Etiquetaxe dos alimentos
Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría. |
Enténdese por etiqueta calquera marca, rótulo, lenda, debuxo ou signo que se imprime, grava ou marca, e que se adhire ou une a un produto alimenticio ou ó seu envase ou embalaxe, para identifica-la súa orixe e características.
En alimentación, inclúe calquera mención (sexa texto, marcas, debuxos, fotografías, símbolos etc.) que acompañe ou se refira a un produto alimenticio, xa sexa en forma de etiqueta impresa ou gravada sobre o alimento ou sobre o seu envase, ou en forma de rótulo, faixa etc. relacionado con el.
En España, a etiquetaxe dos produtos alimenticios está regulada polo Regulamento europeo 1169/2011[1], que veu substituír a normativa nacional vixente ata entón[2]. Existen ademais numerosas normas legais, europeas e nacionais, que regulan especificamente a etiquetaxe de determinados alimentos.
Principios xerais da etiquetaxe
[editar | editar a fonte]O obxectivo último da etiquetaxe dos produtos alimenticios é o de garanti-los dereitos do consumidor a unha información exacta, completa e comprensible. Para conseguilo, a etiqueta deberá achegar toda a información que precise o consumidor para que este realice a súa elección con coñecemento de causa. A estes efectos, enténdese como consumidor a persoa que consome en último lugar un produto alimenticio, e que no empregará dito alimento como parte de ningunha operación ou actividade mercantil no sector da alimentación.
Ademais, a etiqueta debe proporcionar datos do fabricante e do produto que permitan que a Administración poida controla-las industrias alimentarias, os seus procesos e os alimentos que poñen no mercado, co obxectivo de salvagarda-lo dereito á protección da saúde dos consumidores.
A etiquetaxe non poderá inducir a erro ó consumidor sobre a natureza e características do produto que compra, e non poderá facelo nin co texto –co que a etiqueta diga ou omita- nin coas imaxes, forma na que se presenta o alimento, material de envasado ou incluso na presentación ou publicidade. Especialmente deberán evitarse:
- Mensaxes confusas sobre as características do produto alimenticio, é dicir, sobre a súa natureza, identidade, calidades, composición, cantidade, duración, orixe e modo de fabricación ou de obtención.
- Atribuírlle efectos ou propiedades que non posúa, estando especificamente prohibida calquera mención referente a propiedades medicinais, sexan preventivas, terapéuticas ou curativas de calquera enfermidade. Si que se permiten determinadas declaracións de propiedades saudables (do estilo de "reduce o colesterol" ou "contribúe ó funcionamento normal do sistema inmunitario") previa autorización expresa[3]. Igualmente, permítense determinadas mencións no caso das augas minerais naturais e os produtos alimenticios destinados a unha alimentación especial.
- Suxerir que o alimento posúe características particulares, cando tódolos produtos similares posúan as mesmas características. Por exemplo, non se podería etiquetar un envase de leite como sen glute porque ningún leite contén glute.
A etiquetaxe dos alimentos deberá achegar de forma clara, doada de entender e veraz o seguinte:
- Información sobre a identidade, composición, propiedades e outras características do alimento.
- Información sobre a protección da saúde dos consumidores e uso seguro dos alimentos.
- Posibles prexuízos a determinados grupos de consumidores.
- Duración, condicións de almacenamento e uso seguro.
- Efectos sobre a saúde, incluídos os riscos dun consumo prexudicial ou perigoso do alimento.
- Información sobre as características nutritivas do alimento.
Información que debe achegar a etiquetaxe
[editar | editar a fonte]Entendido no seu sentido máis amplo, tal como se dixo antes, a etiquetaxe dos produtos alimenticios deberá incluír obrigatoriamente a seguinte información[4]:
- A denominación de venda do produto, así como algunhas informacións obrigatorias que en determinados casos deben acompañar á denominación do produto (como se foi desconxelado, sometido a radiacións ionizantes, envasado en atmosfera protectora, se a envoltura dun embutido é comestible ou non, etc). A denominación do alimento non se pode substituír por unha marca comercial ou unha denominación protexida por propiedade intelectual[5].
