Saltar ao contido

Pandora (muller de Epimeteo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pandora abrindo a caixa (John Gibson)

Segundo a mitoloxía grega, Pandora (que significa doadora ou portadora de todo, chea de virtudes) foi a primeira muller,[1] creada por Hefesto e Atenea por mandado de Zeus coma castigo para a raza humana.

Prometeo, que xa creara o primeiro home de arxila, reveláralle o segredo do lume á humanidade e colleu o lume divino para llo entregar ós homes (ben do carro de Helios, ben da forxa de Hefesto), levándoo nunha cana oca.[2] Indignado, Zeus advertiu así a Prometeo:

"Grande mágoa ha de caer sobre ti e para os homes vindeiros. A estes, no canto do lume, dareilles un mal co que todos se divirtan no seu corazón ó acariña-lo mal".
(Hesíodo: Traballos e días 54-58)

Creación de Pandora

[editar | editar a fonte]

Encargoulle a Hefesto que moldeara con arxila unha figura de muller á imaxe das deusas, e o resto dos deuses olímpicos colaboraron na obra concedéndolle cadansúa calidade: Atenea vestiuna, as Grazas enxoiárona, as Horas cubrírona de flores, Afrodita deulle a súa beleza e así, a habilidade manual, a capacidade de persuasión etc. O último foi Hermes, que lle conferiu a mentira, a maldade, o carácter voluble e a falta de intelixencia. Para Hixino (Fábulas 142), foi creada por Vulcano (Hefesto) e Minerva (Atenea) doulle a vida, e despois os resto dos deuses concedeulle un don.

Rematada a figura, Zeus insufloulle vida e enviou a Pandora á terra como regalo dos deuses á humanidade. Pese a que Prometeo lle ordenara ao seu irmán Epimeteo que non aceptase ningún presente de Zeus, de quen non se fiaba, Epimeteo, engaiolado pola beleza de Pandora, non lle obedeceu e casou con ela.

"O famoso coxo [é dicir, Hefesto] modelou por decisión do Crónida [Zeus, fillo de Cronos] algo semellante a unha respetable doncela; adornouna cun vestido de destacada brancura a deusa Atenea; cubriuna cun veo, feito á man, admirable de ver; encantadoras coroas de fresca herba trenzada con flores colocoulle en torno á súa cabeza Palas Atenea; na súa cabeza cinguiu un diadema de ouro que fixo el mesmo, o famoso coxo, coas súas mans".
(Hesíodo: Teogonía 571-581)
"...O pai dos deuses e homes ordenou ó ilustre Hefesto mesturar o máis pronto posible a terra coa auga, infundir voz e forza humana e asemellar no seu rostro ás deusas inmortais, a unha fermosa e encantadora figura de doncela. Logo deu ordes a Atenea para que a ensinase as súas obras, a tecer a tea traballada con moita arte, e á dourada Afrodita para que vertese en torno á súa cabeza encanto, irresistible sensualidade e caricias devoradoras de membros, e a Hermes ordenoulle infundir nela cínica intelixencia e carácter voluble"
(Hesíodo: Traballos e días 58-69)

Hesíodo conta que Prometeo lograra capturar os males e encerralos nunha vasilla, máis propiamente unha xerra coñecida hoxe erroneamente como caixa de Pandora, cerrada para que nada escapara dela. Pero Pandora, chea de curiosidade por saber qué contiña a vasilla que o seu marido lle prohibira abrir, quitou a tapa e saíron todos os males para esparexerse pola Terra. Só quedou dentro a Esperanza, no fondo, pois Pandora conseguiu pechar a xerra, aínda que tarde. Outras fontes din que foi Pandora quen traía a ánfora e que a abriu en canto pisou a terra.

"Dela [de Pandora] procede a liñaxe das femininas mulleres, pois funesto é a liñaxe e a estirpe das mulleres. Gran desgraza para os mortais, cos homes habitan non como compañeiras da perniciosa pobreza, senón na abundancia".
(Hesíodo: Teogonía 571-581)

Existe tamén a tradición contraria: a vasilla traída por Pandora como regalo de Zeus en realidade tiña os bens e tratábase dun regalo de voda de Zeus para Epimeteo. Cando Pandora a abriu, escaparon todos para regresar ó Olimpo, excepto a esperanza.

En calquera caso, os homes quedaron con tódolos males e só conservaron o pobre consolo da esperanza. Por iso dicimos que "a esperanza é o último que se perde".

Pandora abrindo o seu cofre (Waterhouse, 1896)

Epimeteo e Pandora tiveron unha filla, Pirra, que casou con Deucalión, fillo de Prometeo. Ámbolos dous foron as únicas persoas que sobreviviron ao diluvio que Zeus mandou sobre a humanidade para destruír a raza de bronce[3], na versión grega do diluvio universal, e posteriormente volveron crear homes e mulleres para repoboar a terra.

Iconografía

[editar | editar a fonte]

O atributo característico de Pandora na arte é unha xerra ou, modernamente, unha caixa ou cofre. E os momentos representados son o da súa creación (ou nacemento) e o momento no que abre a caixa e escapan os males.

A figura de Pandora foi pouco tratada na iconografía antiga, e concéntrase case toda na Atenas do século V a. C., momento en que Sófocles publica a súa traxedia Pandora.

Pero rexurdirá con forza no Renacemento, quizais pola semellanza do mito de Pandora con Eva. Así, Cousin pinta Eva prima Pandora (1549), representando a Pandora recostada, case espida, xunto a dúas xerras e apoiada nunha caveira. A partir de entón numerosos pintores recollen a imaxe, desde Velázquez (Os deuses colman de regalos a Pandora) ó prerrafaelista Waterhouse.

  1. Segundo Hesíodo, a primeira muller á quen os deuses deron forma (Hesíodo: Teogonía I, 7, 2).
  2. Cómpre advertir que este relato presupón unha humanidade, á que axudou Prometeo, formada só por homes.
  3. Segundo Psdudo-Apolodoro (I, 7, 2), tamén se salvaron uns poucos que se refuxiaron nos cumios das montañas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • CARMONA MUELA, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr. 2018.
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].