Hesiquio de Alexandría
Nome orixinal | (grc) Ἡσύχιος ὁ Ἀλεξανδρεύς |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. século V Alexandría, Exipto |
Morte | c. século V |
Actividade | |
Ocupación | lexicógrafo, escritor, lingüista, gramático |
Período de actividade | (Con vida en: século V ) |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron The Nuttall Encyclopædia >>>:Hesychius |
Hesiquio de Alexandría (en grego: ῾Ησύχιος ὁ Ἀλεξανδρεύς, transl. Hēsýkhios ho Aleksandréus, en latín Hesychius Alexandrinus) foi un gramático e lexicógrafo alexandrino (probabelmente do século V) que recompilou o mellor dicionario de palabras gregas infrecuentes e escuras que se conservou até os nosos días, nun único manuscrito do século XV.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Non se coñece nada da súa vida, e sabemos o seu nome só pola dedicatoria epistolar da súa obra, titulada Συναγωγή Πασών Λέξεων κατά Στοιχείον (que podemos traducir como Colección alfabética de todas as palabras), ou Léxico (grego antigo Γλῶσσαι, transl. Glỗssai): "de parte de Hesiquio de Alexandría, gramático, para o seu amigo Euloxio".
A obra inclúe aproximadamente 15.000 entradas, unha copiosa lista de palabras, formas e frases peculiares, cunha explicación do seu significado, e moitas veces cunha referencia ao autor que as usou ou á zona de Grecia onde foron correntes, e sobre asuntos variados, desde Homero até cómicos, tráxicos, poetas, oradores e tamén médicos e historiadores.
Polo tanto, o libro é de gran valor para os estudosos dos dialectos gregos, especialmente na restauración dos textos de autores clásicos en xeral, e especialmente de escritores tales como Esquilo e Teócrito, que usaban moitas palabras infrecuentes.
Hesiquio non é só importante para a filoloxía grega senón tamén para o estudo de linguas mortas (como o tracio e o lingua macedonia antiga) e a reconstrución do protoindoeuropeo.
As explicacións de Hesiquio para moitos epítetos e frases revelan tamén moitos datos importantes sobre a relixión e a vida social dos homes da Antigüidade.
Na carta preliminar de Hesiquio a Euloxio menciona que o seu Léxico está baseado no de Dioxeniano (á súa vez extraído dunha obra anterior de Pánfilo), pero que tamén usara obras parecidas de Aristarco de Samotracia, Apión, Heliodoro e outros.
Hesiquio foi probabelmente un xudeu e non un pagán, xa que o chamaron tamén o Hebreo. Algunhas explicacións de palabras de Gregorio Nacianceno (329 – 389) e outros escritores cristiáns (glossae sacrae) son interpolacións posteriores.
O dicionario sobrevive nun manuscrito do século XV moi deteriorado, que se conserva na biblioteca de San Marco en Venecia (Marc. Gr. 222, século XV). A mellor edición é a de Moriz Wilhelm Constantin Schmidt (1858 - 1868), pero non se publicou ningunha edición comparada completa do manuscrito desde que o imprimiu por primeira vez Marco Musuro (na imprenta de Aldo Manuzio) en Venecia, 1514 (reimpreso en 1520 e 1521, con revisións).
Baixo o auspicio da Academia Danesa de Copenhaguen publicouse unha edición moderna intermitentemente desde 1953, comezada por Kurt Latte (vol. 1, publicado en 1953, vol. 2, publicación póstuma en 1966) e completada por Peter Allan Hansen e Ian C. Cunningham (vol. 3, 2005, vol. 4, 2009).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Hesiquio de Alexandría |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Catholic Encyclopedia, 1910.
- Eleanor Dickey, Ancient Greek Scholarship (Oxford 2007) 88-90.
- Harry Thurston Peck, Harpers Dictionary of Classical Antiquities, 1898.