- A lista de ingredientes, ordenados en orde decrecente do seu peso no produto final, incluídos os aditivos. Considérase ingrediente calquera substancia utilizada na fabricación dun alimento e que siga presente no produto acabado aínda que sexa en estado modificado; non son ingredientes aquelas substancias non incorporadas de forma intencionada como, por exemplo, os posibles contaminantes ou residuos.
- A cantidade de determinados ingredientes ou categorías de ingredientes, especialmente a presenza de produtos alérxenos (leite, certos cereais ou froitos secos, ovo, pescados, moluscos ou crustáceos, etc.). Ademais, estes ingredientes alerxénicos deberán identificarse con unha tipografía diferente ó resto da información (en maiúsculas, negra ou outra cor, subliñado etc). A normativa non obriga a indicar a porcentaxe dos ingredientes empregados excepto cando a denominación faga mención dun ingrediente concreto (por exemplo nunhas Croquetas de xamón) ou na etiquetaxe se destaque mediante palabras ou imaxes (por exemplo, se na bolsa dunhas patacas fritas aparece unha foto ou debuxo dunhas olivas).
- O grao alcohólico nas bebidas cunha gradación superior ó 1,2% en volume.
- A cantidade neta, no caso dos produtos envasados, expresada en unidades de peso (gramos ou quilogramos) ou volume (litros, centilitros, mililitros). En determinados casos indicarase en unidades, sempre que se poidan ver o contar desde o exterior (ovos, ostras, pan, presas de certas hortalizas).
- A data de caducidade ou a data de consumo preferente, segundo a vida útil do produto. Algúns produtos, como froitas e hortalizas frescas, bebidas dunha graduación de 10% ou máis, vinagres, sal ou azucre, non precisan indicar datas. A data de conxelación será obrigatoria na carne ou en produtos da pesca non transformados.
- As condicións especiais de conservación, cando sexan precisas para garantir as datas de consumo. Exemplos desta indicación son as mencións do tipo "conservar en frío entre 1ºC e 8ºC", que se indican na etiqueta dun iogur; "manter refrixerado despois da compra", nos ovos; ou "conservar en lugar fresco e seco", noutros casos.
- O modo de emprego, cando a súa indicación sexa precisa para facer un uso adecuado do produto alimenticio.
- Identificación da empresa responsable do alimento, mediante o nome, a razón social ou a denominación do fabricante, do envasador ou dun vendedor establecido dentro da Unión Europea e, en todo caso, o seu domicilio. O Número de Rexistro Sanitario, obrigatorio en tódolos produtos de orixe animal e nalgún caso concreto máis, facilita esa identificación pero non a substitúe.
- O número de lote, que identifica o conxunto de unidades de venda dun produto alimenticio fabricado o envasado en circunstancias practicamente idénticas. O fabricante determinará o sistema de loteado e a forma de indicalo (salvo casos particulares, como os moluscos bivalvos vivos) e, en calquera caso, o código empregado irá precedido da letra "L"[6].
- O país de orixe ou lugar de procedencia, en determinados casos. Isto non se aplicará no caso de que a denominación do fabricante inclúa un termo xeográfico, como acontece con Ameixas de Carril, leite La Asturiana, Vieira de Galicia, Gallega de Patatas, Cafés El Gallego e moitos outros casos. Tampouco constitúen indicación de orixe as denominacións xa xenéricas e habituais que comprendan termos xeográficos, como salchichas de Frankfurt, coles de Bruxelas, vinagre de Módena, ensaladilla rusa, etc. En Galicia está regulado o uso na etiquetaxe de mencións á orixe galega do alimento[7], mediante mencións do tipo Producido en Galicia, Producto gallego ou similares, só se poderá facer cando o alimento fora producido en Galicia e con materias primas principais de orixe galega, independentemente do que a lei estableza para produtos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.
- Información nutricional, é dicir, a cantidade de enerxía e de determinados nutrientes (graxas e ácidos graxos saturados, hidratos de carbono e azucres, fibra alimentaria, proteínas e sal) que achegue o alimento, expresada por 100 gramos ou 100 mililitros; opcionalmente, pode expresarse tamén por porción. Esta información nutricional era voluntaria ata o 2016, coa entrada en vixencia do Regulamento para este aspecto da etiquetaxe, que a fai obrigatoria en tódolos alimentos envasados salvo certas excepcións.
