Dihidrotestosterona
A dihidrotestosterona (DHT)[2][3], tamén chamada 5α-dihidrotestosterona (5α-DHT) ou androstanolona (DCI), é un andróxeno, metabolito biolóxico activo da hormona esteroide testosterona. A DHT sintetízase principalmente na próstata, testículos, folículos pilosos e glándulas suprarrenais por acción do encima 5α-redutase. Este encima reduce o dobre enlace entre os carbonos 4 e 5 da hormona testosterona.
Efectos no desenvolvemento sexual
[editar | editar a fonte]Nos homes, aproximadamente o 5% da testosterona é sometida a unha redución-5α para formar un andróxeno máis potente, a dihidrotestosterona. A DHT ten unha afinidade polo receptor androxénico tres veces máis alta ca a testosterona e de 15-30 veces máis alta cós andróxenos suprarrenais.[4] Durante a embrioxénese, a DHT desempeña un papel esencial na formación dos xenitais externos masculinos, e no adulto actúa como o andróxeno principal na próstata e folículos pilosos.[5]
Un exemplo que ilusta a importancia da DHT para o desenvolvemento das características sexuais secundarias é a doenza conxénita deficiencia de 5-alfa-redutase. Esta doenza pode orixinar pseudohermafroditismo. Os individuos con esta condición presentan xeralmente tanto próstatas coma xenitais masculinos subdesenvolvidos. Estes individuos son usualmente criados como nenas debido á falta dun órgano xenital masculino visible. No inicio da puberdade, estes individuos teñen niveis de DHT moi baixos, pero os seus niveis de testosterona elévanse normalmente. A súa musculatura desenvólvese igual ca no resto dos adultos. Despois da puberdade, os homes con esta condición teñen unha grande deficiencia de pelo pubiano e corporal, e non teñen alopecia androxénica.[6][7]
A diferenza doutros andróxenos como a testosterona, a DHT non pode ser transformada en estradiol polo encima aromatase. Este feito pode utilizarse en investigación para distinguir entre os efectos da testosterona unida a un receptor de andróxenos e os causados pola testosterona transformada en estradiol e posteriormente unida aos receptores de estróxenos.[8]
Patoloxía
[editar | editar a fonte]No home, a DHT é o factor principal na aparición de alopecia androxénica.[9] Porén, a alopecia feminina é máis complexa, e a DHT é só unha das varias causas posibles.[10] Os niveis elevados de DHT na muller poden provocar o desenvolvemento de caracteres sexuais masculinos andróxinos, incluíndo un agravamento da voz ou a presenza de pilosidade facial. A DHT ten un papel no desenvolvemento e exacerbación da hiperplasia benigna de próstata, e tamén no cáncer prostático por medio do agrandamento desta glándula.[11] Porén, existen evidencias de que a DHT ten, paradoxalmente, efectos case nulos sobre o crecemento da próstata. Este descubrimento abriu o debate sobre o uso da DHT en vez da testosterona en terapias de substitución de andróxenos.[12] O crecemento e diferenciación prostáticos son altamente dependentes das hormonas sexuais, especialmente da DHT.[13] A DHT tamén participa no desenvolvemento dalgúns casos de acne.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Os inhibidores da 5α-redutase son principalmente utilizadas para o tratamento de dúas condicións, a alopecia androxénica e a hiperplasia benigna de próstata. Estes inclúen a finasterida, prescrita para ambas as condicións, e a dutasterida, prescrita principalmente para a hiperplasia benigna prostática. A dutasterida é tres veces máis potente ca a finasterida, e inhibe o encima de tipo II produtor de DHT e é 100 veces máis potente inhibindo o encima de tipo I.[14] Actualmente, a administración de DHT non é frecuente no tratamento contra a deficiencia de andróxenos.
Investigación recente
[editar | editar a fonte]Segundo os científicos da Escola de Medicina da Universidade de Boston, os fármacos do tipo inhibidores da 5α-redutase (5α-RIs) entre os que se encontran a finasterida (de nome comercial Propecia e Proscar) e a dutasterida poderían causar perda de libido, disfunción eréctil, disfunción exaculatoria e potencial depresión nalgúns homes.[15]
Metabolismo
[editar | editar a fonte]A DHT convértese en 3α-androstanodiol e 3β-androstanodiol.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ChEBI European Bioinformatics Institute
- ↑ PubChem compound Dihydrotestosterone
- ↑ "ChemSpider". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2012. Consultado o 13 de marzo de 2012.
- ↑ Principles of Orthomolecularism | Google books
- ↑ National Center for Biotechnology Information (NCBI) | The Effect of 5α-Reductase Inhibition With Dutasteride and Finasteride on Bone Mineral Density, Serum Lipoproteins, Hemoglobin, Prostate Specific Antigen and Sexual Function in Healthy Young Men
- ↑ "DHT | Is It All Bad? | Mesomorphosis.com". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2011. Consultado o 13 de marzo de 2012.
- ↑ https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1472916/
- ↑ "Dihydrotestosterone: a rationale for its use as a non-aromatizable androgen replacement therapeutic agent". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2009. Consultado o 13 de marzo de 2012.
- ↑ What Is DHT? What is its Role in Hair Loss? | Medical News TODAY
- ↑ "American Hair Loss Association | Women's Hair Loss / Causes of Hair Loss". Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2015. Consultado o 13 de marzo de 2012.
- ↑ "Prostate Enlargement (Benign Prostatic Hyperplasia". ehealthMD. Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2011. Consultado o 13 de marzo de 2012.
- ↑ Dihydrotestosterone: a rationale for its use as a non-aromatizable androgen replacement therapeutic agent.
- ↑ Prostate Size and Risk of High-Grade, Advanced Prostate Cancer and Biochemical Progression After Radical Prostatectomy: A Search Database Study | Journal of Clinical Oncology
- ↑ "Update on Dutasteride". IAHRS Hair Transplant & Hair Loss Info Center. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2009. Consultado o 13 de marzo de 2012.
- ↑ Estudio advierte que medicina contra la calvicie podría afectar salud sexual (en castelán)
- ↑ Fertil Steril. 1995 Oct;64(4):736-9. Metabolism of dihydrotestosterone to 5 alpha-androstane-3 alpha, 17 beta-diol glucuronide is greater in the peripheral compartment than in the splanchnic compartment. University of Southern California School of Medicine, Los Angeles, USA.