Saltar ao contido

Escáncer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escáncer
Anguis fragilis

Escáncer macho no Couto, Narón
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Familia: Anguidae
Subfamilia: Anguinae
Xénero: Anguis
Especie: A. fragilis
Nome binomial
Anguis fragilis
Linnaeus, 1758

Exemplar adulto de escáncer[1].

O escáncer común,[2] ou liscanzo,[3] Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos,[4] unha das cinco integradas no xénero Anguis.[4]

Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra.

É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo.

Recibe o cualificativo de común[5] para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Pertence á suborde dos lacertilios (Sauria ou Lacertilia), que se divide en 16 familias, das que nos interesan catro:

  • Familia Lacertidae, que comprende os lagartos e lagartas típicos, comúns e fáciles de observar.
  • Familia Anguidae, que comprende, entre outras moitas especies, o escáncer.
  • Familia Scincidae, que comprende numerosos xéneros e especies, pero só dúas presentes na Península Ibérica, incluída Galicia: os esgonzos (Chalcides sp).
  • Familia Gekkonidae, da que só a osga está presente na península, con citas ocasionais en Galicia.

Familia Ánguidos

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Ánguidos.

A maior parte das especies desta familia caracterízanse pola ausencia de extremidades, tomando o aspecto de cobras de pequeno tamaño. Esta atrofia das patas constitúe un caso claro de converxencia evolutiva como a que, con diferentes órganos, tamén se dá noutros grupos zoolóxicos.

Os representantes desta familia están distribuídos por Europa, Asia, América e norte de África, e ausentes en Australia.

  • Subfamilia Anguinae: contén as especies máis coñecidas, cunha distribución máis ampla, encontrándose en toda Europa (mesmo nas rexións máis inhóspitas) e Asia.
    • Xénero Anguis, con dúas especies. Presente en Europa, Asia, o Cáucaso, Irán, Alxeria e Tunisia.
    • Xénero Ophisaurus, con 14 especies. Presente en Norte América, sueste de Asia, Taiwán, China, India e norte de África.
    • Xénero Pseudopus, cunha única especie. Presente no sueste e este de Europa, incluíndo o sur de Rusia, Ucraína, Medio Oriente e no Cáucaso.
  • Subfamilia Diploglossinae: está presente en América Central e algunhas zonas do Caribe, ata o sur da Arxentina.
    • Xénero Celestus, con 27 especies.
    • Xénero Diploglossus, con 18 especies.
    • Xénero Ophiodes, con 4 especies.
  • Subfamilia Gerrhonotinae: propia tamén de América, pero desde América Central ata Canadá.
    • Xénero Abronia, con 26 especies.
    • Xénero Barisia, con 3 especies.
    • Xénero Coloptychon, cunha especie.
    • Xénero Elgaria, con 7 especies.
    • Xénero Gerrhonotus, con 2 especies.
    • Xénero Mesaspis, con 6 especies.

Descríbense tres subespecies de Anguis fragilis, que se diferencian pola tonalidade da cor da pel e a disposición das escamas da cabeza:

  • A. fragilis fragilis: desde África ata os montes Cárpatos. É a variedade presente en España.
  • A. fragilis colchicus, ó leste de Europa. A presenza das manchas azuis nas costas, nos machos, é habitual.
  • A. fragilis peloponnessiacus, que só está presente no Peloponeso.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O escáncer común é un lacértido que carece totalmente de extremidades, de corpo cilíndrico e un tamaño de 20–30 cm, sen conta-lo rabo[6], o que lle dá unha lonxitude total de 50–60 cm. O rabo é longo, do mesmo tamaño que o corpo ou lixeiramente superior (mentres que nas cobras é sempre sensiblemente máis pequeno). Os machos adoitan ser menores cás femias.

Outra diferenza a destacar entre o escáncer e as cobras é a facilidade coa que se desprenden da cola en caso necesario (ante un traumatismo ou como mecanismo de defensa), cousa que nunca sucede nestas últimas. Por esta razón denomínase tamén serpe de vidro ou de cristal, sendo a rexeneración lenta e incompleta. Este fenómeno de poder desprenderse voluntariamente da cola chámase autotomía.

A cabeza é pequena e roma, cun pescozo pouco definido. As pálpebras son funcionais e non están soldadas, o que lles permite pecha-los ollos (outro trazo diferenciador respecto das cobras). A cor varía desde a gris ou ocre ata a castaña, coa parte inferior máis escura. A pel é ríxida pola presenza de osteodermos[7] baixo as escamas.

A pel é moi lisa ó tacto, con escamas moi pequenas, semellantes en forma e tamaño tanto no dorso como na superficie ventral (o que tamén serve para diferencialas das cobras, que teñen o ventre cuberto dunha única fila de escamas grandes). Os machos adoitan ter unha coloración uniforme, parda, ocre ou amarelada, con zonas irregulares de cor gris escura. En ocasións presentan algunhas manchas azuis nos lados, manchas que nunca posúen as femias. Estas mostran como signo característico unha banda dorsal ocre clara ou parda, percorrida por unha estreita liña vertebral negra; os costados e o ventre mostran cor marrón ou moura.