Ademais de todo o anterior, o fabricante poderá incluír na etiqueta calquera outra información adicional escrita, impresa ou gráfica, sempre que non estea en contradición coa información obrigatoria e coa súa forma de expresión. É o que se denomina etiquetaxe facultativa, entre a que destaca polo seu interese o semáforo nutricional, pero que pode incluír tamén receitas, consellos, promocións, distintos símbolos, publicidade sobre o impacto ambiental do produto etc.
O punto de venda deberá ter exposto sempre o prezo de venda ó público, unha información que, evidentemente, non figura na etiquetaxe do alimento. Este prezo deberá expresarse sempre referido á unidade de venda pero tamén se indicará o prezo resultante pos quilogramo ou litro, algo imprescindible para a decisión de compra do consumidor.
Presentación da información obrigatoria
[editar | editar a fonte]En tódolos casos, as indicacións obrigatorias deben ser facilmente comprensibles para o consumidor medio, para o cal estarán inscritas en lugar destacado de forma que sexan facilmente visibles, claramente lexibles e con caracteres indelebles. Estas indicacións obrigatorias non poderán ser disimuladas, tapadas ou separadas de ningún xeito por outros rótulos ou imaxes, algo que acontece moitas veces no reenvasado que se realiza nos puntos de venda ó adherir unha etiqueta co prezo do produto, etiqueta coa que se oculta a información fornecida polo fabricante.
A lexislación non establece a forma nin o tamaño das etiquetas dos alimentos pero si obriga a un tamaño mínimo dos caracteres empregados na etiqueta (letras ou números), que será de 1,2 mm como norma xeral e de 0,9 mm en envases de pequeno formato[8]; enténdese como envases de pequeno formato aqueles cuxa superficie máxima sexa inferior a 80 cm².
O fabricante e o seu departamento de publicidade gozan de liberdade á hora de escoller formatos, cores e tamaños[9], o que moitas veces aproveitan para destacar, directa ou subliminalmente, aqueles aspectos que máis lle interesan e relegar ó mínimo imprescindible os que lles poida prexudicar, como acontece coa indicación dos aditivos alimentarios que, aínda sendo legais, provocan moitas veces rexeitamento entre os consumidores.
As indicacións obrigatorias da etiquetaxe dos produtos alimenticios que se comercialicen en España expresaranse, como mínimo, en castelán. Esta esixencia non se aplica ós produtos tradicionais elaborados e distribuídos exclusivamente no ámbito dunha comunidade autónoma con lingua oficial propia.
A globalización no campo dos alimentos leva a que sexa frecuente utilizar simultaneamente diversos idiomas nas etiquetas. Pola contra, aínda resulta novedoso ver etiquetas escritas en galego, con honrosas excepcións.
A etiquetaxe no caso dos alimentos envasados
[editar | editar a fonte]Cando os produtos alimenticios se presenten envasados, as indicacións da información obrigatoria da etiquetaxe faranse constar impresas no envase ou nunha etiqueta unida ó mesmo. Se o alimento se vende a colectividades[10] ou establecementos alimentarios que o van transformar antes da entrega ó consumidor final, esta información poderá figurar só nos documentos comerciais que acompañen ó produto alimenticio. Aínda así, as mencións obrigatorias relativas á denominación de venda, o marcado das datas e a identificación da empresa figurarán tamén na embalaxe[11] exterior no que se comercialicen os devanditos produtos.
Cando a etiquetaxe se realice polos titulares do comercio retallista (é dicir, cando no punto de venda ó consumidor final se fracciona o alimento) deberá recolle-la mesma información citada anteriormente, a excepción do número de lote. Neste caso, a identificación da empresa referirase sempre ó envasador, como responsable da operación e da información subministrada ó consumidor.
Na venda a granel ou fraccionada no punto de venda debe conservarse a información do fabricante ata a fin da venda, para permitir en todo momento a correcta identificación do produto. Esta información deberá estar exposta ó consumidor para cumprir co principio de proporcionarlle a información necesaria para a súa escolla.
Para facilitar ó consumidor a lectura e comprensión dos datos fundamentais da etiqueta, es obrigatorio que figuren no mesmo campo visual[12] as indicacións relativas á:
- Denominación de venda.
- Cantidade neta.
- Grao alcohólico, no seu caso.
