Death metal
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
Death metal | |
---|---|
e | |
Orixe musical | thrash metal, black metal, hardcore punk |
Orixe cultural | mediados dos 80 nos Estados Unidos (particularmente Florida) |
Instrumentos típicos | voces, guitarra eléctrica, baixo, batería |
Subxéneros | |
death metal melódico, death metal técnico | |
Xéneros de fusión | |
deathcore, blackened death metal, death/doom, deathgrind, death 'n' roll | |
O death metal é un subxénero extremo da música heavy metal. Adoita empregar guitarras fortemente distorsionadas, tremolo picking, voces guturais profundas, ritmos de batería blast beat, tonalidades menores ou atonalidade e complexas estruturas de cancións con múltiples cambios de tempo.
Construído a partir da estrutura musical do thrash metal e o primeiro black metal, o death metal apareceu a mediados da década dos 80[1]. Bandas de metal como Slayer[2], Kreator, Celtic Frost e Venom foron influencias moi importantes na elaboración do xénero. Possessed[3] e Death[4], xunto con grupos como Obituary, Carcass, Deicide, Cannibal Corpse e Morbid Angel[5] adoitan a ser considerados poneiros do death metal. A finais dos 80 e principios dos 90, o death metal gañou a atención dos medios como un xénero popular cando varios selos como Combat, Earache e Roadrunner comezaron a asinar contratos con bandas de death metal a un bo ritmo. Dende entón o estilo diversificouse, aparecendo distintos xubxéneros.
Historia
[editar | editar a fonte]Aparición e primeiros anos
[editar | editar a fonte]A banda inglesa de heavy metal Venom, procedente de Newcastle, fixo cristalizar os elementos do que posteriormente se coñecería como thrash metal, death metal e black metal, co seu álbum de 1981 Welcome to Hell[6]. O seu son escuro e rápido, con voces duras e macabras, e unha fachendosa imaxinería satánica foron unha grande influencia para as bandas de metal extremo[7]. Outro influente grupo, Slayer, formouse ese mesmo ano, e, aínda que practicaba o thrash metal, a súa música era máis violenta que os seus contemporáneos Metallica, Megadeth e Exodus[8]. A súa gran velocidade e destreza instrumental combinadas con letras sobre morte, violencia, guerra e satanismo proporcionáronlle a Slayer o estátus de banda de culto. Segundo Allmusic, o terceiro álbum da banda, Reign in Blood, "inspirou a todo o xénero do death metal". Este tivo un grande impacto entre os principais grupos do xénero como Death, Obituary e Morbid Angel.
A Possessed, unha banda formada na área da baía de San Francisco durante o ano 1983, Allmusic atribúelle o papel de "conectar os puntos" entre o thrash metal e o death metal co seu álbum de estrea Seven Churches (1985). Aínda que se lle atribuíu estar influenciados por Slayer, os membros do grupo realmente citaron a Venom e Motorhead, así como aos primeiros traballos de Exodus, como as principais influencias no seu son. A pesar de que o grupo ten editados só dous álbums de estudio e un EP nos seus anos formativos, foron descritos tanto polos xornalistas como polos músicos como fundamentais no desenvolvemento do death metal, ou incluso como a primeira banda do xénero.
Durante o mesmo período formouse unha segunda influente banda en Florida: Death. Orixinalmente chamada Mantas, foi fundada no ano 1983 por Chuck Schuldiner, Kam Lee e Rick Rozz. No ano seguinte publicaron a súa primeira demo titulada Death by Metal, seguida de varias máis. As cintas circularon a través do mercado, espallando rapidamente o nome do grupo. Co guitarrista, Chuck Schuldiner, pasnado tamén a encargarse das voces, a banda conseguiu un maior impacto na escena. Os rápidos riff en tonalidades menores e os solos eran complementados por ritmos rápidos de batería, creando un estilo que se puxo de moda no mercado das cintas[9]. O disco de estrea de Death, Scream Bloody Gore (1987), foi descrito por Chad Bowar de about.com como a "evolución do thrash metal ao death metal"[10], e "o primeiro disco de death etal auténtico" por The San Francisco Chronicle.
Xunto con Possessed e Death, outros pioneiros do death metal nos Estados Unidos son Autopsy, Necrophagia, Master, Morbid Angel, Massacre, Atheist, Post Mortem, Obituary e Deicide.