Os exemplares xuvenís presentan un dorso de cor ocre clara ou abrancazada, cunha fina liña vertebral negra ben patente. O ventre é negro brillante. Na imaxe lateral, dun exemplar xuvenil, nótese a liña vertebral negra e a perda do rabo.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Distribución do escáncer en España.

O escáncer gusta de lugares sombríos e húmidos, terras cubertas de vexetación abundante, pero de carácter herbáceo, arbustivo ou monte baixo, e tamén en zonas pedregosas umbrosas. Deste xeito, podémolo ver en prados, leiras cultivadas, beiras de camiños, sebes etc., agochándose baixo as pedras, troncos ou follas secas, así como nas galerías escavadas polos ratos de campo.

Está presente en toda Galicia (ata altitudes máximas de 1.600 metros), incluídas as illas Cíes, Ons, Sálvora, Sisargas e outras[8]. En España esténdese por todo o terzo norte peninsular, desde o norte de Portugal ata Cataluña, distribuíndose tamén por toda Europa e Asia, ata o Ártico.

Habitualmente saen dos seus refuxios ó amencer, no solpor ou durante as primeiras horas da noite.

É ovovivíparo (é dicir: pare crías vivas desenvolvidas a partir de ovos que permanecen no interior do corpo das femias). Paren entre 6 e 12 crías (con citas de ata 22 crías), entre agosto e setembro, que nacen xa cuns 10 cm de lonxitude. Os machos alcanzan a madurez sexual ós 3 anos, e as femias ós 4 anos. Os exemplares mantidos en catividade poden vivir 30 ou 40 anos, coñecéndose un caso en que chegaron a cumprir 54 anos.

Como outros réptiles, o escáncer hiberna durante o inverno, recuperando a actividade entre febreiro-marzo (en zonas máis frías, incluso en maio) ata outubro-novembro. A hibernación realízase en galerías fondas, moitas veces baixo as raíces de árbores, e, normalmente, en grupos numerosos de varias ducias (hai citas destas invernadas comunais de ata cen exemplares). Poden comparti-lo mesmo refuxio con outras especies de cobras ou anfibios.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Coñécese pouco do réxime alimenticio dos escánceres. Ó ser de movementos lentos, as súas presas tamén o han de ser. Comen vermes, larvas de insectos, arácnidos e pequenas lesmas. Citouse tamén o caso de comer miñocas, crías de lagartas e mesmo casos de canibalismo.

É obxecto de predación doutras cobras, aves de rapina, mustélidos e do porco bravo.

Resulta absolutamente inofensiva e nunca traba, mesmo cando se colle na man. Esta ausencia total de perigo non impide que sexa obxecto, como tamén as cobras, ás que se parece, de medos e persecución. De feito, autores antigos, non especializados, aseguraban que a súa picadura era velenosa:

en cuanto a picar el ganado de los prados, y es venenosa la picadura de los dos.
Es una especie de culebrilla o vivorilla, de un palmo o palmo y medio de largo, que anda serpenteando por los prados entre la hierba y en las márgenes de las presas. [...] Creen algunos que el liscancere no tiene veneno. Es error. Le tiene y de la calidad del de la vívora.
Mientras hay quienes afirman que no muerde, lo que se cree más cierto es que su mordedura es venenosa. Por eso, sin duda, nuestros paisanos le temen y le huyen, poseídos de miedo y terror.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Fotografía realizada en Polonia.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escáncer.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para liscanzo.
  4. 4,0 4,1 Anguis Linnaeus, 1758 no ITIS.
  5. Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Montes e Fontes. Xerais. 1993. ISBN 84-7507-722-6. Páxina 360.
  6. Nestes animais, o límite entre o corpo e o rabo vén definido pola abertura cloacal, en forma dunha fenda transversal facilmente apreciable.
  7. Os osteodermos son finas estruturas osificadas que se forman na derme.
  8. Boa proba da abundancia do escáncer en Galicia é a riqueza de sinónimos e variantes xeográficas co que se coñece: alcánguer, alicrán, biscáncel, biscanzre, cáncer, escance, escáncel, escángel, escánzaro, escanzre, escónzaro, esgónzaro, esgonzo, licácer, liscáncer, liscáncere, liscánciro, liscandre, liscánzaro, liscanzo, liscanzre, lizcante e rescáncel (recollidas por Eladio Rodríguez, Constantino García, Franco Grande ou Rivas Quintas).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ASENSI CABIRTA, Moisés (2006): Guía dos anfibios e réptiles de Galicia, Baía Edicións, A Coruña.
  • GALÁN REGALADO, Pedro e FERNÁNDEZ ARIAS, Gustavo (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Xerais, Vigo.
  • LANKA, Václav e VÍT, Zbysek (1985): Anfibios y reptiles. Susaeta, Madrid.
  • PÉREZ MELLADO, Valentín e SACRISTÁN, Antonio (1997): Los anfibios y reptiles. Penthalon Ediciones, Madrid.
  • RODRÍGUEZ, José Luis (1996): Los reptiles ibéricos, suplemento de Natura 161, agosto 1996.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.) (2000-2004): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 2000; 3ª ed. 2004.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]