Ata a publicación do Rgto 1169/2011 tamén era obrigatorio incluír nun mesmo campo visual o marcado de datas.
A etiquetaxe no caso de alimentos non envasados
[editar | editar a fonte]A etiquetaxe dos produtos alimenticios que se presenten para a venda ó consumidor final sen envasar, así como os envasados nos puntos de venda, a petición do comprador, deberá achega-la seguinte información:
- A denominación de venda.
- A categoría de calidade, variedade e a orixe, cando así veña esixido pola norma de calidade correspondente (como pode verse na venda de froitas e verduras non envasadas).
- No caso da carne, a clase ou o tipo de canal de procedencia, así como a denominación comercial da peza de que se trate.
- No caso de produtos da pesca e acuicultura e nos moluscos, a denominación comercial, zona de captura ou cría, modo de produción e modo de presentación ou tratamento.
- A cuantificación de determinados ingredientes cando estes figuren na denominación de venda, cando se destaque a presenza de tales ingredientes mediante palabras ou imaxes ou cando sexa esencial para definir e distinguir un produto alimenticio dos outros similares cos que se poida confundir.
- O grao alcohólico nas bebidas cunha gradación superior a 1,2 %.
Toda esta información poderá constar escrita en etiquetas adheridas ó produto ou en carteis colocados no lugar de venda, sobre o produto ou próximos a el, de forma que quede clara a relación entre o cartel e o produto ó que se refira.
Casos particulares da etiquetaxe
[editar | editar a fonte]- Carne fresca e produtos cárnicos
- Moluscos e produtos da pesca ou da acuicultura frescos ou conxelados
- Leite e produtos lácteos
- Ovos
- Aceites e alimentos graxos
- Froitas, verduras e hortalizas
- Bebidas alcohólicas
- Alimentos funcionais e novos alimentos
- Produtos con denominación de orixe
- Alimentos irradiados
- Alimentos con OXM (organismo xeneticamente modificado)
- Alimentos que poidan conter produtos alérxenos
Observacións
[editar | editar a fonte]A pesar de que a lexislación sobre a etiquetaxe dos alimentos leva aplicándose hai xa moitos anos, aínda son moi frecuentes os casos nos que a etiqueta resulta incompleta, dificilmente lexible, confusa ou, simplemente, falta calquera identificación (algo que calquera pode comprobar nos eventos gastronómicos, nos mercados locais ou nas prazas de abastos).
Debe terse presente que calquera produto non identificado ou mal identificado ha de considerarse como un produto non seguro e, por conseguinte, non apto para o consumo. Ademais do risco sanitario que poida representar, é unha fraude ó dereito á información que debe esixir todo consumidor.
Fabricantes, distribuidores e inspección oficial son os responsables de que se cumpra a Norma de etiquetaxe, pero son os consumidores os que deben exercita-lo seu dereito de comprar un produto cando cumpra as súas esixencias ou de rexeitalo cando se lle negue a información á que ten dereito.
As cifras de consumidores que consultan a etiquetaxe dos alimentos que mercan varían moito en función da fonte consultada. Segundo enquisas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en 2020, o 70% dos consumidores confesaba ler sempre ou case sempre as etiquetas (porcentaxe que decrecía substancialmente segundo aumentaba a idade das persoas consultadas). Segundo o informe Consumolab (marzo 2015), do centro tecnolóxico AINIA, a porcentaxe dos consumidores que consultaban sempre ou case sempre as etiquetas era do 65% en 2015, cifra lixeiramente superior á que rexistraba o Ministerio de Agricultura en 2006, cando a porcentaxe era do 61,2% (La Alimentación en España, 2006).
O dato considerado máis relevante para o consumidor sempre foi o marcado de datas (o 83,7 en 2016) e o , seguido polas condicións de conservación e a lista de ingredientes. Canto á información nutricional, o estudo La Alimentación en España 2006 publicaba que era consultada por un 81% de consumidores, cifra algo superior ó 72% que a consultaba en 2016 (segundo Eroski. Consumer nº 204, xaneiro 2016), mentres que Marketingdirecto.com tan só recoñecía (en 2008) un 22% interesado na información nutricional.