A popularidade medra
[editar | editar a fonte]Cara 1989 moitas bandas asinaran con selos ansiosos de facer caixa co subxénero, incluídos os grupos de Florida Obituary, Morbid Angel e Deicide. Este colectivo de conxuntos de death metal procedentes dese estado adoita a ser etiquetado como "Florida death metal". O death metal estendeuse por Suecia a finais da década, florecendo con pioneiros como Carnage, God Macabre, Entombed, Dismember e Unleashed. A comezos dos 90, estivo en auxe o tipicamente melódico "Gothenburg metal", con bandas como Dark Tranquillity, At the Gates e In Flames.
Tras os innovadores orixinais do death metal, comezaron a aparecer novos xubxéneros cara ao final da década. A banda británica Napalm Death foi asociada cada vez máis á escena, particularmente o seu álbum Harmony Corruption. Este traballo desprega uns riffs de guitarra agresivos e tecnicamente moi limpos, ritmos complexos, sofisticadas voces guturais por parte de Mark "Barney" Greenway e temas líricos con contido social, levándoos a unha fusión co grindcore. Outros grupos que contribuíron significativamente a este primeiro movemento foron os británicos Bolt Thrower e Carcass e os neoiorquinos Suffocation.
Para pechar o círculo, Death publicou o seu cuarto álbum, Human, en 1991, un exemplo de death metal moderno. O fundador da banda, Chuck Schuldiner, axudou a ampliar os límites de velocidade e virtuosismo técnico, mesturando un traballo de guitarra rítmica intricado e técnico con complexos arranxos e emotivos solos. Outros exemplos son o Necroticism – Descanting the Insalubrious de Carcass, o Effigy of the Forgotten de Suffocation e o Clandestine de Entombed. Nese momento estaban xa presentes todas as características anteriores: tempos e cambios abruptos, en ocasións ritmos de batería extremadamente rápidos, letras mórbosas e voces guturais.
Earache Records, Relativity Records e Roadrunner Records convertéronse nos selos máis importantes do xénero, con Earache publicando álbums de Carcass, Napalm Death, Morbid Angel e Entombed, e Roadrunner editando traballos de Obituary e Pestilence. Aínda que esas discográficas inicialmente non eran etiquetas de death metal, convertéronse nos selos insignia do xénero a coezos dos anos 90. Ademais, creáronse outras discográficas como Nuclear Blast, Century Media Records e Peaceville Records. Moitos destes selos acadarían o éxito noutros estilos de metal durante esa década.
En setembro de 1990, o representante de Death, Eric Greif, celebrou un dos primeiros festivais norteamericanos de death metal, o Day of Death, en Milwaukee, Wisconsin, e contou con 26 bandas entre as que estaban Autopsy, Broken Hope, Hellwitch, Obliveon, Revenant, Viogression, Immolation, Atheist e Cynic.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]A popularidade do death metal acadou a súa cima inicial entre os anos 1992 e 1993, con bandas como Morbid Angel, Cannibal Corpse e Obituary conseguindo un moderado éxito comercial. Porén, o xénero en conxunto nunha chegou ao grande público. O death metal diversificouse durante a década dos 90, xerando unha rica variedade de subxéneros que aínda teñen un gran número de seareiros no underground na actualidade.
Características
[editar | editar a fonte]Instrumentación
[editar | editar a fonte]A configuración máis frecuente usada no death metal é a de dous guitarristas, un baixista, un vocalista e un batería que adoita a usar dobre bombo e blast betas[11][12]. Aínda que esta é a configuración estándar, moitas bandas teñen incorporado ocasionalmente outros instrumentos como os teclados electrónicos[13].
O xénero adoita a identificarse polas súas guitarras rápidas, fortemente distorsionadas e con afinacións baixas, tocadas con técnicas como o palm muting e o tremolo picking. A percusión normalmente é agresiva e potente; con patróns de batería extremadamente rápidos engadindo complexidade ao estilo[14].
O death metal é coñecido polos seus tempos, tonalidades e cambios de velocidade abruptos. Ademais pode incluír progresións de acordes cromáticas e estruturas de cancións varadas, normalmente fuxindo do típico arranxo de verso-estribillo. Nalgúns casos o estilo incorpora riffs melódicos e harmonías efectistas. Esta incorporación de melodía e sons harmoniosos posteriormente usouse na creación do death metal melódico.
