros [4].
"Cóntase que Ixión se namorara de Hera e intentaba forzala. Á denuncia de Hera, Zeus, que quería saber se era certo, deu a unha nube a imaxe de Hera e deitouna xunto a el. E como facía alarde de haberse unido a Hera, amarrouno a unha roda e este é o seu castigo: ser levado por ela no aire a través dos ventos. A nube, fecundada por Ixión, deu a luz a Centauro".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica Epítome I, 20)
Castigo
[editar | editar a fonte]Nesta ocasión, Zeus decidiu un castigo exemplar para Ixión. Atado por Hermes [5] (ou por Hefesto), con serpes, a unha roda que xiraba continuamente, Zeus lanzouno polos aires [6], ou ben botouno ó Tártaro [7]. O castigo durará eternamente porque, ó haber comido a ambrosía dos deuses, Ixión acadara a inmortalidade. Tan só puido descansar do seu tormento cando Orfeo baixou ós infernos para rescatar á súa esposa Eurídice, pois a roda deixou de xirar ante o seu marabilloso canto.
Nunha versión do mito, Zeus limitaríase a desterrar a Ixión, pensando que probar o néctar e a ambrosía o volvera louco, pero logo comprobou que se vangloriaba de haber seducido a Hera. Foi entón cando o matou cos seus raios (a única forma de morrer que tiñan os inmortais) e botouno ó Tártaro.
"Ixión, fillo de Leonteo, intentou violar a Xuno. Por orde de Xúpiter, ela puxo no lugar dela unha nube e Ixión creu que era a imaxe de Xuno. Desa unión naceron os centauros. Á súa vez, Mercurio, por orde de Xúpiter, encadeou a Ixión nos infernos a unha roda que, segundo din, aínda segue dando voltas alí".(Hixino: Fábulas 62)
Iconografía
[editar | editar a fonte]O mito de Ixión aparece na literatura grega a partir do século VI a.C.. A tortura da roda en lapas reflíctese en vasos cara ao 500 a.C. Ata a época helenística dicíase que Zeus o lanzara polos aires, pero a partir de entón se localiza nos infernos, e así aparece en pinturas no século II d.C. e en sarcófagos romanos.
A publicación das Metamorfoses de Ovidio durante o Renacemento consolida esta segunda versión e así se representará na arte das idades Moderna e Contemporánea.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hixino:Fábulas 62.
- ↑ Na relixión grega cumpría un estado de pureza, tanto física como espiritual, para poder facer sacrificios ós deuses ou intervir en calquera cerimonia relixiosa, e aplicábase tanto a persoas individualmente como a pobos, como colectividade. Os ritos de purificación (ou Catarse) eran diversos: ablucións á entrada nos templos, sacrificios tras unha morte dentro da casa, ou escravitude temporal en casos graves como asasinato.
- ↑ Tras este episodio de Ixión, Néfele vagaba desconsoladamente polo Olimpo, ata que Hera a casou con Atamante (irmán de Sísifo), con quen tivo tres fillos (Graves, px. 249).
- ↑ Outros autores din que enxendrou ós propios centauros, pero parece haber acordo en que foi Centauro quen, cando chegou á idade adulta, uniuse ás eguas da rexión tesalia de Magnesia e enxendrou os diferentes centauros.
- ↑ Graves engade que, previamente, Hermes azoutouno sen piedade obrigándoo a dicir que "Os benfeitores merecen ser honrados" (Graves, px. 230).
- ↑ "Ixión dá voltas perseguíndose e fuxindo de si mesmo" (Ovidio: Metamorfosis IV, 461).
- ↑ Xunto ós outros grandes condenados, como Sísifo, Ticio ou Tántalo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ixión |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elvira Barba, Miguel Ángel (2017). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464. (en castelán)
- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- María Gema González Ruz, Paradigmas de ingratitud. Ixión y Tántalo en las literaturas griega y latina, tese doutoral, Madrid: Universidad Complutense (2013) (en castelán).
- Greek Mythology (en inglés)
- Proxecto Perseus (en inglés)