Pero nestes mesmos estudos estatísticos cómpre destacar o feito de que un 60% recoñecía non poder ler ben a información da etiqueta por ser a letra moi pequena ou non contrastar coa cor do fondo (Consumolab, marzo 2015). O portal Eroski, Consumer.es publicaba o seu propio estudo en 2013, e constataba que só o 47,8% admite entender a información fornecida pola etiqueta, que predomina a percepción de que a etiquetaxe só destaca aqueles aspectos que lle interesan ó fabricante, e que o 75% confesa que esa información levoulle a erro máis dunha vez. Na mesma liña, a OCU recollía que a cuarta parte dos consumidores comprou algunha vez un produto pensando que se trataba doutra cousa (abril 2005).
No devandito estudo de Eroski. Consumer de 2016, un 57% dos consumidores consideraba que a etiquetaxe era pouco ou nada lexible, e un 52% pouco ou nada clara.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Regulamento (UE) 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello de 25 de outubro de 2011, sobre a información alimentaria facilitada ó consumidor (DOUE L 304, de 22.11.2011).
- ↑ Real Decreto 1334/1999, polo que se aproba a Norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios.
- ↑ Regulamento (CE) nº 1924/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de decembro de 2006, relativo ás declaracións nutricionais e de propiedades saudables nos alimentos (DOUE nº 404, de 30.12.2006).
- ↑ Cómpre ter presente que o Regulamento de información ó consumidor, como calquera outra lexislación, pode contemplar excepcións á norma xeral, de modo que determinados alimentos ou presentacións poden estar exentos de achegar determinada información. Así, o azucre ou o sal non precisan indicación de datas; ou as froitas e hortalizas frescas, non sometidas a ningún tratamento, non precisan indicar lista de ingredientes.
- ↑ Por exemplo, no Cola Cao, marca comercial, a denominación do produto será Preparado alimenticio de cacao; na Coca-Cola, a denominación será Bebida refrescante aromatizada.
- ↑ Real Decreto 1808/1991, de 13 de decembro, polo que se regulan as mencións ou marcas que permiten identifica-lo lote ó que pertence un produto alimenticio (BOE nº 308, de 25.12.1991).
- ↑ Decreto 124/2010, de 15 de xullo, polo que se regulan as mencións relativas á orixe ou procedencia galega na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentaicios (DOG nº 143, de 28.07.2010).
- ↑ Art. 13.2 do Rgto 1169/2011 e anexo IV.
- ↑ O Regulamento prevé regular aspectos relacionados coa lexibilidade das etiquetas, máis aló do tamaño da fonte, como pode ser o espazado entre letras ou entre liñas, o tipo de letra utilizada, a cor da impresión ou o contraste entre a tipografía e o fondo, pero ata agora non se lexislou nada ó respecto (xaneiro de 2024).
- ↑ A estes efectos, enténdese por colectividade calquera establecemento, como restaurantes, comedores escolares, hospitalarios o de empresa, que subministren comidas preparadas, e cuxa actividade empresarial sexa a preparación de alimentos listos para o seu consumo polo consumidor final.
- ↑ Enténdese por embalaxe o segundo recipiente no que se introducen varios envases (unidades de venda) e que adoita estar destinado a establecementos e non ó consumidor final. Enténdese por envase a unidade de venda formada polo recipiente e mais o seu contido, de forma que a cantidade de produto que conteña non poida modificarse sen abrir ou modificar o envase propiamente dito.
- ↑ Campo visual é aquela superficie do envase lexible desde un único punto de visión.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Etiquetaxe dos alimentos |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Consumer.es Eroski: El etiquetado correcto de los alimentos, 2003 [1] (en castelán)
- Dirección General de Salud y Consumidores da Comisión Europea: Saber lo que ponen las etiquetas [2](en castelán) [consultado o 11.02.2024]
- OCU.org: El etiquetado de los alimentos, 2012 [3] (en castelán)
- AESAN: "Declaracións nutricionais e de propiedades saudables" (15.06.2021) (en castelán) [consultado o 11.02.2024]
- Codex Alimentarius: "Norma general del CODEX para el etiquetado de los alimentos preenvasados" [4] (en castelán) [consultado o 11.02.2024]
- Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación: "El etiquetado de los alimentos interesa a los consumidores: 7 de cada 10 lo consultan siempre o casi siempre" (7.01.2020) [5] (en castelán) [consultado o 12.02.2024]