Voces e letras
[editar | editar a fonte]As voces no death metal adoitan a ser berridos, gruñidos ou ruxidos guturais, coñecidos coloquialmente como "death growls". Erroneamente adoita a pensarse que este tipo de voces son unha forma de berro usando o rexistro vocal máis baixo, un rexistro coñecido en inglés co nome de vocal fry, porén o vocal fry é realmente unha forma de berros harmónicos, e aínda que os ruxidos poden realizarse deste xeito por parte de vocalistas experimentados que usan esta técnica, as "verdadeiras" voces do death metal créanse de feito a partir dunha técnica diferente. Os tres principais métodos de vocalización usada no xénero adoitan a confundirse entre eles. Os gruñidos ás veces tamén son referidos como "voces do Monstro das Galletas", debido á semellanza coa voz da personaxe de Barrio Sésamo. Aínda que adoitan a ser criticados, os berros do death metal teñen o propósito estético de igualar o agresivo contido lírico do xénero. Os berros moi agudos son ocasionalmente usados no death metal, escoitándose en temas de Death, Exhumed, Dying Fetus, Cannibal Corpse e Deicide.
O temas líricos do death metal poden invocar ás violencia das películas gore, pero tamén esténdense a temas como satanismo, relixión, ocultismo, terror Lovecraftiano, natureza, misticismo, filosofía, ciencia ficción e política. Aínda que a violencia tense explorado tamén noutros xéneros, o death metal pode afondar nos detalles de actos extremos, como mutilacións, diseccións, tortura, violación e necrofilia. O sociólogo Keith Kahn-Harris comentou que esta aparente "glamourización" da violencia podería atribuírse á "fascinación" co corpo humano que toda a xente comparte nalgún grao, unha fascinación que mestura desexo e aversión[15]. Artistas do xénero adoitan a defendelo como algo máis que unha forma extrema de arte e entretemento, semellante ás películas de terror da industria do cine. Esta explicación puxo a moitos músicos no punto de mira de activistas de todo o mundo, que afirman que un gran número de adolescentes non se fixan nesta mensaxe e só quedan coa glamourización deste tipo de violencia sen contexto social ou conciencia de porqué este tipo de imaxes é estimulante.
Orixe do termo
[editar | editar a fonte]A teoría máis popular do bautizo do xénero é que provén da demo de Possessed de 1984 Death Metal; o tema do mesmo nome tamén aparecería no álbum de estrea da banda en 1985, Seven Churches[16] . O vocalista e baixista de Possessed, Jeff Becerra, dixo que cuñara o termo a principios de 1983 nun traballo para a clase de inglés do instituto[17] . Outra posible orixe é un fanzine chamado Death Metal, creado por Thomas Fischer e Martin Ain de Hellhammer e Celtic Frost. O nome foi porteriormente dado ao recompilatorio de 1984 Death Metal, publicado por Noise Records. O termo tamén puido orixinarse por outras gravacións. Unha demo editada por Death en 1984 foi chamada "Death by Metal".
Subxéneros
[editar | editar a fonte]- Death metal melódico
- Death metal técnico
- Death/doom
- Goregrind, deathgrind e pornogrind
- Deathcore
- Death 'n' roll
- Blackened death metal
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Documental Metal: A Headbanger's Journey
- ↑ "As principais bandas de metal para a MTV". Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2006. Consultado o 09 de maio de 2013.
- ↑ Possessed en allmusic.com
- ↑ Death en allmusic.com
- ↑ Morbid Angel en allmusic.com
- ↑ Welcome to the Hell en allmusic.com
- ↑ Venom en allmusic.com
- ↑ Metal Hammer - Into the lungs of hell
- ↑ Liña de tempo de Death
- ↑ "about.com - Perfil de Death". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2014. Consultado o 09 de maio de 2013.
- ↑ Purcell, N. Death Metal music: the passion and politics of a subculture
- ↑ Kahn-Harris, K. Extreme metal: music and culture on the edge
- ↑ "about.com - Death metal melódico". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2022. Consultado o 10 de maio de 2013.
- ↑ fretjam.com - How to play death metal guitar
- ↑ Khan-Harris, Keith (2006). Extreme Metal: Music and Culture on the Edge. Oxford: Berg. ISBN 978-1-84520-399-3.
- ↑ Purcel, Natalie J. (2003). Death Metal Music: The Passion and Politics of a Subculture. McFarland & Company. ISBN 0-7864-1585-1.
- ↑ Ekeroth, Daniel (2008). Swedish Death Metal. Bazillion Points. ISBN 978-0-9796163-1-0.